sábado, 6 de octubre de 2012

Feijóo: "A miña única coalición serán os galegos e as galegas. Vos pido o voto da unidade"






O candidato do PPdeG celebra o mitin central da campaña en Pontevedra coa participación de Mariano Rajoy e Gerardo Fernández Albor e coa asistencia de 12.000 persoas 
Afirma que se seguimos así, dentro de catro anos os galegos e as galegas “celebraremos a recuperación económica de Galicia nesta praza”

Pide o voto da unidade, da estabilidade e a favor da comunidade para que Galicia siga sendo a resposta política de España ante as dificultades







Pontevedra, 6 de setembro de 2012.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou o pasado sábado no seu primeiro gran mitin de campaña que se sente “orgulloso de que os galegos e as galegas vaiamos facer a coalición democrática da maioría absoluta en Galicia”.
Así se expresaba o dirixente popular no mitin central da campaña dos populares, celebrado na Praza de Touros de Pontevedra, onde tamén interviu o presidente do PP e do Goberno central, Mariano Rajoy, e o presidente de honra do PPdeG, Gerardo Fernández Albor.
Alí Feijóo, ante 12.000 persoas que se achegaron para apoiar ao PPdeG, asegurou que é mérito do pobo galego que Galicia sexa hoxe o guieiro de España, como líder no camiño da recuperación xa que foi algo que se acadou grazas aos galegos.
Así, Feijóo quixo darlles as grazas ao persoal sanitario, porque o Sergas é un dos mellores servizos sanitarios de Europa; aos profesores, polo seu esforzo por aprender cada día para poder ensinar mellor reducindo o fracaso escolar; aos funcionarios e empregados públicos, porque acreditaron que hoxe a Xunta é unha das Administracións máis solventes de España; ás persoas do rural e do mar, porque o seu traballo é sinónimo da calidade dos productos galegos; e a todos aqueles que invisten en emprego en Galicia.
Por iso, Feijóo pediulles “que ninguén vos quite o mérito de facer unha Galicia que é o modelo de España”.
Segundo apuntou, as galegas e os galegos, xuntos, se seguimos así, dentro de catro anos “celebraremos a recuperación económica de Galicia nesta praza”.
O dirixente lembrou que Galicia foi a primeira en acadar o rigor das contas públicas, en controlar o déficit, en solvencia, en sumar prazas públicas de gardería, en renovar e construír hospitais públicos e centros de saúde e en responsabilidade.
Debido a que o Goberno galego se anticipou ao resto de España, Galicia está por diante e está máis preparada para a recuperación e en mellores condicións para poder encarar o futuro.

O VOTO DA UNIDADE, DA ESTABILIDADE, A FAVOR DE GALICIA
O candidato do PPdeG pediu o voto para que Galicia siga primeiro e para que a Galicia que se enfrontou primeiro á crise con responsabilidade agora sexa a que primeiro afronte a recuperación.
Neste senso, destacou que a única coalición do PPdeG é cos galegos, por iso pediu o voto da unidade. Ademais, Feijóo asegurou que se presenta coa capacidade de desenvolver un proxecto ata o último día desta lexislatura e desde o primeiro día da nova, polo que pediu tamén o voto da estabilidade.
Por outra banda, o dirixente popular matizou que non se presenta contra ninguén senón contra a crise económica, polo que pediu o voto a favor de Galicia, para que xuntos se poidan seguir vencendo problemas como xa se fixo con outros que aínda padecen outras comunidades.
Trátase, polo tanto, do voto da recuperación, para que Galicia siga primeiro e siga sendo a resposta política, de toda España, ante as dificultades.


SENTIDIÑO
O líder do PPdeG aproveitou para facer fincapé en que Galicia respondeu con exemplaridade, esforzo, responsabilidade e compromiso neste tempo e apuntou que, neste tempo, limitouse a actuar como farían os galegos e a non facer o que non farían os galegos, xestionando sempre con “sentidiño”.
Así pois, o Goberno de Feijóo aplicou “sentidiño” cun equipo unido e cun proxecto; e non cinco partidos a repartir asentos. Puxo tamén “sentidiño” para que o goberno gastara menos en si mesmo e puidera investir o máximo nos cidadáns, para facer máis con menos e para que os galegos non teñan que pagar o que a irresponsabilidade política deixa a deber.

A RESPOSTA É GALICIA
O presidente do PPdeG lembrou que Galicia cambiou o discurso e a política en España hai catro anos, poñendo en marcha unha política de rigor, e agora vai volver ser precursora das políticas de crecemento.
Do rigor acadado pasarase ao crecemento a través da innovación nas nosas empresas e nas nosas universidades; a través da internacionalización, abrindo as portas da economía de Galicia; e a través do investimento social, porque o gran activo da comunidade son as persoas, polo que se seguirá investindo en educación, en sanidade e na súa atención social.
Para Feijóo, Galicia é un exemplo e, por iso, aos que poñen en cuestión ás autonomías, a España, aos que queren impoñer a súa ideoloxía minoritaria, aos que cren que non merece a pena controlar as contas e que os políticos non xestionan de xeito responsable, que xa non poden incrementar as prestacións públicas e que cren que non hai futuro, o líder do PPdeG cre que a resposta é Galicia.


No hay comentarios: