miércoles, 13 de marzo de 2013

O Parlamento aproba por unanimidade a proposta de Javier Guerra para solicitar que Vigo sexa incluido como porto nodal da rede transeuropea

O deputado Javier Guerra sinalou que “é o momento de estar todos xuntos” para conseguir este recoñecemento

Guerra lamentou que “unha decisión política do comisario de Transportes e o ministro socialista José Blanco” deixara a Vigo fora desta rede de transportes


O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular, á que se sumou unha emenda de AGE, a través da que se insta á Xunta de Galicia e ao Goberno central a solicitar á Unión Europea que se faga todo o necesario para que o Porto de Vigo sexa incluído como porto nodal na Red Transeuropea de Transporte e que sexa incluído no regulamento europeo para o desenvolvemento desta rede de transporte. O deputado popular Javier Guerra sinalou que “é o momento de estar todos xuntos” para conseguir este recoñecemento para o porto de Vigo, logo de que quedara fora por “unha decisión política entre o comisario de Transportes e o ministro socialista José Blanco”.

Javier Guerra explicou na súa intervención que, unha vez que se elaborou o borrador definitivo do regulamento europeo para a desenvolvemento da Rede Transeuropea de Transportes, “agora ábrese un novo proceso de negociación a tres bandas entre o Parlamento Europeo, a Comisión Europea e o Consello de Europa no que entre todos debemos tratar de incluír o porto de Vigo como porto nodal”.

INFORMACIÓN FALSA DO MINISTERIO
Na súa intervención, o deputado popular recordou que Vigo foi excluído como porto nodal o 19 de outubro de 2011 coa elaboración dun primeiro borrador do Regulamento por parte da Comisión de Transportes da

Unión Europea”. Neste sentido, criticou a información “falsa” que difundiu o Ministerio de Fomento, ao anunciar neste momento que a UE aceptara a proposta do Goberno de España sobre redes transeuropeas de transporte.

“O Comisario de Transporte negociara con cada nación a inclusión das cidades portos e aeroportos nodais e supoñíase que se Bruxelas aceptaba a proposta de España e, ao mesmo tempo, o ministro de Fomento do Goberno de España era galego, o porto de Vigo estaría incluído como porto nodal, tal e como aparecía en toda a documentación que presentou á prensa o Ministerio de Fomento”, lamentou Guerra.

Sen embargo, o deputado popular indicou que “o verdadeiro mapa publicouno despois a Comisión de Transportes e o porto de Vigo quedaba excluído e deixaba de ser nodal”. “Cando se coñeceu esta situación, reclamouse desde a Xunta, o Porto de Vigo, os empresarios e a propia sociedade civil que se rectificara, pero o Ministerio de Fomento non rectificou”, apuntou.

Máis adiante, entre os meses de outubro e decembro de 2011, a Comisión Europea redactou unha nova proposta do regulamento que substituía a do 19 de outubro na que se incorporaban cidades de Italia, Gran Bretaña ou Bélxica, pero non aparecía Vigo. Guerra confirmou que “no documento definitivo do 19 de decembro Vigo deixaba de ser porto nodal e remataban o seu traballo os gobernos socialistas”.

MOITAS RAZÓNS PARA SER PORTO NODAL“Vigo ten moitas razóns para ser porto nodal: é o primeiro do mundo en tráfico de pesca para consumo humano, e o primeiro porto de España en tráfico de granito, o segundo en tráfico de vehículos, o 40 por cento das exportacións galegas saen polo porto de Vigo e o seu valor industrial é de máis de 13.000 millóns de euros”, afirmou o deputado popular.

Neste sentido, Guerra criticou que “non foron criterios obxectivos os que excluíron ao porto de Vigo: foi unha decisión política entre un comisario e o ministro José Blanco”. Ademais, dixo que “no trámite da Comisión de

Transportes do Parlamento europeo presentáronse emendas que non foron aceptadas polos ponentes, que si admitiron outros nodos urbanos de cidades insulares, como Cagliari ou Tenerife-As Palmas”.

Javier Guerra referiuse, por último, ao Partido Socialista e asegurou que “teñen mala conciencia porque saben que se o porto de Vigo non é neste momento porto nodal é por un esquecemento do ministro Blanco e tamén polo amado líder da Alcaldía de Vigo”. E sobre o BNG afirmou que “sempre estivo en contra do porto de Vigo: quixo que fora un porto para barcos do século XIX, non quixo a ampliación do Berbés e falan do automóbil pero tratan de limitar a ampliación da terminal ro-ro”.

No hay comentarios: