lunes, 25 de febrero de 2013

A exposición sobre a EDAR do Lagares poderá visitar na delegación da Xunta ata o 4 de marzo


A Xunta de Galicia decidiu ampliar o período expositivo, que remataba hoxe, e manter a mostra unha semana máis debido a boa acollida que está a ter.

Un grupo de nenos e nenas de 4º de Primaria do CEIP O Pombal de Vigo realizaron esta mañá unha visita educativa á exposición.


A exposición sobre a EDAR do Lagares que está na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo estará aberta ao público ata o vindeiro luns, 4 de marzo. Deste modo, a Administración autonómica amplía o período expositivo –que remataba hoxe- unha semana máis e mantén a mostra ata o vindeiro luns debido á boa acollida que está a ter.

Hoxe mesmo, un grupo duns 30 nenos e nenas de 4º de Primaria do CEIP O Pombal a visitaban pola mañá en dúas quendas acompañados dunha monitora que lles ía explicando o que suporá a construción da nova EDAR para o medio ambiente e para a recuperación da Xunqueira do Lagares.

A exposición está configurada por 7 paneis informativos con diverso contido explicativo do proxecto e das melloras medioambientais da EDAR, un vídeo en reprodución continua cunha duración aproximada de 140 segundos e cun contido máis “emocional” que técnico. Tamén se pode ver unha maqueta virtual da depuradora cun monitor 3D. Ademais, en formato de vídeo estereotípico –que creará unha sensación real de volumen-, poderase visualizar con gafas 3D a disposición do visitante e, por último, tamén se recreou a riqueza paisaxística que terá a EDAR cun montaxe de “viseras” de céspede real sobre a paisaxe de fondo de Vigo que emularán lucernarios.

A mostra pode visitarse dende o pasado 8 de febreiro e pretende amosar ao público en xeral e aos escolares da cidade en particular as obras e melloras que haberá unha vez que se poña en marcha a nova infraestrutura hidráulica que se está a acometer no Lagares.

A estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Vigo correspóndese co maior investimento que o Goberno galego fixo nunha actuación hidráulica, considerándose unha obra de depuración referente en España. O orzamento desta actuación ascende a 230 millóns de euros, dos que a Xunta de Galicia achega 104,3 millóns; Acuanorte, 112; e o Concello de Vigo, 13,6 millóns.

A nova EDAR terá unha capacidade de tratamento para 800.000 habitantes, o que a converterá na de maior suficiencia de Galicia. Coa nova depuradora eliminaranse por completo os vertidos á ría e ao río Lagares.

No hay comentarios: