sábado, 23 de marzo de 2013

Feijóo lembra que o PPdeG xa completou os seus equipos mentres que o resto de partidos seguen atrapados nas eleccións


* Asegura que os populares manteñen o seu referente en Galicia fronte aos que o buscan no PSC, en Bildu ou en axentes antisistema

* Di que, fronte a outros que non fixeron nada polos afectados polas preferentes, os populares seguirán loitando para buscar as vías que permitan que os que foron enganados recuperen a totalidade do seu diñeiro


O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o PPdeG xa ten completado os seus equipos mentres que o resto de partidos seguen atrapados nas eleccións.

Así se expresaba o líder do PPdeG en Silleda, na clausura do XVI Congreso provincial do PP de Pontevedra, onde recoñeceu o traballo do presidente, Rafael Louzán, que viu renovada a súa confianza no cargo cun 97,1 por cento de votos.

Como lembrou Feijóo, pasaron cinco meses desde as eleccións autonómicas e os populares xa celebraron cinco congresos. Por tanto, volveron superarse a si mesmos e, nun tempo récord, colleitaron unha nova vitoria, que é ter completados os seus equipos tanto a nivel autonómico como a nivel provincial.

Así, mentres os populares xa están en condicións de preparar as vindeiras eleccións europeas e as pre-municipais, o resto de partidos seguen atrapados nas post-autonómicas: non as de 2012 senón as de 2009.

UN PARTIDO ESTABLE E UN GOBERNO ESTABLE
Segundo Feijóo, aos que lles resulta imposible atopar un líder e atopar unhas ideas coas que marcar a súa propia renovación, celebrar un congreso sen perder ducias de militantes ou simplemente comportarse como un partido, Galicia seguiraos deixando por imposibles.

Pola súa banda, para os populares si é posible ter unhas ideas claras, celebrar congresos en tempo récord e respectar as regras da democracia e, segundo Feijóo, todo iso é posible porque Galicia fai que así sexa.

Neste senso, asegurou que o modelo de Galicia non é o que busca o PSdeG, nin o BNG, nin a alianza entre un partido nacionalista como ANOVA e o partido nacional Izquierda Unida.

Fronte a estes partidos que buscan os seus referentes no PSC, en Bildu ou en axentes antisistema, os populares mantéñeno en Galicia.

Por outra banda, Feijóo apuntou que é frustrante ter que escoitar aos que agravaron a crise económica cuestionar as decisións que se están a tomar para afrontala, e que os que endebedaron a España dunha maneira insostible se permitan o luxo de falar dos resultados de déficit.

Así mesmo, amosouse sorprendido de que os mesmos que quebraron os servizos públicos neguen os esforzos que agora se fan para blindalos e tamén de que todos aqueles que ignoraron as dificultades de sectores estratéxicos como o naval ou como o rural, agora utilicen o sufrimento dos afectados no seu propio beneficio.

Non obstante, asegurou que o compromiso dos populares é Galicia e por esta comunidade seguirán esforzándose por superar os problemas, por seguir controlando as contas e apostando por mellorar os servizos sociais e tamén por seguir apoiando a todos os que sofren as consecuencias do descontrol económico e da inacción.

É preciso, por tanto, seguir a carón dos galegos cunha política coa que se sintan identificados e que responda aos seus intereses.

PREFERENTES
O líder do PPdeG lamentou que partidos que se lavaron as mans cando se emitían preferentes sen control agora as freguen porque ven nos afectados unha arma arroxadiza contra quen ten como único interese buscar solucións.

Neste senso, asegurou que a preocupación actual dos afectados non significa que vaian esquecer con que goberno se autorizaron as preferentes, que goberno ignorou os riscos que estaban correndo os afectados, e que goberno se marchou sen facer absolutamente nada por eles.

Así, non van a esquecer nin que o Goberno socialista nin que o Bipartito miraron para outro lado, e Feijóo amosouse seguro de que tampouco van a esquecer que a Xunta actual estableceu antes que ningunha outra comunidade a arbitraxe coa que case 15.000 familias recuperaron os seus aforros.

Así mesmo, cre que os afectados tamén terán en conta que esta Xunta pelexou para que, como onte aprobou o Consello de Ministros, todos os prexudicados por estes produtos conten cunha rede de seguridade para recuperar unha parte do que daban por perdido.

A XESTIÓN DO GOBERNO GALEGO
Segundo o presidente do PPdeG, Galicia loita cada día por parece aos galegos e á súa maneira exemplar de afrontar as dificultades.

Así, Galicia está loitando contra o problema do déficit e sairá desta crise cunhas contas máis fortes contra as adversidades. De feito, xa é referente de solvencia desde 2009 e volverao ser este ano.

De feito, esta loita non foi en van, como quedou de manifesto no Consello de Política Fiscal e Financeira no que Galicia puido manterse no grupo das comunidades cumpridoras.

Feijóo tamén subliñou que a comunidade está a loitar contra as dificultades que teñen todos os emprendedores e saíra da crise en mellor situación que o resto de España. Trátase dunha loita que non é en van, porque de feito os indicadores económicos presentan mellor comportamento que a media nacional.

Así mesmo, Galicia loita por manter unha sanidade pública sostible e que accesible para todos e saíra desta crise con máis e mellor sanidade. De feito, na propia provincia de Ourense por fin se está facendo realidade un Hospital Público ampliado e á altura do que merecen os cidadáns.

O líder do PPdeG tamén destacou a loita do Goberno galego pola educación pública, na que se está reducindo o fracaso escolar, que chega a todos e que sairá desta crise con máis contidos, máis tecnoloxía e cunha política lingüística avalada pola Xustiza.

Así mesmo, Galicia está mantendo as prestacións sociais e saíra desta crise con 10.000 prazas públicas de servizos sociais -5.000 na pasada lexislatura e 5.000 na presente-, segundo apuntou Feijóo.

Por outra banda, o Goberno galego loita por garantir un futuro demográfico máis estable, como fixo esta mesma semana aumentando os incentivos fiscais para as familias que teñen fillos, así como facilitando o seu acceso á vivenda ou ao transporte.

No hay comentarios: