jueves, 7 de febrero de 2013

O 80% dos traballadores de Matrigalsa provén de convenios da empresa con centros de formación da provincia


A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, realizou esta mañá unha visita ás instalacións da empresa Matrigalsa, un dos máis activos colaboradores nos cursos formativos para persoas desempregadas que organiza a Consellería de Traballo e Benestar e que ano tras ano se levan a cabo no Centro Integrado de Formación Profesional de Coia (CIFP).

Bravo Bosch, quen tamén mantivo unha reunión previa de traballo cos responsables da empresa, Rufino Acuña e Marcos Rodríguez, xerente e responsable da oficina técnica e de ventas respectivamente, ademais de estar acompañada polos socios fundadores da mesma, percorreu os 1.500 metros cadrados que o Grupo Matrigalsa ten no polígono industrial da Gandariña e nos que os seus 78 traballadores teñen coma actividade principal o deseño e construción de moldes e inductores, o mantemento de inductores e a construción de utillaxe en xeral, sendo a súa especialización a fundición inxectada.

Deste modo, o sector da automoción é o destinatario do 79% dos produtos fabricados polo grupo empresarial mentres que empresas tan destacadas coma PSA Peugeot-Citroën, GKN Driveline, Dalphimetal, Saeta, Sonafi, Zatorcal ou Tafime, entre outras, son os seus principais clientes.

A representante da Xunta de Galicia en Vigo fixo especial fincapé no feito de que, nos últimos anos, a empresa acolle en prácticas aos alumnos e alumnas dos cursos formativos para persoas desempregadas que a Consellería de Traballo e Benestar desenvolve no CIFP de Coia e que, normalmente, son para cubrir postos e realizar tarefas de control numérico con linguaxe Heidenhain, colaborando así coa integración dos traballadores na empresa e tendo desta maneira unha posibilidade real de inserción laboral.

Bravo Bosch quixo amosar así todo o apoio e colaboración da Administración autonómica ao traballo que o Grupo Matrigalsa desenvolve en sectores tan produtivos na nosa cidade coma
son a automoción, o naval ou mesmo a aeronáutica e, en particular, coa formación dos traballadores a través das políticas activas de emprego que a Xunta de Galicia leva a cabo.

Neste senso, hai que resaltar que o 80% dos traballadores do Grupo Matrigalsa proveñen dos convenios que a empresa ten con centros de formación da provincia, entre eles o CIFP de Coia ou o IES Politécnico de Vigo, entre outros. Ademais, e coma informou o xerente de Matrigalsa, cada ano acollen a uns 12 alumnos e alumnas en prácticas.

Por último, durante o ano pasado e soamente na cidade de Vigo, o investimento en políticas activas de emprego da Consellería de Traballo e Benestar superou os 8,4 millóns de euros co obxectivo de beneficiar a máis de 2.600 persoas desempregadas a través dos plans de cooperación, programas integrados de emprego, orientadores laborais, obradoiros de emprego e Accións Formativas para Desempregados (AFD), destacando especialmente os cursos formativos que se concederon a sectores estratéxicos coma a automoción ou o naval.

O Grupo Matrigalsa
Matrigalsa fundouse en 1982, e hoxe é a empresa nai do Grupo Matrigalsa. En 1988 comezou a deseñar e construir moldes de plástico, e en 1993 especializouse na fundición inxectada. En 2002, grazas á importante demanda dos clientes, produciuse unha importante reorganización da empresa, coa constitución do Grupo Matrigalsa. Na actualidade, está formado por Matrigalsa, Matrivigo e Matrinducción. No eido da matriceiría, a súa actividade principal e o deseño e construción de moldes e inductores, o mantemento de inductores e a construción de utillaxe en xeral. O Grupo conta con 78 traballadores en total nas súas empresas, e factura 6,4 millóns de euros ao ano.

No hay comentarios: