jueves, 13 de diciembre de 2012

Traballo destina 8,4 millóns a Vigo para políticas activas de formación e emprego

Os catro Obradoiros de emprego concedidos aos concellos da área territorial da Xunta en Vigo comezarán este mes a formar a 134 persoas desempregadas

As persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibirán o Salario Mínimo Interprofesional, 641,40 euros ao mes.

A Consellería de Traballo e Benestar subvencionará estes programas mixtos de formación e emprego con máis de 1,18 millóns de euros destinados aos concellos de Vigo, O Porriño, Mos e á Mancomunidade do Val Miñor.

As especialidades nas que se formarán os alumnos e alumnas van dende atención sociosanitaria, cociña, restaurante-bar, xardinería, formación solar térmica ou deseño de produtos gráficos e promoción turística así coma formación en construcións de madeira, entre outros.

O fin último que se pretende con estes OO.EE. é acadar a inserción no mercado laboral da maioría dos seus participantes.


A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo, suliñou onte o importante apoio que a Administración autonómica está a realizar coas políticas activas de formación e emprego e, neste senso, sinalou que este ano a Consellería de Traballo e Benestar está a investir máis de 8,4 millóns de euros na cidade que benefician a un total de 2.610 persoas desempregadas a través dos Plans de Cooperación, ProgramaIntegrado para o Emprego (PIPE), Obradoiros de Emprego, Orientadores Laborais e, por último, Accións Formativas para Desempregados (AFD), destacando así os cursos que se concederon en sectores tan estratéxicos coma a automoción ou o naval.

Xunto coa directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, presentaron esta mañá os catro Obradoiros de Emprego que a Consellería de Traballo e Benestar concedeu aos concellos da área territorial de Vigo e que este mesmo mes comezarán a formar a un total de 134 persoas desempregadas.

Os catro obradoiros de emprego se concederon aos concellos de Vigo, O Porriño e Mos ademais de á Mancomunidade do Val Miñor, ofrecendo formación e emprego en distintas especialidades a un total de 134 persoas desempregados ademais dos correspondentes equipos de xestión e docencia durante 6 meses. A Consellería de Traballo e Benestar subvencionará así con máis de 1,18 millóns de euros estes catro programas mixtos de formación e emprego que teñen coma obxectivo último acadar a inserción no mercado laboral da maioría dos seus participantes.

Coma explicou a delegada da Xunta na cidade, nestes días estanse a rematar os trámites administrativos cos concellos realizando a selección de alumnado e profesorado para ter todo listo e comezar, coma data previsible de inicio, o 28 de decembro. Sen embargo, no caso concreto do Concello de Vigo, o procedemento por parte da Xunta de Galicia xa rematou onte mesmo coas últimas entrevistas de selección de persoal co que, a partires de agora, poden comezar co seu OOEE cando oestimen oportuno, aínda que se prevé que sexa o mesmo día que o resto de concellos.

Deste modo, a Consellería de Traballo e Benestar concedeu ao Concello de Vigo o obradoiro de emprego Vigo Atende para formar a 38 traballadores en atención sociosanitaria, cociña e restaurante-bar cun investimento de 335.030,04 euros. Durante estes 6 meses de formación, e seguindo o proxecto presentado polo concello, os alumnos e alumnas realizarán actividades de servizo de cociña en diversas xornadas culinarias e actos organizados polo goberno local; servizos de comidas para fins sociais; difusión e promoción de hábitos saudables, e por último, servizos de restaurante e bar nos actos e presentacións levadas a cabo polo concello e nas xornadas de difusión da cociña autóctona e difusión da cociña saudable.

No caso de O Porriño, concedeuse o OOEE Porremprego I, onde se formarán 34 persoas en auxiliar de xardinería, mantemento de xardíns, atención sociosanitaria e formación solar-térmica cun investimento de 299.763,72 euros. As actuacións que se engloban no proxecto son a recuperación e instalación de xardíns no parque de San Campio – Pontellas; sementa de céspede no campo de fútbol da Granxa; asementa de céspede e instalación de rego no campo de fútbol de Mosende; unha instalación solar-térmica no Pavillón Municipal e, por último, a instalación xeotérmica da Piscina Municipal.

Para Mos, concedeuse o Alfacuca III, que formará a 32 traballadores en agricultura ecolóxica, instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, montaxe e instalación de construción de madeira e deseño de produtos gráficos e promoción turística local. Cun investimento de 282.130,56 euros formarán aos alumnos e alumnas que realizarán tarefas de revalorización do espazo natural de Alfacuca; o mantemento e mellora do Parque Municipal de Sanguiñeda; o mantemento e mellora do parque e zonas verdes do Multiusos Municipal e, por último, a creación de materiais gráficos e promoción turística local.

Por último, para a Mancomunidade do Val Miñor, concedeuse o obradoiro Terras do Miñor para ofrecer formación a 30 persoas desempregadas cun investimento de 264.497,40 euros. Neste caso, é a primeira vez que se concede un OOEE a unha mancomunidade conformada por 3 concellos, primando así a presentación dos proxectos de forma mancomunada xa que era un dos criterios da Orde que tiña maior puntuación. Os alumnos e alumnas deste obradoiro se formarán en operacións básicas de cociña e servizos de restaurante co obxectivo de levar a cabo a atención ao cliente e apoio de servizo de restaurante para a divulgación dos menús feitos con produtos da comarca nos actos da Mancomunidade, coma poden ser, por exemplo, recoñecida na festa da Arribada de Baiona.

Inserción real no mercado laboral
A administración autonómica espera que preto dun 70 por cento dos participantes cheguen á meta final deste programa, a inserción real no mercado laboral. Esta previsión faise tendo en conta os resultados de ocupación laboral que recolle o Servizo Público de Emprego Estatal para estas accións concretas.

Estes programas mixtos de formación e emprego teñen unha dimensión triplo. Por unha banda, busca mellorar a empregabilidade dos traballadores ao ofrecerlles unha formación para o emprego en alternancia co desempeño dunha actividade real e produtiva de calidade, da man dos expertos que as imparten; por outro lado, ten unha notable utilidade social, xa que acada a realización de actuacións de mellora das dotacións públicas no ámbito local, que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para toda a sociedade; e, por último, estes programas permiten a colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais que promoven estas accións.

Os obradoiros de emprego destínanse aos colectivos de desempregados e desempregadas que teñen especiais dificultades de inserción no mercado laboral. Na selección dos alumnos participantes valorarase, de xeito preferente, as persoas desempregadas que teñan esgotadas as prestacións por desemprego, dada a complicada situación do mercado laboral.

Para poder participar nestes proxectos as persoas interesadas deben estar en situación de desemprego e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, ter 25 ou máis anos de idade. Finalmente deben cumprir tamén os requisitos establecidos para poder formalizar un contrato para a formación.

As persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibirán o Salario Mínimo Interprofesional, 641,40 euros ao mes durante os 6 meses que duran os proxectos.

Na valoración dos proxectos tivéronse en conta ata un total de 13 criterios: número de persoas desempregadas; ámbito xeográfico de actuación; perspectivas de emprego do colectivo participante; adaptabilidade do proxecto para a participación dos sectores sinalados como preferentes polo Servizo Público de Emprego de Galicia; carácter innovador do plan; a dedicación á implantación de servizos personalizados de carácter cotián; a calidade do proxecto e do plan formativo cara á obtención do certificado de profesionalidade; o ámbito de actuación superior ao municipal e as achegas da entidade promotora; a participación dos axentes económicos e sociais e o número de proxectos similares promovidos con anterioridade pola entidade solicitante, así como os seus resultados cualitativos e cuantitativos.

Contidos formativos
Todos os alumnos traballadores participantes, ademais da formación profesional para o emprego adecuada as esixencias dos certificados de profesionalidade durante toda a duración do proxecto, reciben orientación e asesoramento profesional, empresarial e laboral, as competencias clave cara á obtención, se é o caso, dos correspondentes certificados de profesionalidade, educación compensatoria: para os que non alcanzaran os obxectivos da ESO e módulos de seguridade e saúde no traballo, alfabetización informática, sensibilización medio ambiental e en igualdade de xénero.

No hay comentarios: