jueves, 4 de abril de 2013

A Xunta incrementa un 5,12% as prazas dos xóvenes para actividades de verán


Un total de 1.845 xóvenes de entre 9 e 35 anos poderán optar este ano ás actividades de verán organizadas pola Consellería de Traballo e Benestar.

Na programación inclúense campamentos xuvenís para menores de 18 anos, o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís, actividades para maiores de 18 anos, campos de traballo en España e no estranxeiro, e actividades de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

Entre as actividades que se levarán a cabo na área territorial viguesa destaca o programa de Rutas en kaiak de mar: Emprende no mar a través da Ría de Vigo ou o Campo de traballo nas Illas Cíes.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, presentou hoxe esta iniciativa, na que o departamento autonómico inviste case 2,3 millóns de euros en toda Galicia e na que se prevé a contratación dunhas 900 persoas para os postos de monitores e directores de tempo libre.



A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, ofrece este ano un total de 1.845 prazas para actividades da campaña de verán dirixida aos mozos e mozas de entre 9 e 35 anos da provincia de Pontevedra, o que supón un incremento do 5,12% con respecto á oferta do verán pasado.

Esta mañá, a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, acompañada pola xefa territorial do departamento de Traballo e Benestar, María Peón, presentou a iniciativa para este verán que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ven de publicar no DOG e que oferta á mocidade actividades de carácter lúdico, cultural ou deportivo.

As actividades, que este ano chegarán a 90 persoas máis que o anterior, están dirixidas á mozos e mozas de entre 9 e 35 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.

Bravo Bosch puxo en valor o esforzo da Consellería de Traballo e Benestar, especialmente da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, por incrementar o número de prazas na provincia e, sobre todo, por manter esta campaña xa que, coma dixo, outras comunidades autónomas suspenderon estas actividades pola actual situación económica. Destacou esta aposta non só polo carácter cultural e lúdico que ten para os mozos e mozas ou pola xeración de emprego que supón, senón tamén porque favorece a conciliación da vida laboral, persoal e familiar durante os meses estivais.

Neste senso, sinalou que o departamento autonómico inviste case 2,3 millóns de euros na posta en marcha destas actividades para toda Galicia, o que permitirá a contratación dunhas 900 persoas entre os postos de monitores e directores de tempo libre.

Na programación para a provincia inclúense: campamentos xuvenís para menores de 18 anos; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís existentes en Pontevedra; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

Deste xeito, entre as actividades que se ofertan dentro da área territorial viguesa destaca o programa de Rutas en kaiak de mar: Emprende no mar, a través da Ría de Vigo. Nesta iniciativa se ofertan 25 prazas cun percorrido de cinco días pola costa para achegar á mocidade a riqueza cultural e os costumes do mundo mariño e das vilas que se visitarán. Ademais, inclúe actividades como tiro con arco, orientación e snorquel na Illa de San Simón. Por outra banda, tamén é destacable o Campo de traballo nas Illas Cíes, que oferta un total de 120 prazas en 4 quendas durante os meses de xullo e agosto.

Campamentos de verán
O obxectivo dos campamentos de verán é que a mocidade empregue o seu tempo libre en actividades de carácter lúdico, cultural e deportivo, ao tempo que coñecen outros territorios e viven novas experiencias.

Este verán haberá 1.300 prazas na provincia para nenos e nenas de entre 9 e 17 anos. Haberá distintas quendas, de entre 8 e 12 días, durante os meses de xullo e agosto para as instalacións xuvenís de As Sinas, Pontemaril ou o campamento da Illa de Ons. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais desde o día seguinte á publicación da orde no DOG, que foi o día 2 de abril. O sorteo das prazas realizarase, ante notario, nos 45 días seguintes á publicación no Diario Oficial de Galicia.

A praza inclúe o programa de actividades, o aloxamento, a manutención en réxime de pensión completa, o material, e atención sanitaria. No caso de traslado a outras comunidades autónomas, inclúese tamén o transporte desde Santiago de Compostela ata o destino.

Oferta concertada
Ademais das prazas de xestión directa, Xuventude tamén oferta o uso das súas instalacións entre o 15 de xuño e o 30 de setembro ás asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude, escolas de tempo libre, concellos e mozos non asociados. A través desta fórmula, porase a disposición da mocidade pontevedresa un total de 380 prazas nas instalacións dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

Actividades para maiores de 18 anos
Para os maiores de 18 anos e menores de 35, este ano se organizan unha serie de actividades que perseguen ofertar unha alternativa responsable dentro do ocio e tempo libre.

Serán un total de 25 prazas para o programa Rutas en Kaiak de mar. Emprende no mar, a través da Ría de Vigo con percorrido de cinco días pola costa. Inclúe tamén actividades como tiro con arco, orientación e snorquel na Illa de San Simón. Con esta iniciativa se pretende fomentar o respecto polo medio mariño, polas rías e polas costas e de lle achegar á mocidade a riqueza cultural e os costumes do mundo mariñeiro e das vilas que se visitarán. Organizaránse seminarios e charlas sobre autoemprego, innovación e accións formativas, e valoraranse as posibilidades empresariais dos lugares visitados. Trátase de fomentar o emprendemento dun xeito lúdico.

Ademais, os xóvenes pontevedreses poderán optar as actividades que se levan a cabo no resto da comunidade, coma son, “H2O+18: barrancos do Miño” e “Surfeando no Cantábrico” ademais de ás actividades deportivas e de coñecemento da cultura da auga galega, como o barranquismo, kaiak, BTT, xeocaching, surf, bodyboard, escalada e sendeirismo.

Campos de traballo
Para os maiores de 18 anos tamén se poñen en marcha os campos de traballo, cun total de 140 prazas na provincia. O seu obxectivo é fomentar a convivencia, a participación e a tolerancia a través dunha colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos que se levan a cabo en todas as comunidades autónomas e en distintos países.

En Pontevedra organizaranse campos de traballo de diferentes temáticas destacando o de conservación e información ambiental das Illas Cíes ou o ambiental e etnográfico en Lalín.

No que respecta ao Campo de traballo das Illas Cíes, se ofertan un total de 120 prazas para mozos e mozas en 4 quendas de 11 días durante os meses de xullo e agosto. Mentres, as outras 20 prazas son para o Campo de traballo Tradición en verde, en Lalín, durante o mes de agosto.

Toda esta oferta estará á disposición da mocidade galega, e especialmente do resto de comunidades autónomas e de países como Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Corea do Sur ou Xapón.

Ademais, os mozos e mozas galegos poderán asistir ao mesmo tipo de actividades organizadas ao longo do territorio español e en países como Francia, Alemaña, Finlandia, Italia, Países Baixos, República Checa, Portugal, Xapón, México, Corea do Sur, ou Taiwan. Neste programa ofértanse máis de 220 prazas: 89 en distintas CCAA e 136 no estranxeiro.

No hay comentarios: