lunes, 8 de octubre de 2012

A Xunta autoriza ao Concello de Vigo o seu plan económico financeiro

A Consellería de Facenda remite en tempo e forma este documento tras completar a súa última revisión logo das deficiencias detectadas no texto
 

O Goberno galego puido ter resolvido antes o PEF se o concello o enviase de maneira voluntaria
 

O departamento que dirixe Elena Muñoz Fonteriz lembra que a Xunta ten que autorizar calquera operación de endebedamento do Concello olívico
 

Facenda garante a máxima celeridade para que se poidan financiar investimentos na cidade de Vigo

A Xunta de Galicia autorizou hoxe ao Concello de Vigo o seu Plan Económico Financeiro (PEF), tras completar a análise e a revisión do documento, unha vez que se resolveron as deficiencias detectadas pola Administración autonómica.

Desta forma, a Consellería de Facenda, competente nesta materia, remite ao Concello olívico en tempo e forma o PEF, un trámite que o Goberno galego puido ter resolvido antes se o Executivo local o enviase de maneira voluntaria e non tivese que ser reclamado pola Xunta de Galicia.

O Concello de Vigo, ao incorrer en déficit no ano 2012, tivo a obriga de presentar un PEF para a súa aprobación por parte da Consellería de Facenda, documento que este departamento autonómico lle tivo que solicitar o pasado mes de xuño e que non tivo entrada en Facenda ata o 2 de xullo.

Os técnicos do departamento que dirixe Elena Muñoz Fonteriz, tras unha primeira análise, solicitaron aclaracións e corrección o 13 de xullo, pero o concello non remitiu a nova documentación ata o día 30 do mesmo mes.

A Consellería de Facenda lembra que a Xunta de Galicia ten a competencia para autorizar calquera operación de endebedamento do Concello vigués e garante a máxima celeridade nestes trámites para que se poidan financiar investimentos na cidade olívica.

No hay comentarios: