lunes, 8 de abril de 2013

Vigo recibirá este ano máis de 17 millóns de euros en políticas activas de emprego, un 8,2% máis que o ano pasado

* A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitou esta mañá as instalacións de Formega, onde a Consellería de Traballo e Benestar está a desenvolver o programa Empreganav, que está dotado con 2,1 millóns de euros.

* O obxectivo de Empreganav é elaborar un itinerario de inserción laboral personalizado coa finalidade de recolocar a 450 traballadores do naval.

* O Goberno galego tamén outorgou o ano pasado a Formega preto de 500.000 euros para 4 cursos de formación para desempregados do sector.

* O investimento en formación e emprego para Vigo supón o 35,41% do orzamento que a Consellería de Traballo e Benestar destinará este ano á cidade olívica e que alcanza os 48 millóns de euros.


A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, destinará este ano máis de 17 millóns de euros a políticas activas de emprego da cidade de Vigo. Así o informou esta mañá a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, no transcurso dunha visita ás instalacións que Formega (Fundación Galega do Metal) ten na zona de Cabral.

Acompañada polo presidente de Formega, Javier Martínez, e a xerente da Fundación, Susana Cimadevilla, a representante da Administración autonómica en Vigo sinalou que a formación e a mellora da empregabilidade son un eixo esencial na acción de goberno da Xunta de Galicia. Por este motivo, a cidade olívica recibirá este ano un total de 17,1 millóns de euros para a área de formación e emprego, o que supón un 8,2 por cento máis que o ano pasado. Ademais, este dato supón o 35,41 por cento do investimento total que o departamento de Traballo e Benestar adicará este ano á cidade de Vigo e que chega aos 48 millóns de euros.

Bravo Bosch gabou a experiencia e colaboración activa que Formega está a levar a cabo coa Xunta de Galicia para fomentar a formación e emprego neste sector de actividade tan importante e estratéxico para a área de Vigo. Neste senso, recordou a aposta decidida e pulo do Goberno galego ao sector naval con programas específicos coma Empreganav, destinado aos traballadores do sector e que este ano está dotado con 2,1 millóns de euros.

Empreganav estase a desenrolar nas instalacións de Formega dende finais do ano pasado e continuará ata o primeiro trimestre de 2014. O seu obxectivo é elaborar un itinerario de inserción laboral personalizado coa finalidade de recolocar a 450 traballadores do naval. Vigo concentra practicamente ao 70 por cento dos traballadores que están a participar nesta iniciativa e xa se desenvolveron cursos de activación laboral, de informática, interpretación de planos, prevención de riscos laborais, soldadura ou de operador de carretillas elevadoras, entre outros. Ademais, estanse executando cursos de activación laboral e inglés e proximamente hai planificadas tamén outras actividades de competencias clave, graduado en ESO ou autocad.

A maiores, durante o ano pasado, Formega recibiu tamén preto de 500.000 euros para destinalos a outros 4 cursos de formación para desempregados nas especialidades de soldador de estruturas metálicas pesadas, montador de estruturas metálicas e fábrica e montaxe de instalacións de tubería industrial.

Un de cada dous euros para formación
Para a Xunta de Galicia a formación é clave para conseguir traballadores máis preparados, aumentar a competitividade do tecido empresarial e así emprender a liña do crecemento econónomico. Ademais, debe ser unha formación ligada ás necesidades reais do mercado laboral e, sobre todo, unha formación homologada que permita obter certificados de profesionalidade de validez estatal.

Deste xeito, por este concepto a cidade de Vigo recibirá este ano 8 millóns ou, o que é o mesmo, un de cada dos euros dos que se destinarán en Pontevedra, dedicaranse a Vigo.

Mentres, en materia de mellora da empregabilidade (plans de cooperación, programas mixtos de formación e plans integrados de emprego e orientación) a cidade de Vigo disporá de 3,5 millóns de euros para beneficiar a máis de 7.600 persoas desempregadas. Este dato supón así que máis de un de cada catro euros dos consignados para a provincia, será para Vigo. Tamén haberá unha partida destinada ás axudas de autónomos e emprendedores que este ano aumentará un 1 por cento sendo o global galego superior aos 25 millóns de euros.

Por último, hai que lembrar que, en Vigo, nestes momentos está en marcha o Obradoiro de Emprego Vigo Atende, que ofrece a 38 persoas desempregadas do municipio unha formación de calidade e un posto de traballo e onde a Consellería inviste 335.000 euros. E tamén se está desenvolvendo un Plan Integrado de Emprego, que conta con 120 beneficiarios, e desenvolve itinerarios individualizados de inserción laboral. A esta acción se destinan 93.000 euros.

No hay comentarios: