viernes, 8 de marzo de 2013

Traballo e Benestar investirá preto de 170 millóns de euros na provincia de Pontevedra en 2013, un 5% máis que o ano pasado

A Consellería de Traballo e Benestar consignará á provincia de Pontevedra un total de 168,5 millóns de euros, un 30,7 por cento do total de Galicia e unha cantidade que supón un incremento do 5 por cento con respecto ao orzamento de 2012. Desta cifra, Vigo recibirá máis de 48 millóns de euros, un 13,7 por cento máis que o ano pasado e que equivale a que “máis dun de cada catro euros investidos na provincia pola Consellería serán no concello de Vigo”.

Así o salientou hoxe a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, nunha rolda de prensa para presentar as contas desta área na que estivo acompañada pola delegada territorial, María José Bravo Bosch.

Segundo explicou Mato, unha das prioridades este ano seguirá sendo a loita contra a exclusión social. Ao respecto, adiantou que Pontevedra recibirá 16,7 millóns de euros para financiar as axudas da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) e das Axudas de Emerxencia Social (AES). Vigo, pola súa banda, disporá de 7,7 millóns de euros por este concepto, sempre tendo en conta que esta partida é ampliable para que “ninguén con dereito a percibir a prestación quede fóra do acceso a ela”.

Xa no que se refire á conciliación da vida laboral, persoal e familiar e á revitalización demográfica, a titular do departamento autonómico considerou “fundamental” continuar a aposta polas creación de prazas para nenos e nenas de 0-3 anos. Recordou que na lexislatura anterior puxéronse en marcha 3.000 prazas, das que un 38 por cento corresponden á provincia de Pontevedra.

E, actualmente, adiantou que xa están planificadas na provincia 634 novas prazas que empezarán a executarse en 2013, das que 176 estarán rematadas neste mesmo ano.

Atención a maiores
Á creación, hai que sumar tamén o mantemento, ao que se destinará este ano preto de 14,5 millóns de euros para manter as 5.800 prazas que existen para nenos pontevedreses e pontevedresas (inclúense as prazas da rede pública, as de iniciativa social e as do cheque infantil). Deste total, 2 millóns corresponden ás máis de 1.100 prazas que hai na cidade de Vigo.

Mato fixo fincapé tamén na atención á dependencia. Pontevedra contará este ano con 30 millóns de euros para libranzas do coidador, vinculadas ao servizo e asistente persoal, e para o servizo de axuda no fogar. Esta contía supón o 27 por cento do total destes capítulos para toda Galicia. En concreto, ao concello de Vigo destinarase 6 millóns de euros

A atención a maiores tamén pasa polo mantemento da rede de prazas de atención destinadas a este colectivo. Na provincia, trátase dun orzamento de 26,8 millóns de euros para máis de 2.400 prazas, dos que 5,5 millóns son para as 883 de Vigo. A responsable autonómica indicou, tamén, que esta rede seguirá sendo reforzada coa apertura do centro de día de Valadares e coas novas 50 prazas da residencia de Campolongo.

En canto aos menores, o departamento ten orzamentados 10,6 millóns de euros para a provincia, dos que 8 millóns son para os centros de menores. Vigo concentra o 50 por cento deste investimento para o mantemento das instalacións de atención a este colectivo.

Xa por último na área de benestar, a conselleira salientou os 11 millóns de euros que están consignados para manter as máis de 1.500 prazas de atención á discapacidade da provincia. Case 4 millóns correspóndense coas 577 prazas públicas da cidade olívica

Aposta pola empregabilidade
“Outro eixo esencial da nosa acción está centrado na mellora da empregabilidade dos nosos traballadores”, subliñou Mato. Dentro destas políticas, é fundamental a formación homologada, vinculada aos certificados de profesionalidade.

En Galicia, o investimento para formación acada os 46,5 millóns de euros, e prevese que a provincia reciba o 33 por cento, isto é, máis de 15 millóns de euros para formar tanto a ocupados como desempregados. Esta cifra supón que un de cada tres euros de formación investiranse en Pontevedra.

A cidade de Vigo, pola súa banda, recibirá 8 millóns ou, o que é o mesmo, un de cada dos euros en formación en Pontevedra dedicaranse a Vigo

En materia de mellora da empregabilidade, outra das liñas fundamentais é a cooperación cos concellos. Deste xeito, investiranse 12,8 millóns de euros en plans de cooperación, programas mixtos de formación e plans integrados de emprego e orientación na provincia.

O concello de Vigo disporá, tamén neste caso, de máis dun de cada catro euros dos consignados na provincia. En termos absolutos, equivale a 3,5 millóns de euros e máis de 7.600 beneficiarios destas actuacións.

Máis de 17 millóns de euros para emprego en Vigo
Así, dos 48 millóns que están orzamentados en total para a cidade olívica, Vigo recibirá 17,1 millóns de euros en emprego, un 8,2 por cento máis que en 2012.

Mato lembrou, ao respecto, que actualmente hai en Vigo en marcha un obradoiro de emprego, e un Plan integrado, o que o converte nun dos poucos concellos galegos nos que están funcionando ao tempo estes dous programas.

Nos orzamentos de 2013 da Consellería hai tamén unha aposta fundamental polo sector naval. O programa Empreganav estará dotado este ano con 2,1 millóns de euros. O seu obxectivo é elaborar un itinerario de inserción laboral personalizado co fin de recolocar a 450 traballadores do sector.

A conselleira fixo mención ademais a que este ano tamén se incrementa a partida galega destinada ás axudas de autónomos e emprendedores. O aumento é do 1 por cento, e o global supera os 25 millóns de euros.

Para rematar, Mato resumiu que estes orzamentos “están chamados a blindar os servizos sociais, a dar resposta ás persoas que máis o precisan e a mellorar a empregabilidade e crear oportunidades para os galegos e galegas que están en situación de desemprego”.

Para conseguilo “incrementan as axudas de inclusión, impulsan case 700 novas prazas en escolas infantís, garanten unha atención de calidade ás persoas con dependencia, manteñen as axudas para discapacidade, e afondan na cooperación cos concellos para mellorar a empregabilidade dos galegos”.

No hay comentarios: