viernes, 8 de febrero de 2013

Hernández destaca que a EDAR provisional de Vigo entrará en servizo a finais deste ano para cumprir os obxectivos da UE en calidade microbiolóxica das augas e optimizar a cría de molusco


O conselleiro de Medio Ambiente explicou que as obras de execución da depuradora posibilitarán a creación dunha media de 350 empregos

A nova depuradora de Vigo correspóndese co maior investimento que a Xunta realiza nunha obra hidráulica, cunha achega económica de 104 millóns de euros, do total de 230 millóns que supón o custe da obra

A EDAR terá unha capacidade de tratamento para 800.000 habitantes, converténdose así na de maior suficiencia da comunidade e un referente a nivel estatal

A nova infraestrutura solucionará a limitada capacidade da actual depuradora, xa que coa nova estación o caudal máximo de tratamento pasará dos presentes 3 m3/s aos futuros 12 m3/s

Hernández indicou que esta semana foi licitado o contrato do emisario submarino da nova depuradora de Vigo, por 23,2 millóns de euros, un feito que demostra unha eficaz tramitación desta obra


O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, adiantou na súa visita de hoxe á exposición da EDAR de Vigo que a depuradora provisional de Vigo entrará en servizo a finais deste ano, permitindo xa unha mellora no tratamento das augas coa conseguinte optimización da cría de molusco. Neste acto tamén estiveron presentes a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch; a directora de Acuanorte, Isabel Pérez Espinosa; e o director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez.

Hernández explicou que aínda que as obras no seu conxunto para mellorar o saneamento de Vigo non rematarán ata finais do ano 2015 xa ao remate deste ano ou comezos do próximo exercicio mellorarase a calidade das augas que verten á ría de Vigo. Coa posta en marcha da EDAR provisional de Coruxo levarase a cabo xa un tratamento de desinfección das augas mellor do que se está a realizar actualmente, optimizando o proceso de cría de moluscos. Esto permitirá xa a finais deste ano cumprir cos obxectivos da Unión Europea (UE) no que se refire á calidade microbiolóxica das augas que verten á Ría. Na actualidade estanse a realizar movementos de terras para a construción desta depuradora provisional.

Cómpre lembrar que a estación depuradora de Vigo correspóndese co maior investimento que o Goberno galego fixo nunha actuación hidráulica, considerándose unha obra de depuración referente en España. O orzamento desta obra ascende a 230 millóns de euros, dos que a Xunta achega 104,3 millóns; Acuanorte, 112; e o Concello de Vigo, 13,6 millóns.

O titular de Medio Ambiente destacou que as obras de execución destas infraestruturas hidráulicas posibilitarán a creación dunha media de 350 postos de traballo, un feito salientable considerando o contexto de recesión económica actual.

Agustín Hernández indicou que ademais esta mesma semana foi licitado o contrato do emisario submarino da nova depuradora de Vigo, por 23,2 millóns de euros, un feito que demostra unha eficaz tramitación desta obra.

Estas obras hidráulicas están enmarcadas nunha das prioridades da Xunta de Galicia dende o ano 2009: a mellora da calidade das augas das rías, considerando a importancia socio-económicas das zonas costeiras. A optimización da calidade das augas das rías galegas radica na redución da contaminación que xera a actividade humana das zonas máis poboadas da comunidade autónoma.

Maior capacidade
A nova EDAR terá unha capacidade de tratamento para 800.000 habitantes, o que a converterá na de maior suficiencia de Galicia. Coa nova depuradora eliminaranse por completo os vertidos á ría e ao río Lagares.

En canto ás características técnicas da EDAR de Vigo, esta infraestrutura deseñouse para eliminar as deficiencias das instalacións existentes que xeran molestias aos cidadáns, impiden unha adecuada xestión e, sobre todo, non teñen capacidade para garantir os obxectivos de calidade para as augas de baño ou a cría de moluscos.

A EDAR actual ten unha importante limitación na capacidade de tratamento, xa que está no límite dos caudais de tempo seco. Por iso, non resulta posible xestionar adecuadamente os caudais e cargas contaminantes que se xeran en tempo de chuvias. O caudal máximo de tratamento das novas instalacións pasa dos 3,0 m3/s actuais, ata un máximo de 12,0 m3/s, superior mesmo á capacidade dos colectores existentes que chegan á EDAR. Por tanto, elimínanse os frecuentes alivios na entrada á EDAR e posibilítase a xestión dos caudais e da contaminación en épocas de choivas.

Por outra parte, a nova EDAR incorpora a desinfección do efluente, previo á vertedura ao mar co fin de lograr o esixente criterio de calidade microbiolóxica, para o que a actuación en marcha conta coa execución dun novo emisario submarino. Ademais, a nova instalación incorpora procesos para a eliminación de nutrientes que permitirán controlar a eutrofización da ría debida a causas non naturais. A pesar das dificultades de execución da nova depuradora en terreos comúns ás instalacións existentes, preveuse que a desinfección sexa operativa dous anos antes da finalización das obras.

En relación coa afección á contorna inmediata, é reseñable que a configuración da instalación proxectada incorpora no seu deseño medidas para controlar a produción de cheiros e, no seu caso, o seu tratamento. Por iso, todos os procesos están pechados en edificios accesibles e conectados a sistemas de tratamento.

Por último, prestouse especial atención á eficiencia enerxética, tanto no deseño de cada proceso como na incorporación de sistemas de tratamento novos, como é a hidrólisis térmica, que permititrá un mellor aproveitamento enerxético dos lodos producidos e unha redución do seu peso.

No hay comentarios: