jueves, 18 de octubre de 2012

A Xunta remitiu ao Consorcio Casco Vello de Vigo os novos estatutos, autorizados polo Consello da Xunta para continuar cos traballos de rehabilitación




O propio Consorcio xestionará a sinatura do convenio por parte das dúas administracións intervintes, a Xunta e o concello. 

 Garántese así a continuidade do Consorcio durante polo menos os próximos cinco anos, inda que se prevé a posibilidade de prórroga.

O capital do Consorcio está formado nun 90 por cento por achegas do IGVS e no 10 por cento restante do concello de Vigo.


Santiago, 18 de outubro de 2012.- A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, remitiu ao Consorcio Casco Vello de Vigo o convenio polo que se modifican os estatutos do mesmo, unha vez autorizados polo Consello da Xunta de Galicia, para que o mesmo Consorcio tramite a sinatura de dito convenio polas partes que o subscriben, que son a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Vigo.

Este convenio establece que o Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) continuará coa súa labor de rehabilitación polo menos durante os próximos cinco anos, inda que se prevé a posibilidade de prórroga do mesmo unha vez rematada a súa vixencia. O convenio de creación do Consorcio, asinado en febreiro de 2005, prevía a súa extinción en decembro de 2011, inda que foi prorrogado para permitir a modificación dos estatutos garantindo a continuidade do mesmo.

Segundo os novos estatutos, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) continuará ostentando o 90 por cento do capital deste organismo, mentres o 10 por cento restante corresponde ao Concello de Vigo. Este reparto correspóndese coas achegas de ambos organismos ao capital do Consorcio, que foron 27 millóns de euros no caso da Xunta e tres millóns de euros do Concello.

Entre as novidades que presentan os novos estatutos do Consorcio está a obriga expresa de destinar ao financiamento das actividades de recuperación do Casco Vello de Vigo, propias do consorcio, do produto obtido da explotación ou alleamento dos inmobles que rehabilite.

Tamén se establece que a rehabilitación de inmobles que realice o Consorcio farase tendo en conta que o destino prioritario de ditos inmobles será o de vivendas, preferentemente acollidas a algún réxime de protección pública, inda que non se pecha a posibilidade de destinar algúns inmobles a outro usos ou dotacións públicas.

No que respecta aos aspectos organizativos internos do Consorcio, cabe salientar a creación da figura dun vicepresidente, cargo que ostentará un representante do Concello de Vigo, mentres que a presidencia corresponderá a un representante da Xunta de Galicia.

O consello de administración do Consorcio estará composto polo seu presidente, o concelleiro de Vigo que exerza a competencia de urbanismo no Casco Vello de Vigo, tres concelleiros de Vigo e catro representantes do IGVS. O cargo de conselleiro do Consorcio non será retribuído.

O Consorcio Casco Vello de Vigo nace en febreiro de 2005 coa sinatura dun convenio entre o IGVS, o Concello de Vigo e a Zona Franca de Vigo, co obxectivo de levar a cabo actuacións de rehabilitación no casco vello da cidade. Posteriormente a Zona Franca cedeu a súa participación ao IGVS, quedando o Consorcio formado pola Xunta de Galicia e o Concello de Vigo.

Na actualidade o Consorcio Casco Vello de Vigo é propietario de 54 inmobles, dos que 15 xa están rehabilitados e nos que se obtiveron 52 vivendas e 13 locais comerciais.

Destas 52 vivendas, 34 sorteáronse como vivendas de protección autonómica en réxime de compravenda a prezo concertado, 12 foron asignadas en réxime de alugamento e 5 destináronse a realoxos.

Ademais, na actualidade están en execución as obras de rehabilitación doutros 20 inmobles en ruínas no contorno do Castelo de San Sebastián -na parte alta do barrio antigo- que posibilitará a creación de 30 novas vivendas e 7 locais comerciais.

No hay comentarios: