miércoles, 20 de marzo de 2013

Prado: “O PSOE debería aclarar se mantén que é mellor pedir o rescate, como Chipre, que non necesitalo, como Galicia”

· Para a voceira do PPdeG, Galicia con Manuel Vázquez á fronte non sería máis que unha autonomía rescatada baixo esixencias fixadas lonxe do noso territorio

· Di que nos dous puntos fundamentais que se abordarán mañá no CPFF, a administración paralela e os obxectivos de déficit, Galicia asumirá un papel protagonista

· Cre que, se nesa reunión houbera espazos para mellorar as condicións financeiras das autonomías que están sendo leais coas necesidades de España, Galicia sería das que merecerían unha atención especial por parte do Goberno 


A voceira do PPdeG, Paula Prado, considera que “o PSOE debería aclarar se mantén que é mellor pedir o rescate, como Chipre, que non necesitalo, como Galicia”.

Así se expresaba Prado nunha rolda de prensa esta mañá, onde lembraba que o secretario xeral do PSOE galego chegou a dicir no Parlamento que non pedir o rescate de Galicia a Madrid era unha frivolidade de Feijóo.

Por iso, considera que Vázquez debería ir explicar as súas teorías económicas aos pequenos aforradores chipriotas. Que lles diga que é mellor, se estar rescatado aínda que sexa con condicións impostas que non estalo.

Para a voceira do PPdeG, Galicia con Manuel Vázquez á fronte sería Chipre: unha autonomía rescatada baixo esixencias fixadas lonxe do noso territorio.

Con respecto a isto, a dirixente popular lembraba que mañá terá lugar en Madrid a reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira que abordara, entre outros asuntos, un informe do Ministerio sobre a redución feita polas autonomías no que a administración paralela se refire; e outro sobre o análise do cumprimento dos obxectivos de déficit do presente e as fórmulas para o cumprimento dos obxectivos de déficit do futuro.

A dirixente popular considera que en ambos puntos Galicia asumirá un papel protagonista.

Así, no que atinxe aos chiringuitos, Prado non se estendeu a explicar os datos da racionalización dos mesmos porque a Xunta informará en próximas datas sobre os pormenores da segunda fase dese Plan. O que si avanzou é que, en total, o proceso nas dúas fases afecta a 116 organismos, co mandato de eliminar 73 e optimizar os restantes con 500 medidas específicas de eficiencia. É un aforro que só na primeira fase superou os 20 millóns de euros e que aínda se vai ver incrementado nesta segunda fase.

Trátase dun proceso de adelgazamento da Administración paralela no que Galicia leva o mellor ritmo de todo o Estado porque o leva facendo dende 2009, anticipándose antes de que a obrigase o Goberno central.

No relativo ao déficit, Prado apuntou que sexa cal sexa o marco que o Goberno aposte por fixar cara ao futuro, Galicia afrontarao coa seguridade de quen xa cumpre no presente e ten cumprido no pasado.

Neste senso, lembrou que Galicia acadou un ano máis o obxectivo de déficit fixado polo Goberno e non lle fixo falla acudir ao Fondo de Liquidez Autonómica nin ao Plan de Pago a Provedores. Ademais, asegurou que non ter logrado todo iso deixaría ao PPdeG nos mesmos termos de irresponsabilidade nos que está incurrindo o PSOE.

Con respecto a isto, Prado lembrou que en España hai comunidades que comparten con Chipre a súa necesidade de ser rescatadas, pero Galicia non é unha delas.

Polo tanto, os populares galegos acudirán ao CPFF coa firmeza de quen ten mellor PIB, mellor taxa de paro, mellor Índice de Produción Industrial, mellor taxa de endebedamento e mellor déficit público que a media do Estado.

Así mesmo, asegurou que non pedirán endurecementos nas condicións dos que non cumpren porque son solidarios co resto de autonomías, nin esixirán recoñecementos por dar solvencia ao Estado porque non queren medallas por cumprir co seu deber.

Pero se nesa reunión houbera espazos para mellorar as condicións financeiras das autonomías que están sendo leais coas necesidades de España, Prado apuntou que Galicia sería das comunidades que compoñen o grupo das que merecerían unha atención especial por parte do Goberno.

Segundo engadiu Prado, Galicia vai a Madrid a dar solvencia fronte aos que van a Madrid a pedir axuda.

No hay comentarios: