miércoles, 13 de marzo de 2013

Feijóo avanza a creación de 9.000 prazas públicas de comedores e reitera o compromiso cos mozos galegos incrementando as prazas de fp, coas taxas universitarias máis baixas de españa e con incentivos fiscais para que poidan investir en galicia


  • Destaca que o Executivo galego cumpriu os seus primeiros 100 días traballando en tres obxectivos: manter a solvencia da comunidade, manter a blindaxe dos servizos públicos esenciais e facer políticas económicas que nos permitan, nesta lexislatura, iniciar unha senda de crecemento económico 
  • Diante do balance de comezo de lexislatura, afirma que “este Goberno non minte aos galegos, como outros –lembra- que lles mentiron durante 8 anos en Madrid e 4 anos en Galicia” 


O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, avanzou, hoxe, durante a sesión de control no Parlamento, a creación de 9.000 novas prazas públicas de comedores e reiterou o compromiso do Goberno autonómico cos mozos galegos, incrementando as prazas de Formación Profesional, coas taxas universitarias máis baixas de España e con incentivos fiscais para que poidan investir en Galicia.

“Somos das comunidades autónomas máis activas en Formación Profesional, en universidades e en incentivos fiscais para os mozos: incrementamos un 38%, en plena crise económica, as prazas de FP; incrementamos un 34% a rede de centros integrados de FP e imos seguir incrementando as prazas, máis que en ningunha outra lexislatura. Cando gobernaban o PSOE e o BNG incrementábanse as taxas universitarias; agora se conxelan. E, a Lei do emprendedor significa dar todas as facilidades fiscais e todas as facilidades administrativas para que os mozos poidan investir en Galicia”, asegurou.

Se ben, recoñeceu o paro xuvenil como un dos problemas máis importantes, o titular da Xunta precisou que Galicia está “nunha situación mellor que unha nación que volve estar na segunda recesión económica nos últimos anos”. E, neste senso, lembrou que a comunidade galega é a quinta de toda España coa taxa de paro xuvenil máis baixa. “Mentres, no último ano, en España subiu un 4,38%, en Galicia baixou un 10%, pasando de 23.177 a 20.878 mozos”, dixo.


Tres obxectivos en 100 días de Goberno

Cando se cumpren os primeiros 100 días do Goberno actual da Xunta, Feijóo subliñou que o Executivo galego cumpriu este período traballando en tres obxectivos: manter a solvencia da comunidade autónoma, manter a blindaxe dos servizos públicos esenciais e facer políticas económicas que nos permitan, nesta lexislatura, iniciar unha senda de crecemento económico.

“Este é o primeiro Goberno do Estado das Autonomías que aproba un presuposto en 16 días despois de tomar posesión, e que consegue que a Cámara o aprobe antes dos 100 primeiros días. Este é o primeiro Goberno que consegue colocar a débeda pública nos mercados ordinarios con tipos de interese por debaixo das recomendacións do Ministerio de Economía, o que significa: blindaxe do autogoberno, blindaxe dos servizos públicos e solvencia da comunidade. É un Goberno que sigue facendo fusións nas administracións institucionais; que consegue –nestes 30 anos de autonomía- poñer a funcionar a Axencia Tributaria de Galicia; que aproba Ofertas Públicas de Emprego a pesar da recesión económica; e que é capaz de plantexar en Madrid o mesmo que aquí, conseguindo 500 millóns de euros en saneamento e que no ano 2018, teñamos un AVE a Madrid e no 2014, integramente pola comunidade, e que no ano 13 se finalice a Autovía do Cantábrico”.

Así mesmo, e en materia de benestar social, Feijóo lembrou que nestes 100 primeiros días, puxéronse 500 vivendas a disposición das persoas que sofren desafiuzamentos. “E este é un Goberno que licita o hospital de Ourense e que consigue financiamento para o hospital de Vigo; que creará 5.000 prazas públicas de garderías e centros de día e residencias de maiores; e que incrementa, a pesares da recesión económica, un 38% a renda de integración social”.

Diante deste panorama, o titular da Xunta aseverou que “este Goberno non minte aos galegos, como outros que lles mentiron durante 8 anos en Madrid e 4 anos en Galicia”, dixo, en alusión ao Goberno Zapatero e ao Bipartito. E insistiu en que, nestes 100 primeiros días: “Galicia ten Goberno. Lamento, que non teña oposición”.

No hay comentarios: