martes, 9 de octubre de 2012

A Xunta xa iniciou as obras da zona de usos recreativos da ETEA para poñer a disposición dos veciños e veciñas preto de 8.000 metros cadrados destinados a ocio, deporte e desfrute do litoral

Onte mesmo firmouse a acta de replanteo e xa comezaron as primeiras labores de desbroce nos terreos.

Os veciños e veciñas de Teis e todos os vigueses e viguesas poderán disfrutar das novas instalacións no primeiro semestre do ano que ven.

As alegacións presentadas durante a exposición pública que propoñían melloras no contido do proxecto foron introducidas no documento.  

Dende a Xunta de Galicia se espera que o resto de promotores implicados no desenrolo do Plan Sectorial Campus Científico-Tecnolóxico do Mar en terreos da ETEA (Concello de Vigo, Universidade e CSIC) dean cumplida resposta e avancen da mesma maneira que o está a facer o Goberno autonómico. 

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, iniciou onte mesmo as obras da zona de usos recreativos da ETEA co obxectivo de poñer a disposición dos veciños e veciñas de Teis e de toda a cidade olívica preto de 8.000 m2 destinados a ocio, deporte e desfrute do litoral.

Onte mesmo firmouse a acta de replanteo dos traballos do PS-5 e xa comezaron as primeiras labores de desbroce nos terreos do antigo recinto militar, esperando que os vigueses e viguesas poidan contar cunhas novas instalacións de ocio en terreos da ETEA no primeiro semestre do ano que ven. Os traballos foron adxudicados cun investimento que ascende aos 800.000 euros.

Este proxecto sectorial PS-5 trátase dunha das 7 actuacións que se desenvolverán a través dos correspondentes proxectos sectoriais recollidos no Plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA que foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta do 23 de febreiro de 2012.

O proxecto sectorial da área de usos recreativos ten por obxecto definir, co detalle dun proxecto de urbanización, a transformación dun ámbito de 8.000 m, antigamente dedicado ao esparexemento e deporte dos alumnos da ETEA, que considerará a:

•    Creación dunha senda peonil no borde litoral que dará continuidade ao actual paseo que une Punta da Guía coa ETEA, permitindo o seu uso como carril-bici.
•    Apertura da praia do Areal da Punta á cidadanía.
•    Dotación de novos equipamento públicos como pistas deportivas, patinaxe, skate, parque infantil, cafetería e vestiarios.

Ao tempo, consérvanse as valiosas especies arbóreas que posúen as antigas instalacións. A edificabilidade non superará os 2.150 m² construídos que en parte se concentrará na conservación dos edificios da panadería e vestiarios na súa configuración orixinaria, demolendo aqueles outros sen valor significativo, caso dos galpóns anexos aos anteriores e os almacéns. Así como a  reforma e posta en servizo das redes de servizos de abastecemento, electricidade, iluminación e telefonía.

Con este proxecto sectorial a Xunta da resposta ás reivindicacións veciñais, entregando aos veciños de Teis e a todos os cidadáns de Vigo, este espazo privilexiado e introducindo no proxecto as dotacións solicitadas nas distintas reunións de traballo realizadas coas asociacións veciñais.

O pasado 18 de xullo o DOG anunciaba a apertura do período de información pública, no que se recibiron 316 alegacións promovidas por diferentes colectivos propoñendo melloras, e das cales, aquelas que afectan o ámbito do Proxecto Sectorial 5, finalmente foron introducidas no documento.

Agora, dende a Xunta de Galicia se espera que o resto de promotores implicados no desenrolo do Plan Sectorial Campus Científico-Tecnolóxico do Mar en terreos da ETEA (Concello de Vigo, Universidade e CSIC) dean cumplida resposta e avancen da mesma maneira que o está a facer o Goberno autonómico.

Plan sectorial

O Plan Sectorial, que abarca un ámbito de 115.000 m2, comprende 7 actuacións que se desenvolven mediante os respectivos proxectos sectoriais:

1.    PS-1. Proxecto Sectorial Área de vías, espazos libres e infraestruturas: 20.029 m2
2.    PS-2. Proxecto Sectorial Área Científico-Tecnolóxica 1: 16.042 m2
3.    PS-3 A. Proxecto sectorial Área Científico-Tecnolóxica 2: 4.180 m2
4.    PS-3 B. Proxecto Sectorial Área Científico- Tecnolóxica 3: 14.684 m2
5.    PS-4. Proxecto Sectorial Área de equipamento deportivo, usos complementarios dotacionais e parque urbano: 31. 291 m2
6.    PS-5. Proxecto sectorial Área de Usos Recreativos: 7.625 m2
7.    PS-6. Proxecto sectorial Área de Usos Complementarios: 21.199 m2

No hay comentarios: