lunes, 24 de septiembre de 2012

Bravo Bosch coñeceu hoxe a Fundación Balms para a Infancia, que realiza proxectos dirixidos a protección dos nenos e nenas

A delegada territorial da Xunta en Vigo recoñeceu a labor de promoción e protección dos dereitos da infancia que realizan dende o colectivo.

Bravo Bosch destacou que o número de solicitudes de adopcións internacionais presentadas na Comunidade Autónoma durante o período 2000-2011 é de 4.902. 

Vigo, 24 de setembro de 2012.- A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, mantivo un encontro cos responsables da Fundación Balms para a Infancia, aproveitando así para coñecer in situ as dependencias que teñen na cidade olívica así coma todos os proxectos que teñen en marcha nestes momentos.

No transcurso do encontro co seu presidente, Antonio Heredero, e membros do equipo da fundación, Bravo Bosch destacou o importante labor de promoción e protección dos dereitos da infancia que realizan dende o colectivo, dende proxectos de cooperación internacional ata a mediación de expedientes de adopción internacional. Así, quixo recoñecer o traballo que dita fundación realiza ao servizo da sociedade, moi especialmente a favor das nenas e os nenos e da cooperación internacional con proxectos dirixidos a súa protección e o fomento dunha vida digna.

Neste senso, a delegada destacou os proxectos que realizan no exterior, coma é o caso dunha iniciativa para a formación integral de adolescentes traballadores de Piura, en Perú, ademais de resaltar o traballo no ámbito das adopcións internacionais coma Entidade de Colaboración Adopción Internacional (ECAI) acreditada centrándose en Colombia.

Deste modo, explicou que a Xunta de Galicia ten a disposición da cidadanía o chamado Portal Galego de Adopcións, coa finalidade de facilitar e axudar a todas as persoas que desexen adoptar menores estranxeiros. Así, detallou que o número de solicitudes de adopción internacional presentadas na nosa Comunidade Autónoma durante o período 2000-2011 é dun total de 4.902, correspondéndolle a provincia de Pontevedra, concretamente ao ámbito da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar, 1.767 solicitudes.

Ademais, destacou o feito de que, a través das entidades colaboradoras de adopción internacional–coma é o caso da Fundación Balms-, tramitáronse na Comunidade Autónoma un total de 2.456 expedientes de adopción internacional, sendo os principais países de procedência, Etiopía, China e Colombia.

A Fundación Balms
A Fundación Balms para a Infancia é unha organización sen ánimo de lucro, cuxo obxectivo é desenvolver actividades que fomenten a protección dos dereitos da infancia nos termos recollidos no Convenio Internacional de Protección da Infancia, asinado polas Nacións Unidas na Haya no ano 1993, e en especial o dereito de todos os nenos e nenas a crecer nunha familia que lles proporcione afecto, seguridade e coidado básicos. Tamén ten como prioritaria a realización de actividades relacionadas cos principios e obxectivos da Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

Está recoñecida e rexistrada como fundación benéfico-social dende o ano 2002, e foi declarada fundación de Interese Galego nese mesmo ano. No ano 2005 foi inscrita como Axente de Cooperación para o Desenvolvemento no rexistro galego, así como ECAI (Entidade de Colaboración Adopción Internacional).

As ECAI son entidades colaboradores de adopción internacional que sem ánimo de lucro e legalmente constituídas teñen nos seus estatutos coma fin a protección de menores así coma a intermediación na adopción internacional, é dicir, as ECAI poñen en contacto aos solicitantes cos organismos ou institucións competentes para a adopción no país do que se trate.

No hay comentarios: