jueves, 18 de octubre de 2012

A Xunta amosa o seu total apoio á Fundación Fai Ben pola súa labor de atención aos menores en situación de desprotección

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, mantivo hoxe un encontro cos responsables desta asociación, que conta con dúas casas de familia na cidade olívica onde conviven 8 nenos e nenas menores de idade.
As casas de familia son vivendas normalizadas onde os menores conviven con 4 educadores, dous deles residen na mesma, reproducindo un modelo familiar onde os nenos teñen un referente familiar e un clima de estabilidade e de protección.

Vigo, 18 de outubro de 2012.- A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, mantivo esta mañá un encontro cos responsables da Fundación de Apoio á Infancia e ao Benestar, Fai Ben, que ten coma obxectivo traballar polos dereitos da infancia en desprotección ofrecendo unha atención familiar, individual e normalizada no presente, ademais de propiciar o restablecemento da vivencia familiar no futuro.

Ademais, a delegada da Xunta puido coñecer unha das dúas casas de familia que nestes momentos teñen na cidade olívica así como a forma de vida dos menores en situación de desprotección acompañada polo director da fundación, Ángel Martínez, e a responsable de dita casa de familia, Carmen Zamora. Bravo Bosch amosou así o seu total apoio a este colectivo polo seu traballo a prol da integración dos nenos e nenas. “É un magnífico proxecto de axuda á infancia para atender aos menores que están en situación de desprotección”, resaltou.

As casas de familia de Fai Ben son vivendas normalizadas onde conviven 8 nenos e nenas de entre 0 a 18 anos que estean nunha situación familiar de risco e precisen que a Administración pública suma a súa garda ou tutela. Contan con catro educadores, dos cales dous viven na casa de forma que se reproduce  un modelo familiar onde os nenos e nenas ademais de ter un referente adulto estable, atopan un clima de protección afectivo e seguro.

Coma explicou o director da fundación, dende que no ano 1995 entraron en funcionamento as casas de familia de Vigo, un total de 57 nenos e nenas pasaron polas súas instalacións contando cunha media de rotación do 33%. Destes casos, a fundación segue mantendo contacto co 80% deles, os cales teñen unha saída positiva na súa traxectoria vital. Coma sinalou Martínez, o obxectivo de Fai Ben é acompañar aos menores que por circunstancias familiares “non poidan vivir nas súas casas ademais de buscar un futuro mellor” que, coma explicou, pasaría por reintegrar ao menor na súa propia familia ou amosar ante a administración que se debe buscar unha solución cunha familia allea.

Outros programas
A fundación Fai Ben conta con outros programas, coma son o programa de adopción especiais “Adoptar é posible” que funciona en colaboración e coordinación cos equipos de adopción das delegacións da Consellería de Traballo e Benestar dende hai 6 anos, e ten por obxecto chegar ás familias galegas dispostas a adoptar nenos de características especiais que están á espera dunha familia.

Tamén o programa de apoio, que está dirixido aos nenos e nenas, mozos e mozas que estiveron nalgunha das casas de familia, e que teñen dificultades puntuais que por si mesmos non poden afrontar, dende problemas económicos, ata familiares ou legais. E por último, o programa de integración social, que se trata dun recurso de vivenda tutelada para aqueles mozos e mozas que cando saian da casa de familia non teñan referente familiar nin posibilidade de autonomía persoal que lles permita vivir de xeito independente. Comprende vivenda tutelada e acompañamento no proceso de integración socio-laboral; acompañamento no seu proceso de autonomía persoal; e apoio económico.


No hay comentarios: