jueves, 7 de marzo de 2013
Manifiesto do PPdeG polo Día Internacional da Muller
Desde o Partido Popular de Galicia, e con motivo do Día Internacional da Muller, queremos reafirmar o noso firme compromiso coa igualdade real e efectiva entre homes e mulleres.
A igualdade de trato e a loita contra calquera tipo de discriminación en calquera ámbito da vida cotiá son obxectivos aos que non renunciaremos.
Temos a obriga de evitar que as mulleres sigan cuestionándose a maternidade polo medo a perder o emprego, que sacrifiquen a súa promoción laboral polo coidado familiar, ou que só por ser mulleres teñan dificultades para acceder a postos de traballo.
Consideramos que o desemprego feminino é o inimigo principal da igualdade entre os homes e as mulleres, polo que é preciso impulsar e blindar actuacións como fomentar o emprendemento feminino como vía de autoemprego ou apoiar asociacións de mulleres e programas de conciliación que favorezan a inserción de mulleres no mercado laboral.
O reto é construír un modelo social máis igualitario, onde mulleres e homes compartan espazos de responsabilidades, non só en ámbitos públicos e laborais, senón tamén na vida privada.
Por iso, é preciso acadar a necesaria conciliación familiar, de maneira que as mulleres poidan compaxinar a súa vida laboral coa vida privada, sen verse obrigadas a renunciar a unha delas. Deste xeito, a sociedade en xeral sairá beneficiada, posto que se eliminaría unha das trabas para reverter a pirámide poboacional, algo tan necesario en comunidades como Galicia, caracterizadas polo envellecemento progresivo da súa poboación.
Así mesmo, que as mulleres reciban o mesmo salario que os homes por traballos iguais é, ademais dunha cuestión de xustiza, unha cuestión de sentido común.
Por outra banda, é preciso seguir colaborando coas entidades de iniciativa social que traballen con mulleres en risco de exclusión e que precisen do apoio das administracións públicas.
Os populares seguiremos loitando día a día, desde o partido e desde a Xunta, para acadar unha igualdade efectiva entre homes e mulleres a través da inserción laboral, a conciliación laboral e familiar e a inclusión social.
Sigamos a construír unha Galicia igualitaria, porque unha sociedade non logrará progresar mentres homes e mulleres non sexan tratados como individuos cos mesmos dereitos e deberes.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario