viernes, 19 de abril de 2013

Elena Muñoz explica en Vigo a política de austeridade da Xunta e o control do déficit

A conselleira de Facenda resalta que Galicia, dentro das súas competencias, conseguiu manter a súa autonomía financeira nun entorno moi desfavorable


A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, destacou hoxe que Galicia está en disposición de aplicar políticas para retomar a senda do crecemento porque foi a primeira comunidade autónoma en facer reformas estruturais. Así, lembrou que xa en 2009 o Executivo autonómico apostou por unha austeridade ben entendida, e que iso permitiu que agora Galicia sexa a comunidade que mellor controla o déficit público e o seu endebedamento.

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, destacou hoxe que Galicia está en disposición de aplicar políticas para retomar a senda do crecemento porque foi a primeira comunidade autónoma en facer reformas estruturais. Así, lembrou que xa en 2009 o Executivo autonómico apostou por unha austeridade ben entendida, e que iso permitiu que agora Galicia sexa a comunidade que mellor controla o déficit público e o seu endebedamento.

Na súa intervención no Forum Nueva Economía, a conselleira de Facenda sinalou que Galicia foi capaz de manter a súa autonomía financeira e de xerar confianza nos mercados pese a un entorno moi desfavorable. Para iso, advertiu de que o gasto expansivo non é a solución e incidiu na necesidade de compatibilizar políticas orientadas ao control do déficit con medidas que permitan incrementar a demanda interna.

Neste sentido, resaltou que a Comunidade galega foi pioneira en levar a cabo a tempo medidas estruturais para evitar os desequilibrios e ter unhas contas controladas. Por iso, na actualidade non está condicionada nin depende das decisións que ten que tomar o Goberno central para rescatar ás comunidades autónomas.

Entre esas medidas, Elena Muñoz Fonteriz recordou que Galicia foi a primeira comunidade en aprobar unha Lei de Disciplina Orzamentaria e en fixar un teito de gasto máximo para os orzamentos. Deste xeito, as contas públicas reducíronse de forma progresiva e ata niveis do ano 2006, coa diferenza de que Galicia o vén facendo de forma gradual e o resto de comunidades fixérono de forma abrupta.

Froito dese control, Galicia é hoxe a comunidade que ten mellor controlado o seu déficit público, que no período 2009-2012 foi a metade que a media das autonomías. E tamén é unha das comunidades que menos sufre a recesión, posto que a caída do PIB galego en 2012 foi cinco décimas menor que o do conxunto de España.

Máis eficiencia na Administración
A Xunta mantén unha aposta decidida pola mellora da eficiencia na Administración e por iso traballa no novo proxecto de Lei de Finanzas, que permitirá gastar mellor os recursos, analizar os que precisa cada partida e avaliar os resultados. Esta normativa reforzará a disciplina orzamentaria e afondará na transparencia, ao tempo que establecerá un cambio de cultura na xestión para modernizala e adaptala á realidade actual.

No eido administrativo, Galicia tamén foi pioneira en 2009 coa aprobación de medidas para simplificar e racionalizar a Administración, e hai escasas semanas vén de impulsar a Lei de Racionalización. Con ela, o Goberno galego incrementará a transparencia e a claridade na xestión pública, buscando a racionalización constante de todo o sector público con pautas de mellora continua.

A conselleira de Facenda incidiu en que a Xunta tamén ten actuado a prol da modernización da Administración pública, e por iso este mes presentou o anteproxecto da Lei do Emprego Público, unha normativa moi demandada polos traballadores públicos e que fixa un marco estable, único e flexible para todos os empregados das administracións galegas.

Esta lei aposta por facilitar a progresión profesional sen cambiar de posto de traballo e por incentivar o seu labor a través da avaliación do desempeño, ao tempo que afonda no aforro ao iniciar os procesos de funcionarización do persoal laboral fixo.

Aposta polo crecemento
Na súa intervención, Elena Muñoz Fonteriz confirmou que Galicia está en disposición de poder comezar a aplicar políticas encamiñadas a saír da crise e retomar a recuperación. Entre elas, citou o fondo específico para o crecemento dotado con 386 millóns de euros, e que permitirá levar a cabo políticas transversais e coordinar as actuacións dos diferentes departamentos do Goberno galego.

Tamén se referiu ao fomento do emprendemento, a través dunha norma que prestará especial atención a proxectos innovadores e con vocación internacional. O obxectivo é elevar a taxa de emprendemento ata o 7,5%, incrementando as deducións fiscais e facilitando a posta en marcha de novas ideas.

A conselleira de Facenda aproveitou para lembrar que Galicia é a segunda comunidade que máis esforzo inversor fixo en 2012, e que a mellor política económica que pode facer a Xunta de Galicia é executar o seu orzamento e pagar as súas obrigas. Deste xeito, incidiu en que esta lexislatura será a do crecemento e que, en todo caso, resulta imprescindible recuperar e consolidar a credibilidade e a confianza como país.

No hay comentarios: