jueves, 25 de octubre de 2012

A Xunta concede ao Concello de Vigo un obradoiro de emprego para formar a 38 persoas desempregadas durante 6 meses

A Mancomunidade do Val Miñor, O Porriño e Mos tamén se beneficiarán destes novos programas mixtos de formación e emprego. 
O fin último destes programas, que comezarán no mes de decembro, é acadar a inserción no mercado laboral da maioría dos seus participantes.
As persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibirán o Salario Mínimo Interprofesional, 641,40 euros ao mes.
A Consellería de Traballo e Benestar destina máis de 10 millóns de euros a esta iniciativa en toda a comunidade.


A Consellería de Traballo e Benestar ven de informar favorablemente a concesión de un obradoiro de emprego (OOEE) ao Concello de Vigo para formar a 38 persoas desempregadas durante 6 meses. O proxecto presentado polo goberno local Vigo Atende contou co visto bo do departamento de Traballo e Benestar co obxectivo de dar formación e emprego en atención sociosanitaria, cociña e restaurante-bar por un importe de 335.000 euros.

Ademais, no ámbito da área que abarca a Delegación Territorial da Xunta en Vigo, tamén se concederon obradoiros ao Porriño, Mos e á Mancomunidade do Val Miñor. Así, concedeuse a Porriño o OOEE Porremprego I, onde se formarán 34 persoas en auxiliar de xardinería, mantemento de xardíns, atención sociosanitaria e formación solar-térmica. Para Mos, o Alfacuca III formará a 32 traballadores en agricultura ecolóxica, instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, montaxe e instalación de construción de madeira e deseño de produtos gráficos e promoción turística local. Por último, para a Mancomunidade do Val Miñor, concedeuse o obradoiro Terras do Miñor para ofrecer formación a 30 persoas desempregadas. Neste caso, é a primeira vez que se concede un OOEE a unha mancomunidade conformada por 3 concellos, primando así a presentación dos proxectos de forma mancomunada xa que era un dos criterios da Orde que tiña maior puntuación.

En total, con esta nova iniciativa se beneficiarán 134 traballadores que recibirán formación e emprego durante 6 meses, ademais dos correspondentes equipos de xestión e docencia. O inicio dos mesmos obradoiros de emprego se estima que sexa no mes de decembro despois da correspondente selección do persoal e alumnado.

A administración autonómica espera que preto dun 70 por cento dos participantes cheguen á meta final deste programa, a inserción real no mercado laboral. Esta previsión faise tendo en conta os resultados de ocupación laboral que recolle o Servizo Público de Emprego Estatal para estas accións concretas.

Estes programas mixtos de formación e emprego teñen unha dimensión triplo. Por unha banda, busca mellorar a empregabilidade dos traballadores ao ofrecerlles unha formación para o emprego en alternancia co desempeño dunha actividade real e produtiva de calidade, da man dos expertos que as imparten; por outro lado, ten unha notable utilidade social, xa que acada a realización de actuacións de mellora das dotacións públicas no ámbito local, que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para toda a sociedade; e, por último, estes programas permiten a colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais que promoven estas accións.

Os obradoiros de emprego destínanse aos colectivos de  desempregados e desempregadas que teñen especiais dificultades de inserción no mercado laboral. Na selección dos alumnos participantes valorarase, de xeito preferente, as persoas desempregadas que teñan esgotadas as prestacións por desemprego, dada a complicada situación do mercado laboral.

Para poder participar nestes proxectos as persoas interesadas deben estar en situación de desemprego e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, ter 25 ou máis anos de idade. Finalmente deben cumprir tamén os requisitos establecidos para poder formalizar un contrato para a formación.

As persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibirán o Salario Mínimo Interprofesional, 641,40 euros ao mes durante os 6 meses que duran os proxectos.

Na valoración dos proxectos tivéronse en conta ata un total de 13 criterios: número de persoas desempregadas; ámbito xeográfico de actuación; perspectivas de emprego do colectivo participante; adaptabilidade do proxecto para a participación dos sectores sinalados como preferentes polo Servizo Público de Emprego de Galicia; carácter innovador do plan; a dedicación á implantación de servizos personalizados de carácter cotián; a calidade do proxecto e do plan formativo cara á obtención do certificado de profesionalidade; o ámbito de actuación superior ao municipal e as achegas da entidade promotora; a participación dos axentes económicos e sociais e o número de proxectos similares promovidos con anterioridade pola entidade solicitante, así como os seus resultados cualitativos e cuantitativos.

Contidos formativos
Todos os alumnos traballadores participantes, ademais da formación profesional para o emprego adecuada as esixencias dos certificados de profesionalidade durante toda a duración do proxecto, reciben orientación e asesoramento profesional, empresarial e laboral, as competencias clave cara á obtención, se é o caso, dos correspondentes certificados de profesionalidade, educación compensatoria: para os que non alcanzaran os obxectivos da ESO e módulos de seguridade e saúde no traballo, alfabetización informática, sensibilización medio ambiental e en igualdade de xénero.

As actividades que se realizan nos obradoiros teñen que ver coa recuperación ou promoción do patrimonio histórico, artístico, cultural ou natural. Tendo en conta as peculiaridades da situación demográfica galega e o envellecemento poboacional, especialidades como axuda a domicilio ou atención ás persoas dependentes son tamén moi demandadas

No hay comentarios: