viernes, 19 de octubre de 2012

Feijóo gobernará para todos e di que Galicia “non precisa un goberno de confrontación senón de concentración cos galegos”




Di que Galicia non merece unha oposición que só buscará o acordo se hai poder a cambio e subliña que, fronte o pacto á contra que propoñen, precísase un gran acordo a favor

Diríxese aos que cren que é preciso unha renovación real no PSOE e a volta a un proxecto común nos nacionalistas


19 de outubro de 2012.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que gobernará para todos e sinalou que Galicia non precisa un goberno de confrontación, senón un de concentración con todos os galegos: sen intereses partidistas e a favor do avance de Galicia.

Así se expresaba o líder do PPdeG no mitin celebrado esta tarde en Lugo, onde asegurou que a opción de goberno á que aspira é a dunha grande coalición con todos os galegos e soamente responderá ante Galicia e os seus cidadáns.

Como lembrou o dirixente popular, ante estas eleccións hai dúas opcións xa coñecidas: apostar polos que gobernaron desde 2005 a 2009 no inicio e desencadeamento da crise ou polos que gobernaron desde 2009 ata agora, no inicio do enfrontamento á crise.

Así mesmo, quixo deixar claro tamén aos que senten un prexuízo ante a opción de goberno que representa que gobernará para todos, posto que non todo é cuestión de ideoloxía e non é tempo de diferenzas senón de unidade. “Non é a hora de comparar sentimentos senón de abordar con eficacia os problemas do paro e da economía”, dixo.

Segundo Feijóo, hai unha xestión que está levando a Galicia a estar máis preto de saír do túnel e no proxecto do PPdeG están tamén os intereses dos que se senten decepcionados coa xestión do Partido Socialista.

Con respecto a isto, o dirixente popular dirixiuse a aqueles que se senten socialistas, que crían no proxecto para España que tiña Felipe González e agora non entenden que os nacionalistas poidan marcar as súas políticas só a cambio de chegar ao poder.

Así mesmo, dirixiuse a aqueles nacionalistas que non aceptan pasar por repetir unha xestión económica e laboral como a vivida por España nestes oito anos e díxolles que probablemente non entendan do mesmo xeito que os populares que é Galicia pero si comparten cales son as urxencias que hai que abordar.

E reiterou que gobernará para todos dirixíndose tamén aos nacionalistas defraudados por unha pugna de egos que fracturou ao seu partido en tres e ningunha alternativa real e, en suma, aos que cren que é preciso unha renovación real no PSOE e a volta a un proxecto común nos nacionalistas.

UNIR Á OPOSICIÓN
Por outra banda, Feijóo subliñou que esta oposición, que estivo dividida ao longo destes catro anos soamente buscará o acordo se hai poder a cambio, e Galicia non o merece nin pode ser unha moeda de cambio que se divida en porcións. Segundo Feijóo, Galicia non precisa dun pacto á contra, senón dun grande acordo a favor.

Por iso, mentres a oposición propón un pacto de confrontación contra a decisión maioritaria das urnas, contra España desde o nacionalismo, e contra Feijóo, os populares propoñen un gran acordo de concentración.

Segundo o candidato do PPdeG, Galicia non pode permitirse repetir os erros do pasado e multiplicalos por catro ou cinco partidos, nin volver ao inicio da crise cando xa estamos a medio camiño de superala. “Non pode permitirse un goberno que confunda prioridades”.

Do mesmo xeito, “non pode permitirse estar ante un goberno de pugna constante entre socialistas e nacionalistas nin ante un goberno que divida aos cidadáns entre nacionalistas e non nacionalistas. Tampouco pode estar ante un goberno en pugna continua nin trasladarse á Xunta a división do PSOE e do BNG”.

Segundo Feijóo, este é o tempo dun goberno de concentración: todos os galegos unidos, sen intereses partidistas e a favor do avance de Galicia, iso é o que precisa a comunidade e, por iso, o candidato do PPdeG afirmou que gobernará para todos.

Como destacou, a coalición que propón non exclúe, senón que é con todas e todos os galegos.

UN PROXECTO DE INTERESE XERAL E RESPONSABLE

Por outra banda, o dirixente popular destacou que controlar as contas, xestionar con eficacia e manter os servizos públicos, impulsar políticas de crecemento e seguir adiantando contra a crise, tal e como se recolle no proxecto do PPdeG, non é nacionalista ou non nacionalista, socialista ou popular, senón que é necesario e obrigado para a comunidade.

Así mesmo, Feijóo pediu que non se confunda discrepar con crispar e, con respecto a isto último, asegurou que non é o seu xeito de entender a política e buscará que a oposición tamén o entenda así.

No que atinxe á xestión da Xunta, o líder do PPdeG lembrou que Galicia ten aplicado políticas responsables que buscan o beneficio común e seguirao facendo. Por iso, foi a comunidade que mellor controlou as súas contas e superou moitos retos e seguirao facendo.

No hay comentarios: