A xerente do Sergas, Mª Nieves Dominguez, estivo onte no centro de saúde para coñecer as novas Salas
A posta en marcha destes servizos supón a incorporación a este centro de cinco profesionais para atender ás novas Unidades, un odontólogo, un hixienista dental e tres fisioterapeutas.
Este centro sanitario oferta a totalidade das prestacións asistenciais da carteira de servizos de atención primaria
Vigo, 18 de outubro de 2012.- O Servizo Galego de Saúde completou o funcionamento do novo centro de saúde vigués de San Paio de Navia coa incorporación de novas prestacións asistenciais, a odontoloxía e a fisioterapia.
Por este motivo, a xerente do Sergas, Mª Nieves Dominguez, acompañada do xerente de Atención Primaria de Vigo, Javier Caramés, realizou onte unha visita para coñecer as novas Unidades, que veñen de iniciar a súa actividade hai uns dias. Con estes novos recursos, o dispositivo sanitario de San Paio de Navia oferta a totalidade das prestacións asistenciais da carteira de servizos de Atención Primaria.
A posta en marcha destes servizos supuxo a incorporación a este centro de saúde de cinco profesionais, que prestan asistencia nas novas Unidades, un odontólogo, un hixienista dental e tres fisioterapeutas.
Estes efectivos veñen a engadirse aos xa existentes, polo que na actualidade, o cadro de persoal do centro conta cun equipo multidisciplinar composto por 4 médicos xerais, un pediatra, unha matrona, tres fisioterapeutas, un odontólogo, un hixienista dental, catro enfermeiras, unha auxiliar de enfermería e dous PSX (Persoal de Servizos Xerais), que dan cobertura sanitaria á un total de 6.844 TIS.
100.000 euros no equipamento
No equipamento de ambas Salas, a Consellería de Sanidade realizou un investimento de máis de 90.000 euros. A Unidade de Saúde Bucodental incorpora un novidoso sillón dental e aparato de raios-x, cun captador de imaxes dixitais que permite obter a placa radiolóxica dixitalizada e a súa integración na historia clínica electrónica. Nas súas instalacións ofertanse todas as prestacións asistenciais existentes en Galicia.
En canto á Unidade de Fisioterapia, conta nas súas dependencias cun moderno equipamento para desenvolver as técnicas fisioterapéuticas máis avanzadas. Así, dispón dun equipo de electroterapia e dous de ultrasóns, un de onda corta, de presoterapia, de tracción cervical, bastidor de poleoterapia, e dinamómetros. Ademáis, conta cun amplo ximnasio co equipamento propio deste tipo de instalacións, como espalderas, bancos de exercicios, rampas, bicicletas estáticas, pesas e cuñas.
Mellora da calidade asistencial
O novo centro sanitario que a Consellería de Sanidade puxo en funcionamento no pasado mes de maio no concello de Vigo, supuxo un investimento de 4,837.352 euros; 4,4 millóns na execución da obra e 348.000 euros no equipamento. Cunha superficie de 3.800 metros cadrados, destaca pola amplitude e dimensións dos seus espazos.
Este edificio conta con 14 consultas de medicina xeral e 3 de pediatría, con capacidade para consultar, en horario de mañá e tarde, un total de 28 médicos xerais e 6 pediatras. A maiores dispón dunha consulta de matrona, outra de odontoloxía, unha sala de educación maternal, unha sala de fisioterapia, e outra de extraccións, así coma as respectivas consultas de enfermería xeral e pediátrica ademais da zona de despachos e a área de administración, arquivo, almacéns e outras salas polivalentes.
Polo tanto, trátase dun centro para atender ata a 45.000 persoas dunha zona de Vigo que se atopa en expansión.
Esta nova dotación sanitaria contribuirá a mellorar notablemente a calidade da asistencia ofertada en Vigo, cun crecemento condicionado por limitacións espaciais e estruturais; deste xeito, Navia permitirá desconxestionar a outros centros de atención primaria e achegar os servizos sanitarios á poboación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario