viernes, 1 de marzo de 2013

A Xunta inviste 62.000 euros na mellora do firme en Redondela


A actuación vai enmarcada nos Proxectos Estratéxicos de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM) 2012/2013.

 O obxectivo fundamental deste tipo de intervencións é dignificar e mellorar a calidade de vida da poboación e arranxar deficiencias.

A obra completouse co recrecido de pozos de rexistro e a sinalización vertical.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, trasladouse esta mañá ata o Concello de Redondela para comprobar in situ o resultado da actuación levada a cabo na parroquia do Viso ao abeiro dos Proxectos Estratéxicos de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM) 2012/2013 que concedeu a Consellería do Medio Rural e do Mar e que, neste caso, contou cun investimento de 62.204,15 euros.

Acompañada polo alcalde da localidade, Javier Bas, e polo xefe territorial de Medio Rural, Gerardo Zugasti, a representante da Administración autonómica na área de Vigo explicou que esta obra tiña coma finalidade a mellora do firme no camiño da Gándara, na parroquia do Viso, e que o obxectivo fundamental deste tipo de intervencións no rural é dignificar e mellorar a calidade de vida da poboación e arranxar as deficiencias que persisten en determinadas zonas rurais de Galicia.

Deste xeito, o camiño ten unha lonxitude de 1.071 metros lineais e un ancho medio de 4 metros ao longo da traza; a capa de rodadura é de aglomerado en quente e espesor de 5 centímetros e, con todo, a actuación completouse co recrecido de pozos de rexistro e a sinalización vertical.

O PEIM Rural é un plan que inclúe proxectos financiados pola Consellería do Medio Rural e do Mar e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente co fin de levar a cabo actuacións en materia de desenvolvemento rural. No convenio establécese un marco xeral de cooperación onde se definen as liñas xerais de colaboración técnica e financeira en materia de infraestruturas rurais.

Por último, Bravo Bosch lembrou que o investimento nos PEIM 2012/2013 para os 14 concellos que conforman o ámbito da Delegación Territorial da Xunta en Vigo foi de case 900.000 euros (895.200,04 euros).

No hay comentarios: