miércoles, 24 de octubre de 2012

Feijóo: "A nosa prioridade son os 259.373 cidadáns que están no paro e o noso goberno será para os 2.795.422 galegos"




O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, destacou dante da súa xunta directiva que “a nosa prioridade son os 259.373 cidadáns que están no paro e o noso goberno será para os 2.795.422 galegos”.

Así se expresaba o líder dos populares galegos trala reunión da formación en Santiago, onde aseguraba que a do pasado domingo foi a vitoria dun partido unido que entendeu que debía renovarse no momento no que había que facelo e que sabe evolucionar con Galicia e co paso do tempo.

Como destacou Feijóo, os cidadáns teñen elixido aos populares porque se senten identificados e representados por eles pero, por riba de todo,elixíronos para gobernar a comunidade durante estes últimos anos de crise e para gobernala durante os catro difíciles anos seguintes.

O líder do PPdeG lembrou que son moitos os cidadáns que teñen apostado polos populares, que contan cunha ampla maioría: 41 escanos de 75, 23 –máis do dobre- que a seguinte forza política, 32 –máis de catro veces máis- que a terceira forza e 34 máis –case seis veces máis- que a cuarta forza política.

Trátase dunha maioría ampla para tomar decisións e gobernar con estabilidade nunha lexislatura difícil. Non obstante, como lembrou Feijóo, os cidadáns que sofren esta crise están nos escanos de todos os partidos e tamén aqueles cidadáns que non foron a votar. Por iso, a vocación dos populares, e o seu compromiso e deber, é e será gobernar para todos.

PROGRAMA DE GOBERNO

Como destacou Feijóo, o PPdeG é un partido que busca a unidade e será un goberno unido que buscará a unidade e, por tanto, unha coalición aberta a todos os cidadáns e aos demais partidos.

Para o líder dos populares galegos, cómpre tentar que os galegos se sumen a ese proxecto e esforzarse para que se reconcilien coa política.

Por outra banda, o dirixente popular destacou que os obxectivos e retos que os populares se teñen fixado son ambiciosos e á vez necesarios. Así, cos pés na terra, non deben renunciar a eles e deben tentar acadalos.

Segundo Feijóo, o deber dos populares agora é manter o rigor e a solvencia de Galicia; e o seu obxectivo para estes catro anos, o crecemento.

Neste senso, fixo fincapé en que se coñece o estado das contas; non inician a lexislatura con buracos descoñecidos, como sucedeu hai catro anos ou hai 9 meses en España, nin prometeron imposibles, pero si obxectivos difíciles que traballarán por acadar.

Así mesmo, Feijóo subliñou que hai poucos precedentes en España e incluso internacionalmente, dun goberno que ampliara a súa maioría tras desenvolver a súa labor durante a crise, como sucedeu cos populares en Galicia.

Non obstante, isto non significa, segundo o líder do PPdeG, que os galegos teñan unha fé cega nos populares senón que queren que sigan gobernando na liña do que fixeron ata agora: dicindo sempre a verdade, xestionando a realidade e actuando con responsabilidade.

Por iso, Feijóo quixo poñer en valor a vitoria do 21-O, sustentada nunha campaña na que non se eludiu ningún dos problemas que ten Galicia. Foron, por tanto, unhas eleccións en crise nas que se abordou a crise.

DECISIÓNS DE INTERESE XERAL

O líder do PPdeG destacou que estamos en tempos difíciles nos que moitos cidadáns o están a pasar mal e así llo expresan aos seus dirixentes, o que non se debe interpretar como incomprensión cara os que asumen responsabilidades e toman decisións, posto que se os cidadáns non entenderan que esas decisións son necesarias, a vitoria dos populares en Galicia non tería sido posible.

Nesta liña, Feijóo asegurou que o esforzo merecerá a pena e apuntou que hoxe estamos a sufrir a falta de decisión e as decisións equivocadas do pasado e imos vivir tamén as consecuencias das decisións axeitadas que se están a tomar agora.

Finalmente, o presidente do PPdeG quixo agradecer o esforzo aos militantes anónimos e aos tan destacados como Rajoy ou Albor, pola vitoria acadada o domingo. Tamén recordou especialmente a Fraga, como fundador dun partido do que hoxe podería sentirse orgulloso.

No hay comentarios: