martes, 27 de noviembre de 2012

Feijóo: "Galicia avanzará, Galicia crecerá e Galicia rexurdirá"

• Pide a confianza da Camara cun proxecto para que Galicia rexurda, que apoia nun fondo para o crecemento, nunha lei do emprendedor e en máis innovación e internacionalización

• Garante a solvencia das contas públicas tamén nesta lexislatura para que Galicia siga por diante e cos servizos públicos blindados

•Chama ao acordo político para alcanzar nunha postura de país polo futuro do medio rural, así como nos fondos europeos, no financiamento autonómico ou na ordenación municipal

• Anuncia a creación dun Fondo para o Crecemento, que primará investimentos estruturais e infraestruturas que melloren a competitividade de Galicia e que nace co obxectivo de lograr emprego neto nesta lexislatura
• Desenvolverá en 2013 un plan de axuda aos emprendedores, que inclúe catro rebaixas fiscais e incentivos de financiamento destinados especialmente aos mozos desempregados

• Ve prioritario profundar na aposta pola innovación e anuncia neste senso a posta en marcha dun Programa de Captación de Talento que reteña aos investigadores na Comunidade
• Pon a alianza con PEMEX como exemplo dos bos resultados da estratexia de internacionalización da Xunta e proponse reforzar as misións comerciais nesta lexislatura
• Pide que se habilite o mes de xaneiro na Cámara para aprobar os presupostos de 2013 o antes posible, e garante que o Goberno remitirá as contas do próximo ano en decembro


BLINDAXE DOS SERVIZOS PÚBLICOS
• Compromete máis sanidade pública na próxima lexislatura, cunha Lei inédita que garanta tempos máximos de espera e continuando o impulso ás seis infraestruturas hospitalarias en marcha
• No eido da educación, anuncia unha Lei de Formación Permanente e a reordenación dos fondos de formación para que actúen como unhaverdadeira política de emprego, así como retomar a tramitación da Lei de Universidades para lograr unha oferta máis racional
• Avanza a creación doutras 6.000 novas prazas públicas de residencias, centros de día e escolas infantís, como ocorreu na pasada lexislatura
• Como medida adicional para os afectados por desafiuzamentos, poñerá á súa disposición o parque de vivendas de promoción pública baleiras ou sen adxudicar

MÁIS SOLVENCIA

• Garante que blindará a solvencia de Galicia como na pasada lexislatura para que siga financiándose sen sobresaltos e se manteña como unha das comunidades que paga en menos tempo aos seus provedores
• Anuncia que Galicia é a única comunidade que xa ten completado o seu Programa de Endebedamento para este 2012 e proponse reducir a débeda autonómica respecto ao nivel actual e á media das comunidades
• Di que a estabilidade das contas públicas permitirá volver ser a autonomía con menos axustes o próximo ano e que o próximo goberno non atope buratos económicos nin facturas nos caixóns

A VERDADE DA SITUACIÓN
• Confía en que Galicia volverá a falar de crecemento nesta lexislatura pero matiza que 2013 será aínda moi difícil e que haberá que seguir traballando na transición económica nos dous próximos anos
• Plantexa a necesidade de redobrar esforzos para lograr unha aterraxe suave dos fondos europeos e proporá ao Goberno central a creación dun foro permanente que garanta unidade de acción coas comunidades que tamén deixan de ser Obxectivo 1
• Remitirá ao Estado un estudo sobre o financiamento autonómico para que se reforcen os instrumentos de cohesión e para que o CPFF recupere o temón na elaboración do novo modelo
• Mantén vixente a aspiración dunha entidade vinculada a Galicia e comprométese a seguir tutelando que se respecten os intereses dos emprendedores e dos aforradores galegos
• Agarda que os traballos da comisión de investigación sobre a xestión das caixas sirvan para que se aclare o que sexa preciso, se asuman responsabilidades e, sobre todo, que non se volvan repetir os erros do pasado

COMPLETAR A REFORMA INSTITUCIONAL
• Máis austeridade:
• Di que Galicia seguirá contando co goberno máis reducido de todas as nacionalidades históricas, en altos cargos e persoal de gabinete, e anuncia a terceira fase do Plan de Racionalización da Administración paralela
• Urxe aos concellos a ordenar a táboa salarial dos cargos municipais, plantexa estudar unha nova redución das subvencións a partidos, sindicatos e patronal e dará cumprimento á proposta de reducir o número de deputados avalada polas urnas

• Máis disciplina orzamentaria:
• Aspira a que Galicia siga sendo pioneira no control dos cartos públicos e avanza a elaboración dunha nova Lei de Réxime Financeiro que medirá a través de 400 indicadores os resultados de cada euro investido

• Máis eficiencia:
• Dará continuidade á busca de ineficiencias na Administración, potenciando a contratación centralizada dos servizos da Xunta ou cun sistema electrónico de presentación de avais
• Insiste en que lograr máis eficiencia nos servizos públicos é a mellor maneira de poder amplialos e nesta liña poñerá en marcha unha Plataforma Loxística de material sanitario e consolidará a aposta polo aforro farmacéutico

• Máis cooperación:
• Reitera a súa aposta polo maior entendemento entre os pequenos municipios e plantexa que tamén as grandes cidades se involucren neste proceso para consolidarse como referentes de poboación europeos
• Recorda os froitos do Diálogo Social na pasada lexislatura con máis dunha trintena de acordos e plantexa a necesidade de darlle continuidade nos próximos anos con novos acordos

PLANIFICACIÓN TERRITORIAL E DOS SECTORES PRODUTIVOS
• Plantexa un pacto para o rural, cunha nova regulación que evite o abandono, facilite a volta ao rural e loite contra o minifundismo, así como cun programa de ordenación forestal que suporá case 40.000 xornais de traballo
• Propón continuar cunha nova Lei do Solo consensuada e con vocación de permanencia a ordenación territorial iniciada coas Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan do Litoral
• Agarda alcanzar o peche da fenda tecnolóxica achegando a Banda Larga ao 100 % dos galegos en 2013 e cunha nova Lei de Telecomunicacións
• Avanza a próxima aprobación dun Decreto de Comercialización para vender mellor os produtos pesqueiros e unha Lei de Acuicultura que permita recuperar o liderado do sector
• Destaca os avances logrados no sector naval, como o novo sistema de tax-lease recentemente aprobado ou cos pedidos efectivos tanto para os estaleiros públicos como privados
• Dentro do apoio aos sectores produtivos, tamén compromete seguir propiciando a fabricación de novos modelos de automoción en Galicia así como acompañar á industria auxiliar a abrir novas vías de negocio noutros mercados

RESPONSABILIDADE POLÍTICA
• Comprométese a gobernar para todos e asegura que a maior ofensiva de Galicia se é investido Presidente dirixirase contra o paro e contra a crise económica
• “Estamos en Europa e somos Europa. Estamos en España e somos España. E todo iso porque estamos e somos Galicia”, subliña
• Pide trasladar a Galicia real ao Parlamento nunha Galicia que aspira a reivindicar en España “non coa estridencia, senón co exemplo”


O presidente do Partido Popular de Galicia solicitou hoxe a confianza da Cámara cun proxecto que pretende lograr o rexurdir de Galicia e, con ese propósito, avanzou novos instrumentos económicos cos que dotará ao Goberno galego se é investido Presidente, como a creación dun Fondo para o Crecemento nos orzamentos do próximo ano, a aprobación dunha Lei de apoio aos emprendedores ou a ampliación da aposta pola innovación e a internacionalización dos sectores produtivos.

“Galicia avanzará, Galicia crecerá e Galicia rexurdirá”, dixo como conclusión da súaintervención, na que se amosou optimista de cara ao futuro, convencido de que “a historia de Galicia é a historia do éxito colectivo dun pobo”. Con ese obxectivo, fixo un chamamento ao acordo das forzas parlamentarias para alcanzar unha postura de país en asuntos fundamentais, como o futuro do medio rural, a negociación dos fondos europeos, o modelo de financiamento autonómico ou a ordenación do mapa municipal.

Nesa liña, reiterou que o seu compromiso é “gobernar para todos” e o seu obxectivo lograr que Galicia abra “unha nova etapa que nos leve da austeridade e do rigor ao crecemento”. “Creo que todos compartimos este mesmo obxectivo e por iso non esperen de min que busque inimigos nin en España, nin en outras Comunidades, nin tampouco na oposición”, dixo, e garantiu que a maior ofensiva que vai lanzar Galicia se é investido Presidente dirixirase contra o paro e contra a crise económica,subliñou.

O líder popular mostrouse convencido de que Galicia “só pode avanzar e mirar cara adiante”, aínda que recoñeceu que o camiño ata logralo non será sinxelo, como non o foi ata o de agora. “Pero as galegas e os galegos non nos elixiron para facer o fácil senón para facer o necesario e actuar de xeito responsable”, engadiu, ecomprometeuse a seguir dicindo a verdade porque “é a primeira obriga dun político e o primeiro dereito dun cidadán”. “Custe o que custe porque o contrario ten aínda un prezo maior para os propios cidadáns”, sentenciou.

Así, explicou que a situación de Galicia, como parte dunha España que está nunha profunda crise, segue sendo mala, aínda que engadiu tres precisións. Por un lado, recordou que distintos organismos coinciden en que despois dun 2013 que será moi difícil, aínda con aumento máis leve de desemprego e con caída do Produto Interior Bruto, a partir de 2015 poderían empezar a concretarse os primeiros datos positivos. Tamén subliñou a mellor situación de Galicia que a sitúa nunha “vantaxe comparativa” para encarar o futuro.

Froito disto, concluíu que Galicia volverá ser a autonomía con menos axustes o próximo ano e que está en mellores condicións para ser das primeiras en saír da crise. Respecto a esta posibilidade, mostrouse convencido de que esta será, por fin, a lexislatura na que se volverá falar de crecemento, aínda que puntualizou que será preciso seguir traballando nunha transición económica, nos dous primeiros anos, cara ese obxectivo.

Fondo para o crecemento
Pese á dificultade histórica de acumular exercicio tras exercicio, unha caída dos recursos públicos, Feijóo explicou que “as contas do próximo ano, e en maior medidas as de 2014, poden concibirse como unha transición na que, sen abandonar a senda do rigor, podemos e debemos encamiñar a nosa política económica ao crecemento”.

Con ese obxectivo, amosou a súa intención de que as contas para o vindeiro exercicio sexan autorizadas polo Consello da Xunta antes de que remate o ano; e, para que poidan ser debatidas e aprobadas coa máxima celeridade, propuxo que a tal efecto se habilite o mes de xaneiro no Parlamento.

“Unhas contas que serán consecuentes co teito de gasto aprobado en xullo por esta Cámara e que suporán que: Galicia volverá cumprir as esixencias de déficit; manterá a súa solvencia; blindará todas as súas prestacións públicas básicas; e poderá seguir atenuando aquelas decisións nas que haxa marxe de manobra para as Comunidades”, resumiu.

Así mesmo, explicou que Galicia porá en marcha novos instrumentos para transitar cara o crecemento na nova lexislatura coa creación dun fondo público de crecemento e cunha aposta ampla e continua neste período polo emprendemento, a innovación e a internacionalización.

No tocante ao Fondo para o Crecemento, precisou que terá varias características fundamentais: centralizará e coordinará os principais investimentos produtivos e os principais instrumentos de dinamización económica da Xunta; e quedará aberto, é dicir, poderá ser ampliado de forma proporcional ao incremento que se vaia rexistrando nos ingresos autonómicos.

“O Fondo para o Crecemento ten o obxectivo claro de lograr a creación de emprego neto nesta lexislatura. E ten prioridades xa determinadas, que é apostar por aqueles investimentos que verdadeiramente fagan máis competitivo o noso territorio e á nosa xente”. Así, explicou que para a dotación deste Fondo primaranse tres ámbitos: investimentos que contribúan ás principais reformas estruturais que precisa a economía galega, de xeito concreto, no lácteo e no forestal; infraestruturas que melloren a competitividade de Galicia, na mesma liña que temos feito na pasada lexislatura priorizando os investimentos tecnolóxicos, viarios, sanitarios ou hidráulicos; e incentivos á innovación e á exportación, dous eixos que seguiránsendo prioritarios na nosa estratexia económica”.

Lei do Emprendedor
O presidente do PPdeG afirmou que a clave da recuperación económica está na capacidade de fomentar a actividade emprendedora. E, neste campo, anunciou que un dos principais instrumentos para apoiar ao tecido produtivo será a Lei do Emprendedor. A norma remitirase ao Parlamento no seu primeiro período de sesións, aínda que algunhas das medidas que nela se promoverán xa se van integrar nos orzamentos de 2013 para que poidan ser aplicadas no próximo exercicio.

“Haberá distintos instrumentos entre os que me gustaría salientar: unha bolsa do emprendedor que permita a unha persoa traballar a tempo completo nun proxecto innovador, e co apoio de mentores especializados. Microcréditos que financien a posta en marcha de empresas e cubran os seus custos iniciais ata que xere beneficios. Combinar a fórmula coñecida como business-angels co capital risco público, de xeito que sexa máis sinxelo que un emprendedor que xa conte con investimento privado poida complementalo con capital risco público. Axuda durante un ano para o pago das cotas á Seguridade Social dos novos autónomos. E ampliar as axudas xa existentes á contratación indefinida de ata tres traballadores por un autónomo”.

No referido ao compromiso xa coñecido de incluír un paquete de incentivos que permitan favorecer a creación de empresas e de emprego, resaltou: estender a dedución por investimentos en capital de entidades de nova creación aos mozos emprendedores, cunha nova dedución no IRPF do 20% (límite 4.000 euros); duplicar a dedución do IRPF, ata o 20% e límite de 8.000 euros, para as persoas que invistan en accións ou participacións de novas entidades ou de recente creación; redución do 95% da base impoñible do imposto de sucesións e doazóns naquelas doazóns a fillos e descendentes dos cartos destinados á creación dunha empresa ou dun negocio, tendo en conta o patrimonio preexistente do donatario; e dedución do 100%, no imposto de actos xurídicos tanto na transmisión de inmobles destinados a local comercial como nos préstamos para adquirilos”.

Programa de Captación de Talento. Innovación e Internacionalización
O novo Goberno galego intensificará tamén, segundo Feijóo, a folla de ruta trazada nesta lexislatura a través da innovación e a internacionalización. “Temos feito e imos seguir facendo un esforzo de planificación, a través da Axencia de Innovación ou do Plan I2C. E temos feito e imos seguir facendo un esforzo en recursos materiais que agrupe arredor da innovación a todos os axentes implicados nela: ás universidades, aos servizos públicos, e ao eido privado”, asegurou.

Feijóo reiterou o compromiso e a obriga cos investigadores e aseverou que o próximo ano poñerase en marcha un Programa de Captación de Talento cun dobre obxectivo: reter en Galicia aos investigadores galegos mellor formados para facer máis rendible o investimento en I+D; e atraer investigadores de fóra de Galicia en áreas estratéxicas para o noso desenvolvemento.

No campo da internacionalización, Feijóo afirmou que seguirase completando e reordenando a Rede de Plataformas no Exterior e reforzaranse os distintos programas en marcha para facilitar as exportacións. E expresou a intención de reforzar de forma importante a axenda de misións comerciais no estranxeiro, logo de lembrar os avances producidos en sectores como o alimentario, cunha presenza de Nestlé en Galicia ata o téxtil, coa ampliación xa en marcha, das instalacións de Inditex en Arteixo. Ou tamén no eido da automoción, coa fabricación dos novos vehículos eléctricos de PSA Peugeot Citroen; ou no do naval, co acordo asinado coa petroleira Pemex.

“Probablemente non todas as misións terán os resultados desexados, pero non lles caiba dúbida de que nunca será por non telo tentado”, sentenciou, logo de comunicar que a Xunta xa está en coordinación cos estaleiros públicos e privados de Galicia para unir esforzos e ser máis fortes á hora de presentar oferta aos armadores brasileiros.

Blindaxe dos servizos públicos
Segundo o líder popular, que un partido ou un Goberno sexa ou non sexa social non depende dunha autodeclaración senón da eficacia. “Todos somos partidarios do benestar pero hai que demostralo”, dixo, logo de avanzar a creación doutras 6.000 novas prazas públicas de servizos sociais “como fixemos na pasada lexislatura”.

“Seguiremos defendendo a Sanidade pública, con máis tecnoloxía, con mellores infraestruturas e con máis prestacións. Ampliaremos o hospital público de Ourense, o da Mariña, o do Salnés como estamos a ampliar o da Coruña. Remataremos o hospital público de Vigo como rematamos o Hospital Publico de Lugo. Construiremos o de Pontevedra como estamos a construír o de Vigo. E faremos 17 centros de saúde como fixemos 19 novos e reformamos 10”, subliñou no eidosanitario, ao que engadiu as principais características da nova Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias, que será unha das primeiras que se aproben no Parlamento.

Ademais, precisou que o Goberno galego seguirá apoiando aos que máis están sufrindo os efectos da crise, como se ten visto recentemente co drama dos desafiuzamentos, “e, neste senso, ademais das decisións adoptadas a nivel nacional, e ademais das medidas de apoio que xa prevé a Lei de Vivenda, poñerase en marcha unha medida adicional e inmediata, consistente en poñer a disposición dos afectados, priorizados segundo a súa situación económica e as súas cargas familiares, o parque de vivendas de promoción oficial que están baleiras ou sen adxudicar”.

En materia de educación, avogou por seguir completando as posibilidades de Formación Profesional.
“No ámbito formativo impulsaremos a Lei Galega da Formación e Cualificación Permanente, para coordinar a formación en competencias profesionais ao longo da vida. E, na mesma liña, no ámbito administrativo, reordenaremos os fondos dispersos en formación non regradas para colocar aos centros de formación profesional como instrumentos xeradores de emprego”, dixo, logo de precisar que no eido universitario retomarase a tramitación da Lei de Universidades para lograr unha oferta máis racional.

Desde a ensinanza obrigatoria, a Xunta seguirá cumprindo co propósito de que as próximas xeracións sexan cada vez máis competitivas, e continuará coa aposta pola introdución nos colexios e institutos das novas tecnoloxías e do inglés.

Feijóo precisou, amais, que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ven de avalar que nesta Comunidade bilingüe, o ensino sexa en equilibrio entre as dúas linguas oficiais e que se poida dar cabida tamén a un idioma estranxeiro; ratificando o sentir dunha inmensa maioría de cidadáns que xa non consideran a situación lingüística como un problema. Un 99% segundo o CIS.

“Entendemos que o ensino é coñecemento e valores. Coñecemento é non renunciar a ningunha das nosas linguas. Valores son a liberdade, a corresponsabilidade ou a participación dos pais na educación dos seus fillos. Tamén o respecto a Xustiza. Conforme a isto quero dicir que seremos coherentes e actuaremos en consecuencia coa marxe de manobra que nos outorga a Xustiza; e tamén, coa mesma determinación, seremos consecuentes co noso compromiso cos pais e coa liberdade, apoiado maioritariamente nas urnas tanto en 2009 como neste 2012”.

Solvencia de Galicia
Entre as fortalezas coas que conta Galicia no futuro para implementar estas propostas, Feijóo recordou que o próximo goberno non atopará sorpresas como facturas nos caixóns ou buratos nos presupostos e, por este motivo, tivo un recoñecemento para as doce persoas que formaron parte do Goberno autonómiconos últimos catro anos. “Gobernaron Galicia no momento máis complexo e por moi grandes que foran as dificultades, todos os días cumpriron co seu deber; e o seu legado nas áreas que ocuparon é hoxe orde, rigor, planificación e responsabilidade”, resaltou.

Tamén recordou que Galicia é a única comunidade que mantivo a solvencia das súas contas nos últimos anos e, neste senso, ratificou o seu compromiso de seguir loitando por blindar a estabilidade da comunidade. Non en van, remarcou que ser solventes permitirá seguir despexando o risco de perda de autonomía, polo que garantiu que Galicia non recorrerá a fondos adicionais habilitados para as Comunidades por parte do Goberno central, salvo que sexa un mecanismo para todas.

Do mesmo xeito, expuxo que ser solventes tamén permitirá seguir facendo fronte aos pagos a provedores en mellores condicións e prazo medio que o resto das comunidades, obxectivo que mantivo para esta lexislatura; así como permitir a Galicia seguir financiándose por si mesma. Ao fío disto último, anunciou que Galicia xa ten completado o seu Programa de Endebedamento para este 2012, a única comunidade que o logrou en toda España.

Diante desta situación, avanzou que non só seguirá traballando para manter a débeda de Galicia por debaixo da media nacional, como se conseguiu na pasada lexislatura por primeira vez na historia de Galicia, senón que ademais o seuobxectivo pasa tamén por ir reducindo progresivamente os niveis de endebedamento. Así mesmo, precisou que ser solventes e controlar as contas públicas permitirá poder seguir mantendo e mesmo incrementando as prestacións públicas dos cidadáns, e evitar drásticos axustes que están adoptando outras comunidades.

Fondos comunitarios 2014-2020
Dentro do seu compromiso coa verdade, Feijóo explicou que a economía galega non está exenta de condicionantes, entre os que destacou o próximo orzamento da Unión para o período 2014-2020, asegurando que, lonxe dunha relaxación ante os avances logrados na pasada lexislatura, “é o próximo ano 2013, na recta final das negociacións, cando temos que redobrar os esforzos posto que, neste momento de recesión na Eurozona, o futuro e a intensidade dos fondos europeos para Galicia está nunha situación de serio risco”.

Deste xeito, avanzou a proposta de crear un foro autonómico entre o Goberno central e as comunidades que deixan de ser obxectivo 1 da Unión –Andalucía, Castela A Mancha e Galicia-, que permita unha coordinación permanente e unidade de acción en tres frontes. A curto prazo, para a creación efectiva desa rede de seguridade que garanta a maior porcentaxe posible dos fondos que Galicia percibe actualmente. A medio prazo, para que se lle dea máis peso ás alianzas interrexionais nos fondos europeos, tal e como contempla a previsión da Comisión de aumentar nun 30% os recursos para cooperación territorial. E, unha vezaprobado o presuposto, para que se formule no ámbito do Estado unha revisión dos criterios de distribución do Fondo de Compensación Interterritorial, de xeito que tamén a nivel nacional se fixe unha compensación transitoria proporcional para as comunidades afectadas pola perda de fondos europeos.

Un novo modelo de financiamento autonómico
No tocante ao modelo de financiamento autonómico, o presidente dos populares galegos sinalou que son moitas as comunidades que consideran inxusto o modelo actual no momento no que se aprobou rompendo un acordo xeral que existía con anterioridade “e que, aínda por riba, foi incumprido na súa aplicación”. E, precisou que a primeira proposta de Galicia neste eido vai ser que se devolva o protagonismo a quen corresponde, tanto na súa configuración como no seu destinatario, é dicir, ao Consejo de Política Fiscal y Financiera. Tamén avogou por recuperar o obxectivo real do financiamento autonómico, “que non é un diñeiro que vai a parar aos gobernos das comunidades sen máis. É un diñeiro que vai directamente aos servizos públicos dos cidadáns, que é o que xestionamos as Comunidades”.

Con esa convicción, o líder do PPdeG afirmou que Galicia remitirá ao Goberno central nos próximos meses un estudo no que se especifique o gasto no que incorre a comunidade galega por cada servizo que presta e no que haberá dúas propostas de especial relevancia para as comunidades damnificadas polo modelo actual. Por un lado, reforzar os instrumentos para unha maior cohesión e converxencia interna de España, cun maior peso de criterios que condicionan de forma moi intensa a prestación de servizos en Galicia, como é a dispersión e o avellentamento. E, por outro, buscar fórmulas que proporcionen ás autonomías unha maior certeza financeira, como pode ser a fixación dun solo plurianual que permita financiar proxectos a medio prazo.

Contar cunha entidade financeira vinculada a Galicia, un obxectivo vixente
Sobre a situación financeira en España, con carácter xeral, e en Galicia, de forma máis concreta; Feijóo subliñou que a aspiración de contar cunha entidade vinculada a Galicia segue vixente. “Galicia ten resistido ata agora a unha tormenta financeira que se levou por diante outros proxectos na maior parte das comunidades. E o certo é que, a día de hoxe, mantemos a posibilidade dun banco radicado en Galicia que conte cun plan de recapitalización aprobado por Bruxelas, que lle permita seguir sendo unha entidade coa súa sede social en Galicia, e co seu compromiso prioritario nos intereses dos galegos; namentres a maior parte das entidades diluíronse”.

O responsable dos populares galegos lembrou que se isto ten sido posible ata agora é porque Galicia creu nas súas posibilidades como houbo investidores que creron nun proxecto financeiro de futuro para Galicia. E, neste sendo, salientou que é preciso e é xusto que se chegue a un acordo entre o FROB e os investidores para que manteñan a súa participación na entidade financeira.

Así mesmo, e a pesar de que a Administración autonómica perdeu a tutela financeira que tiña sobre as caixas tralo decreto estatal que as converteu en bancos;Feijóo expresou a seguridade de que “si imos tutelar, como o fixemos ata agora, que se respecten os intereses de Galicia, dos emprendedores e das familias”.

Concretamente, referiuse á situación que afecta os miles de cidadáns que sufriron os abusos na comercialización das participacións preferentes e da débeda subordinada. “É un problema de gran complexidade, pero desde logo o compromiso da Xunta con todos os que foron enganados segue en pé e confío en que tamén se manteña a actitude responsable da entidade financeira, que xa permitiu a case 10.000 familiares recuperar o seu diñeiro, arredor de 200 millóns de euros, a través da arbitraxe que impulso o Goberno galego.

Feijóo destacou que o caso das preferentes ilustra con enorme dureza a irresponsabilidade que gobernou nos últimos anos as dúas caixas galegas, ocasionando demasiados riscos, investimentos dubidosos e inmoralidades como as indemnización dos ex directivos; sen que o órgano regulador e supervisor actuara como tal. Ao fío disto, recordou que sempre foi partidario de que a xestión das caixas galegas sexa obxecto dunha comisión de investigación e, a tal efecto, xa hai unha solicitude rexistrada polo Grupo Parlamentario Popular na Cámara. “Pedín que se levase a cabo no momento máis axeitado, para non entorpecer o proxecto de recapitalización. Pois ben, este é o momento”, sentenciou, e desexou que sirva paraaclarar todo o que sexa preciso, que se asuman responsabilidades pero sobre todo que non se volvan repetir os erros do pasado.

Completar a reforma institucional
Feijóo salientou que Galicia seguirá falando de austeridade, ben entendida, avanzando que: “Galicia seguirá sendo a nacionalidade histórica co goberno máis reducido; ese goberno terá aínda menos altos cargos que na anterior lexislatura;continuaremos a diminución da estrutura da Xunta, con novas fusións no seo da Administración autonómica; consolidaremos a redución de gabinete, xa reducido preto dun 40% na pasada lexislatura. Seguiremos superando a materia de reducir o custo da Administración Paralela cunha norma que iguale as condicións laborais dos traballadores dos entes públicos; así como poñendo en marcha a terceira fase do Plan de Racionalización da Administración Paralela que xa nos permitiu reducir á metade os entes públicos da Xunta e aforrar 25 millóns de euros”.

Máis aló da Xunta, o candidato popular pediu o apoio das forzas da oposición para promover unha maior austeridade noutros tres ámbitos políticos: para ordenar os salarios dos cargos municipais conforme a criterios obxectivos e tamén regular de xeito homoxéneo os salarios dos traballadores de concellos e deputacións provinciais; para analizar conxuntamente unha nova redución das subvencións a partidos políticos, sindicatos e patroal; e para reducir o número total de deputados do Parlamento autonómico, “proposta avalada polas urnas”.

Máis disciplina orzamentaria e máis eficiencia
Galicia seguirá, tamén, falando de disciplina orzamentaria e, con este obxectivo, remitirase ao Parlamento unha nova Lei de Réxime Financeiro que introducirá na Administración autonómica unha nova forma de presupostar, de xeito que tanto na súa concepción como na súa aplicación se reduzan ao máximo as ineficiencias. Cada partida será valorada polos recursos que emprega e avaliada polos resultados que se obteñen en base a máis de 400 indicadores introducidos no Plan Estratéxico para a Economía aprobado na pasada lexislatura.

Así mesmo, darase continuidade á busca de ineficiencias na Administración, potenciando a contratación centralizada dos servizos da Xunta ou cun sistema electrónico de presentación de avais. Feijóo insistiu en que lograr máis eficiencia nos servizos públicos é a mellor maneira de poder amplialos e, nesta liña, avanzou a posta en marcha dunha Plataforma Loxística de material sanitario e a consolidación da aposta polo aforro farmacéutico.

Máis cooperación
No tocante á cooperación, Feijóo asegurou que o Goberno galego seguirá traballando para que siga sendo posible a coordinación cos grupos parlamentarios; para que siga sendo posible a coordinación cos axentes sociais; e para que siga sendo posible a coordinación co Goberno central.

“E seguirei traballando, tamén, para que siga sendo posible, e con máis intensidade, a coordinación da Xunta cos municipios e a coordinación entre os propios municipios. Sigo convencido de que o un maior entendemento entre os pequenos municipios é o axeitado. Pero tamén é a mellor maneira de ter un territorio mellor dimensionado e máis acorde coa realidade da UE. E, por iso, convido tamén as grandes cidades a involucrarse neste proceso cos seus concellos limítrofes e se consoliden como grandes núcleos de poboación europeos”, engadiu.

O líder dos populares galegos lembrou os froitos do Diálogo Social na pasada lexislatura con máis dunha trintena de acordos e plantexou a necesidade de darlle continuidade nos próximos anos con novos acordos.

Pacto polo futuro do rural e apoio aos sectores produtivos
Feijóo propuxo que un dos pactos prioritarios que se alcance nesta lexislatura sexa unha verdadeira estratexia rural. “Non podemos resignarnos a ver no rural o noso pasado e propóñolles traballar para que no rural poida estar tamén o noso futuro”.

O candidato popular anunciou que se levará a cabo unha estratexia que completará o pacto polo futuro do rural galego que se sentará sobre catro instrumentos fundamentais: evitar o abandono e facilitar a volta ao rural, cunha Lei da agricultura de Galicia; loitar contra o minifundismo, para o que se promoverá unha Lei de mellora da estrutura territorial de Galicia, que substitúa á Lei de Concentración parcelaria de Galicia para adaptala ás necesidades do século XXI; facer máis rendible a nosa riqueza forestal, botando a andar un Programa de OrdenaciónForestal, que suporá case 40.000 xornais de traballo; e a elaboración dun Plan de industrialización do rural galego.

“En suma, unha planificación estrutural do rural galego que acompañe á planificación que iniciamos noutros sectores estratéxicos da nosa economía durante a pasada lexislatura e á que debemos dar continuidade. A planificación para a pesca, que seguiremos desenvolvendo da man do sector traballando por mellorar a adecuación das cotas de pesca; cun novo modelo de xestión ordenada dos caladoiros; e cun Decreto de comercialización. E a planificación para a acuicultura, para seguir creando condicións óptimas que permitan atraer investimentos cara Galicia, comezando a apurar os pasos do marisqueo no necesario camiño cara á súa conversión nunha actividade da acuicultura; e, ademais completaremosoperativamente o Plan Director neste mesmo ano e, imos desenvolver a Estratexia de Acuicultura, con especial atención á futura Lei de Acuicultura”.

Así mesmo, propuxo continuar cunha nova Lei do Solo consensuada e con vocación de permanencia, a ordenación territorial iniciada coas Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan do Litoral. E expresou o obxectivo de alcanzar o peche da fenda tecnolóxica achegando a Banda Larga ao 100% dos galegos en 2013 e cunha nova Lei de Telecomunicacións.

O presidente do PPdeG destacou tamén os avances logrados no sector naval, como o novo sistema de tax-lease recentemente aprobado ou cos pedidos efectivos tanto para os estaleiros públicos como privados. E, dentro do apoio aos sectores produtivos, tamén se comprometeu a seguir propiciando a fabricación de novos modelos de automoción en Galicia así como acompañar á industria auxiliar a abrir novas vías de negocio noutros mercados.

Análise do resultado electoral
Ao longo da súa intervención, Feijóo amosouse consciente de que son moitos os problemas que persisten, de que hai obxectivos que non se alcanzaron e de que cada día hai percorrido para mellorar e, por iso, desbotou o erro de interpretar que os cidadáns só ven acertos na xestión do PP, malia que esta formación vira ampliada a súa maioría a 41 escanos. Aínda que valorou este feito porque, contra o que ocorreu en Euskadi ou en Cataluña recentemente, Galicia demostrou que “a crise non cambia gobernos”, asegurou que “non hai espazo para a compracencia pero si para a autocrítica”.

Así, propúxose traballar na mesma liña que na pasada lexislatura, sen prometer imposibles pero si facendo todo o posible para afrontar a situación actual, e mantendo a coalición cos galegos. “Galicia non é do PP, senón que o PP é de Galicia”, sentenciou, e pediu ao resto dos grupos parlamentarios que actúen do mesmo xeito.

Neste senso, asegurou que do mesmo xeito que a maioría absoluta do Partido Popular non é un cheque en branco, tampouco a maior división da oposición debetraducirse nunha maior confrontación. De feito, aludiu á porcentaxe de abstención dos pasados comicios de outubro para reiterar a súa preocupación pola crecente desafección política dos cidadáns e concluír que “a política necesita tamén facer autocrítica e ten que facelo actuando”.

“Sabemos onde estamos e sabemos o que somos. Estamos en Europa e somos Europa. Estamos en España e somos España; e todo iso porque estamos e somos Galicia”, explicou, e resolveu dicindo que Galicia vai practicar, como sempre fixo, un galeguismo fiel ao seu Estatuto de Autonomía e leal aos principios da Unión Europea e á Constitución Española, pero sen menoscabo da defensa intereses e dereitos dos galegos.

O candidato popular reivindicou o exemplo dos galegos, consciente de que grazas eles e “Galicia é unha comunidade democrática e dona de si. “A sociedade galega estase enfrontando con responsabilidade á crise”, dixo, e engadiu que son os cidadáns os que transmiten na súa loita diaria que “a mellor rebeldía é o traballo serio, a solidariedade, a capacidade para formar entre todos un gran equipo”.

Por iso, propuxo trasladar esa Galicia real ao Parlamento e facer na Cámara “o que os galegos fan decote: entenderse”. De xeito concreto, ofreceu aos grupos parlamentarios diversas posibilidades de pacto, relativos aos fondos europeos, á defensa de Galicia no mapa financeiro, ao novo sistema de financiamento autonómico ou á necesidade de incentivar o crecemento dende os orzamentos do próximo ano 2013. Tamén apostou por chegar a acordos polo futuro do medio rural, a planificación do territorio, o futuro do mapa municipal ou para seguir blindando os servizos públicos.

“Esta Galicia do século XXI é unha acolledora casa común na que hai sitio para todos. O meu Goberno será un garante diso, e desexo que este Parlamento sexa tamén un espello no que Galicia se mire, se recoñeza e se admire”, resumiu, e concluíu dicindo: “din que o peor xa pasou, din tamén que “o mellor está por chegar”. E eu digo, convencido, que Galicia avanzará, que Galicia crecerá e que Galicia rexurdirá”.


No hay comentarios: