jueves, 25 de octubre de 2012

Usuarios do Centro de Día de Teis participan con escolares de orixe estranxeira nun programa interxeneracional


O grupo asistirá dous días á semana a actividades de cociña, xogos tradicionais e contacontos de ámbalas dúas culturas
Os maiores das instalacións tamén colaboran co proxecto “Imos sementar”, no que son titores de alumnos de 4º de Primaria no cultivo dun viveiro de cebolas

Vigo, 25 de outubro de 2012.-
O centro de día Atalaia, situado no barrio de Teis, pon en marcha a V edición dun programa intercultural e interxeracional que durante dúas tardes por semana unirá a un grupo de escolares de orixe estranxeira e veciños do barrio cos usuarios destas instalacións dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

Durante este tempo, este grupo de maiores e nenos participarán en diversas actividades conxuntas e de contido diverso que se programarán ao longo do curso escolar no centro. Desde hoxe mesmo, as tardes dos martes e xoves, de 16,00 a 18,00 horas, terán lugar estas xornadas que se prolongarán ata xuño. Nelas, proporanse actividades conxuntas de contido moi diverso como obradoiros de traballos manuais e de cociña, contacontos, festas e xogos tradicionais das diferentes culturas que forman o grupo, teatro ou mesmo grupos de conversación.

Ao tempo que os nenos e os usuarios das instalacións, con diferentes graos de dependencia, colaborarán nas actividades lúdicas dispostas, as nais dos pequenos asistirán a clases de alfabetización nun instituto próximo ao centro. Con esta iniciativa na que participan os fillos de parellas procedentes doutras culturas, preténdese contribuír ao desenvolvemento comunitario do barrio, xerar valores educativos transversais derivados da relación entre persoas de diferentes idades e culturas, así como propiciar sentimentos de responsabilidade, utilidade e autoestima no colectivo de maiores.

O equipo técnico encargado do proxecto, que se desenvolve en coordinación co Plan Comunitario de Teis, está formado por profesionais do Centro de Día, como educadores sociais, terapeutas ocupacionais, traballadores sociais, psicóloga, personal xerocultor e voluntariado.

Actividades complementarias
Ademais de pasar algunhas tardes de lecer co grupo de rapaces de orixe estranxeira, varios maiores do centro de día ensinaron aspectos básicos de horticultura -como facer un viveiro, coidados, transplante, preparación da terra, etc.-  a alumnos do CEP Santa Tegra de Teis, tras sesións previas cos profesores do centro. Esta acción encádrase no marco do programa “Imos sementar. Proxecto de coñecemento e respecto interxeracional a través da horticultura”, a través do cal os nenos de 4º curso de Educación Primaria serán titorizados polos maiores na preparación dun viveiro de cebolas.

Esta plantación quedará no centro educativo ao coidado dos rapaces, ata que no momento do seu transplante, aló polo mes de febreiro, os alumnos se despracen á horta, situada nos terreos do centro de día Atalaia, para aprender dos seus titores a dispoñer a terra e facer a plantación, co obxectivo de que a finais de curso poidan achegarse a recoller os froitos do seu traballo.

No hay comentarios: