jueves, 20 de septiembre de 2012

O Consorcio do Casco Vello de Vigo, no que a Xunta participa co 90% do capital, continuará o seu labor de rehabilitación durante os próximos cinco anos

A Xunta continuará tendo o 90 por cento do capital deste organismo, mentres o 10 por cento restante corresponde ao concello de Vigo

Esta repartición correspóndese coas achegas de ambos os organismos ao capital do Consorcio, que foron 27 millóns de euros no caso do IGVS e tres millóns de euros do Concello

Establécese a obriga de reinvestir na zona vella os ingresos que se obteñan da explotación ou venda dos edificios que rehabilite

O destino preferente dos edificios serán as vivendas protexidas e o presidente será un representante da Xunta de Galicia

Na actualidade o Consorcio do Casco Vello de Vigo é propietario de 54 inmobles, dos que 15 xa están rehabilitados e nos que se obtiveron 52 vivendas e 13 locais comerciais

Ademais están en execución as obras de rehabilitación doutros 20 inmobles en ruínas no contorno do Castelo de San Sebastián -na parte alta do barrio antigo- que posibilitará a creación de 30 novas vivendas e 7 locais comerciais


Tal e como se comprometera dende a Xunta de Galicia, o Consorcio do Casco Vello de Vigo continuará a súa actividade de rehabilitación da zona antiga da cidade durante os próximos cinco anos, segundo establecen os novos estatutos deste aprobados hoxe polo Consello da Xunta de Galicia. En calquera caso, considérase a posibilidade de prórroga do convenio unha vez rematada a súa vixencia. A actividade do Consorcio insírese na política de rehabilitación que leva a cabo o IGVS, tanto a través de axudas aos propietarios de vivendas, como a través das áreas de rehabilitación ou a rehabilitación directa, como a que se executa na zona vella de Vigo, na Tinería (Lugo) ou noutras zonas vellas de vilas e cidades galegas.

Segundo os novos estatutos, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) continuará tendo o 90 por cento do capital deste organismo, mentres o 10 por cento restante corresponde ao concello de Vigo. Esta repartición correspóndese coas achegas de ambos os organismos ao capital do Consorcio, que foron 27 millóns de euros no caso do IGVS e tres millóns de euros do Concello.

Entre as novidades que presentan os novos estatutos do Consorcio está a obriga expresa de destinar ao financiamento das actividades de recuperación da zona vella de Vigo, propias do consorcio, do produto obtido da explotación ou alleamento dos inmobles que rehabilite.

Tamén se establece que a rehabilitación de inmobles que realice o Consorcio farase tendo en conta que o destino prioritario dos ditos inmobles será o de vivendas, preferentemente acollidas a algún réxime de protección pública, inda que non se pecha a posibilidade de destinar algúns inmobles a outro usos ou dotacións públicas.

No que respecta aos aspectos organizativos internos do Consorcio, cabe salientar a creación da figura dun vicepresidente, cargo que desempeñará un representante do concello de Vigo, mentres que a presidencia corresponderá a un representante da Xunta de Galicia.

O consello de administración do Consorcio estará composto polo seu presidente, o concelleiro de Vigo que exerza a competencia de urbanismo na zona vella de Vigo, tres concelleiros de Vigo e catro representantes do IGVS. O cargo de conselleiro do Consorcio non será retribuído.

O Consorcio Casco Vello de Vigo nace en febreiro de 2005 coa sinatura dun convenio entre o IGVS, o concello de Vigo e a Zona Franca de Vigo, co obxectivo de levar a cabo actuacións de rehabilitaciónna zona vella da cidade. Posteriormente a Zona Franca cedeu a súa participación ao IGVS, quedando o Consorcio formado pola Xunta de Galicia e o concello de Vigo.

Na actualidade o Consorcio do Casco Vello de Vigo é propietario de 54 inmobles, dos ​que 15 xa están rehabilitados e nos que se obtiveron 52 vivendas e 13 locais comerciais.

Destas 52 vivendas, 34 sorteáronse como vivendas de protección autonómica en réxime de compravenda a prezo concertado, 12 foron asignadas en réxime de alugamento e 5 destináronse a realoxamentos.

Ademais, na actualidade están en execución as obras de rehabilitación doutros 20 inmobles en ruínas no contorno do Castelo de San Sebastián -na parte alta do barrio antigo- que posibilitará a creación de 30 novas vivendas e 7 locais comerciais.

No hay comentarios: