martes, 19 de febrero de 2013

A Xunta anima aos emprendedores a aproveitar a XIII edición de Franquiatlántico


A delegada territorial da Xunta en Vigo participou esta mañá na presentación da nova edición da Feira Franquiatlántico, que se celebra os días 23 e 24 de febreiro no Auditorio Palacio de Congresos Mar de Vigo.
Coma presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch ofreceu os locais comerciais que o organismo ten a disposición dos novos emprendedores para poder abrir as súas franquicias.

A Consellería de Traballo e Benestar investiu o ano pasado máis de 8,4 millóns de euros para as políticas activas de emprego en Vigo.
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, enfatizou esta mañá na presentación da XIII edición da feira Franquiatlántico o apoio do Goberno galego aos autónomos e emprendedores, sector que durante os últimos anos recibiu un importante pulo por parte da Administración autonómica con liñas de axudas procedentes da Consellería de Traballo e Benestar e tamén da Consellería de Economía e Industria a través do Igape.



Na súa intervención, Bravo Bosch explicou que a pesares da crise, “é un sector que sostén boa parte da economía galega” e, neste senso, destacou que a Xunta é “consciente” da necesidade de apoiar aos emprendedores sinalando a franquicia coma unha das opcións para xerar emprego. Deste modo, a delegada aplaudiu iniciativas como a nova edición da Feira Franquiatlántico porque suporá unha oportunidade única para ter contactos directos con todos os profesionais da franxa atlántica e non soamente de Vigo.



Neste senso, a delegada animou aos emprendedores a aproveitar esta ocasión para coñecer as oportunidades de negocio máis interesantes e con máis futuro e poder optar así polos seus propios proxectos empresariais. A tamén presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo abundou tamén nas boas opcións que poden ter os novos emprendedores co proxecto de locais comerciais que o organismo ten dispoñibles nestes momentos e nos que poderían abrir as súas franquicias. “Teñen unhas moi boas condicións e bonificacións de ata o 50%”, lembrou a delegada.



Por último, Bravo Bosch lembrou que ademais das iniciativas levadas a cabo dende a Consellería de Economía e Industria, a cidade de Vigo recibiu durante o ano pasado máis de 8,4 millóns de euros para políticas activas de emprego e que inclúen a aposta polos obradoiros de emprego, plans integrados ou accións formativas para desempregados, entre outros, investimento que chegou a ser de 12 millóns de euros se nos referimos aos 14 concellos que conforman toda a área territorial de Vigo



XIII edición de Franquiatlántico

A XIII edición da Feira Franquiatlántico se celebra este fin de semana -23 e 24 de febreiro- no Auditorio Palacio de Congresos Mar de Vigo. Supón a organización dun salón pioneiro na área empresarial das franquicias e dos negocios cuxa área de influencia é o noroeste peninsular permitindo dende o seu inicio a implantación de numerosas empresas neste territorio. Ata o momento, e segundo datos da organización, xa confirmaron a súa presenza medio centenar de expositores que representan a ao redor de 400 firmas comerciais.



Entre os obxectivos deste ano están: presentar a franquicia como unha fórmula idónea para o autoemprego. O contacto directo e networking cos profesionais do sector e outras oportunidades de negocio e futuros franquiciados do Noroeste peninsular. Favorecer as accións de networking, isto é, ofrecer aos futuros franquiciados, investidores, emprendedores e profesionais en xeral os interlocutores idóneos para canalizar as súas iniciativas e coñecer de primeira man a oferta que, en materia de insignias, existe neste momento. Facilitar o contacto entre empresas franquiciadoras e futuros franquiciados da nosa área xeográfica, difundir as novidades de produtos e servizos e servir de punto de contacto entre empresas, asociacións e organismos referentes no sector.

No hay comentarios: