miércoles, 28 de noviembre de 2012

Máis de tres mil maiores realizan actividades de lecer e tempo libre no centro sociocumunitario de Teis

• A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, mantivo esta mañá un encontro coa súa directora para comprobar tamén o inicio do novo curso no centro social, que ofrece actividades de habilidades sociais e memoria, ximnasia, ioga, danzas orientais, manualidades ou risoterapia, entre outras.

• No eido educativo e formativo hai que destacar o Curso de Alfabetización de adultos, de reforzo para a ESO e o de iniciación ao inglés.

• No mes de decembro teñen prevista unha recollida de alimentos en colaboración con Cáritas, para as familias máis necesitadas do barrio de Teis.


A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch,visitou esta mañá o centro Sociocomunitario de Teis, onde mantivo un encontro coa súa directora,María Luisa Rodríguez, e puido comprobar o inicio do novo curso de actividades de lecer e tempo libre que un ano máis se poñen en marcha nos Centros Sociocomunitarios dependentes da Consellería de Traballo e Benestar da cidade olívica.

O Centro Sociocomunitario de Teis é un dos centros sociais con maior número de usuarios e usuariasde Vigo, ofrecendo actividades de lecer e tempo libre ao redor de 3.300 maiores da parroquia viguesa. Conta así cunha variada programación de actividades de lecer e tempo libre para os seus usuarios e usuarias cun carácter multidisciplinar desenvolvendo así unha importante labor social para o seu día a día. A súa finalidade é mellorar a calidade de vida das persoas maiores mediante a súa promoción sociocultural sendo, a día de hoxe, un importante lugar de encontro interxeneracional e de comunicación.

As actividades programadas para o curso 2012/2013 no centro de Teis poñen a disposición das usuarias e usuarios cursos e actividades de diverso carácter, entre as que se atopan manualidades,debuxo e pintura, canto coral, habilidades sociais e memoria, ximnasia, ioga, taichi, pilates, danzas orientais, baile clásico e moderno, risoterapia ou informática, entre outras. A maioría destas actividades son gratuítas e o centro está aberto de luns a venres, de 9 a 21:00 horas, abrindo tamén os sábados de 15 a 20 horas. A maioría dos usuarios que acoden a este centro teñen entre 45 e 95 anos, aínda que é destacable o feito de que, pouco a pouco, os centros sociais abren as súas instalacións a xente máis xove e que, o número total de usuarios e usuarias que utilizan estas dependencias é maior xa que moitas das persoas que acoden a eles o fan para utilizar a sala de lectura, a biblioteca ou a cafetería.

Ademais, no eido educativo e formativo do Centro Social de Teis é destacable o Curso de Alfabetización de Adultos, de reforzo para a ESO e de iniciación ao inglés. Tamén organizan actividades específicas para nenas e nenos, como a festa do entroido e talleres gastronómicos con festexo e concurso con xurado, mentres que para o mes de decembro teñen prevista unha recollida de alimentos en colaboración con Cáritas, para as familias máis necesitadas do barrio vigués, así coma a festa de Nadal do 19 de decembro na que participan todos os usuarios e usuarias.

Os Centros Sociocomunitarios son lugares de encontro nos que se promove a convivencia das persoas, fundamentalmente maiores, co obxecto de potenciar a solidariedade e a integración persoal e comunitaria. O obxectivo final que busca a Xunta de Galicia a través das distintas actividades e servizos que se ofrecen nos Centros Sociocomunitarios é conseguir unha participación activa na comunidade dos cidadáns en xeral e das persoas maiores en particular, a prevención da dependencia e que as persoas maiores teñan un lugar para reunirse propiciando a integración social no grupo e que os usuarios e usuarias participen nas actividades e se relacionen activamente promovendo taménactividades de voluntariado, ocio ou excursións.

Na cidade olívica, a Administración autonómica xestiona 6 centros sociais, ubicados en Vigo-centro (Pi y Margall), Calvario, Coia, Bouzas, Teis e Rivera Atienza, e polos que, ao ano, pasan máis de 13.000 usuarios e usuarias. Trátase de persoas maiores que acoden a diario a estes centros a realizar múltiples actividades de lecer e tempo libre, pero tamén actividades formativas e didácticas e, incluso, de benestar físico e mental.

En total, a Consellería de Traballo e Benestar xestiona 17 Centros Sociocomunitarios en toda a provincia. Ademais dos 6 de Vigo, o resto atópanse en Cangas, Porriño, Baiona, Redondela, Pontevedra, Tui, Vilagarcía e Vilaxoán ademais da Casa do Mar de Cambados, Marín e A Estrada.

No hay comentarios: