martes, 12 de marzo de 2013

A Deputación prepara actos conmemorativos do Día dos Dereitos do Consumidor




O 15 de marzo celébrase o Día Mundial dos Dereitos do Consumidor para rememorar o discurso que en 1962 pronunciou o entón presidente de EEUU, John F. Kennedy, ante o Congreso do seu país, no que se considerou por primeira vez ó consumidor como un elemento fundamental dentro do proceso produtivo que as institucións debían protexer.

A Deputación de Pontevedra quere conmemorar esta data recordando ós seus cidadáns que dispoñen do servizo da Oficina Provincial de Información ó Consumidor (OPIC) para asesorarse e defender os seus dereitos, no Edificio Administrativo da Avenida Montero Ríos de Pontevedra. A oficina provincial está aberta ó público de luns a venres, de 9.00 h. a 14.00 h (www.depo.es; Tel. 986 804 100; opconsumo@depo.es).

Co motivo deste día, a Institución provincial acolle dúas conferencias organizadas polo Instituto Galego de Consumo sobre a seguridade dos produtos no mercado, que serán impartidas polo seu xefe do servizo de inspección, vixilancia do mercado e seguridade dos produtos, Alfonso Diéguez García.

Os cidadáns interesados en asistir a esta actividade poderán achegarse a Vigo o vindeiro mércores 13 de marzo (Salón multiusos da sede de Vigo da Deputación de Pontevedra, de 19.00 h. ata 20.30 h.) ou a Pontevedra o vindeiro xoves 14 de marzo (Salón de actos do Padroado de Turismo Rías Baixas, de 18.00 h. ata 19.30 h).

No hay comentarios: