domingo, 7 de octubre de 2012

Feijóo: “Non cumprimos todos os nosos soños pero si cumprimos co noso deber”


“Fixemos o que había que facer: non gastar mais do que tiñamos, pagar o que debíamos e priorizar os grandes retos de Galicia”, apunta                                                                 
“A maioría hai que conseguila cos votos, non coas sondaxes”, destacou  o candidato a Xunta de Galicia, Núñez Feijóo


O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que non ten medo aos balances: “probablemente non cumprimos os nosos soños pero si cumprimos co noso deber. Fixemos o que había que facer: non gastar máis do que tiñamos, pagar o que debíamos e priorizar os grandes retos de Galicia”.

Nun acto con 500 persoas en Vilagarcía, Feijóo lembrou que xa pasaron case catro anos desde que Galicia cambiou o rumbo da política española coa vitoria do PPdeG de marzo de 2009. “Entón collemos unha Xunta con 2.000 millóns de débeda oculta nos caixóns” que deixou o bipartito.

En todo caso, dixo que fixo na Xunta o que faría calquera dos asistentes ao acto se recibisen o encargo de xestionar o Goberno de Galicia: aplicar o sentido común. “Non nos gusta que nos saquen nos xornais como unha comunidade crebada. Pedístesme que Galicia non tivese que acudir a Madrid para pagar nóminas ou para pagar ás farmacias. Entendín que ese era o trato”, dixo o candidato popular.

Alberto Núñez Feijóo lembrou que Galicia está máis preparada ante a crise e a inestabilidade e apuntou que temos menos paro, menos déficit e menos débeda que outras CCAA. “Pero non podemos conformarnos”, apostillou.

“Non volvamos ao camiño que non nos levou a ningún sitio; e volver atrás é dividir a Xunta en cinco partidos, en cincos proxectos e con cinco programas”, apuntou. “Presentamos un proxecto de crecemento e non nos presentamos contra ninguén”.
Feijóo apuntou que “a outras comunidades fáltalles o diñeiro: nós fomos capaces de administrarnos porque tiñamos un pobo detrás que nos dicía que non podiamos gastar máis do que tiñamos. A clave é a sociedade que empuxa e inspira ao goberno”.

“Prometo traballo, non crebar a Xunta e non endebedala para que a Administración galega non sexa un problema adicional a todos o que xa temos” dixo.

“Os do BNG votaron cinco anos os PXE de Zapatero en Madrid e o PSOE deixou España en suspensión de pagos e cun buraco na Seguridade Social e no sistema financeiro: por que non piden desculpas polo que fixeron e axudan a solucionar os problemas que crearon?”, apuntou o presidente dos populares.

Respecto ao mitin central que o PPdeG celebrou onte en Pontevedra, Feijóo dixo que “había máis xente nese mitin da que PSOE e BNG terán en toda os seus actos de campaña xuntos”.

Nun día no que se publicaron varias enquisas en medios de comunicación, Feijóo dixo que “dame igual o que digan as predicións: non temos maioría absoluta porque as urnas seguen pechadas. A maioría hai que conseguila cos votos, non coas sondaxes".

No hay comentarios: