miércoles, 27 de marzo de 2013

A Xunta abre ao público a nova área de usos recreativos da ETEA, tras investir 700.000 euros


O Goberno galego adxudicou o 14 de marzo a redacción dos proxectos correspondentes aos usos socio-asistenciais, culturais e de servizos

O espazo destinado a usos recreativos dispón de pista de patinaxe, pista de skate, carril-bici, dúas pistas multideporte, parque infantil e pérgolas

O Goberno galego atendeu as solicitudes veciñais ou de distintos colectivos, incrementando así o número de mesas e bancos, ou reforzando a seguridade dos patinadores mediante a colocación dun valado de perímetro da pista de patinaxe


O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, Agustín Hernández, inaugurou hoxe a área de usos recreativos da ETEA de Vigo, proxecto no que a Xunta de Galicia investiu preto de 700.000 ueros para levar a cabo a recuperación desde espazo de 7.600 metros cadrados.

Con este proxecto sectorial a Xunta da resposta ás reivindicacións veciñais, entregando aos residentes en Teis e a todos os cidadáns de Vigo este espazo privilexiado e introducindo nel as dotacións solicitadas nas distintas reunións de traballo realizadas coas asociacións.

O proxecto sectorial levado a cabo permitiu a transformación deste ámbito introducindo elemento para o lecer dos cidadáns, como unha pista de patinaxe, pista de skate, carril-bici, dúas pistas multideporte, unha en formigón e outra en céspede artificial, parque infantil e pérgolas.

a Consellería de Medio Ambiente, tras varias xuntanzas con veciños e diversos colectivos, levou a cabo moitas das solicitudes propostas, como por exemplo a colocación de mesas e bancos baixo as pérgolas instaladas.

Tal como solicitaron os patinadores, o departamento que dirixe Agustín Hernández finalmente instalou 12 bancos, tres máis dos previstos no proxecto. Tamén se valou o perímetro da pista de patinaxe cuns tubos de aceiro horizontais para mellorar a seguridade e evitar o acceso ao recinto dende calquera punto. Ademáis, en canto se dean as condicións metereolóxicas axeitadas, pintaranse marcas especiais na pista para ter referencia á hora de practicar as figuras de patinaxe.

Vindeiros pasos
Hernández subliñou que a inauguración de hoxe é un primeiro paso, xa que este proxecto sectorial forma parte dunha estratexia global de recuperación de todo o espazo da antiga Escola de Transmisións da Armada (ETEA), nun total de 115.000 metros cadrados, que ten a súa continuidade na inminente redacción do proxecto de Vías, Espazos Libres a Infraestructuras, así como a área de usos complñementarios, que se adxudicou recentemente.

O titular de Medio Ambiente explicou que unha vez que o seu departamento dispoña dos proxectos redactados procederase á súa exposiciómn pública, para que todos aqueles cidadáns e colectivos que o desexen poidan achegar as súas suxestións e enriquecer así os documentos.

A adxudicación da redacción dos proxectos sectoriais de Área de Vías, espazos libres e infraestructuras, así como a Área de Usos Complementarios tivo lugar o pasado día 14 de marzo por 145.000 euros. Estímase que as obras nestas dúas áreas supoñan un orzamento de 4,8 millóns de euros.

No que se refire ao proxecto sectorial da área de viais, espazos libres e infraestructuras, resolverá a urbanización deste ñámbito e as conexións exteriores coas redes xerais de infraestructuras definidas no propio plan sectorial. Este ámbito abrangue unha superficie de 20.029 metros cadrados.

En relación ao ámbito do proxecto sectorial da área de usos complementarios defínese como PS-6, cunha superficie de 21.199 metros cadrados. Este proxecto ordenará detalladamente o ámbito, para a localización de usos complementarios dos científicos, tecnolóxicos, tales como os socio-asistenciais, socio-culturais, residenciais, servizos de xestión e innovación empresarial e terciarios complementarios.

No hay comentarios: