lunes, 1 de octubre de 2012

Crecemento, emprego, benestar e autogoberno son os eixos do programa electoral do Partido Popular de Galicia

 
Ao longo de 365  páxinas recolle as  medidas a desenvolver durante a vindeira lexislatura

O Partido Popular de Galicia fixo público hoxe na súa páxina web (www.ppdegalicia.com) o seu programa electoral para as eleccións autonómicas do 21 de outubro. Trátase dun documento de 365 páxinas, dividido en tres grandes apartados (Planificación estratatéxica dunha política económica para o crecemento e a creación de emprego, benestar e autogoberno, lingua e cultura) nos que se recollen as medidas do PPdeG para acadar o obxectivo de afrontar os tres grandes problemas que sofre a sociedade galega neste momento: crecemento e xeración de emprego para afrontar a crise económica, mantemento do Estado do Benestar e a mellora do marco institucional.

Continuar coa política de avaliación do gasto e a elaboración dunha Lei de Réxime Financeiro figuran entre as propostas incorporadas polo Partido Popular de Galicia no seu programa electoral no seu primeiro gran bloque centrado na política económica. Neste ámbito, tamén avanza a elaboración dun Pacto pola sustentabilidade do sector público galego e un Plan de contratación pública dos servizos e dos subministros comúns da Administración pública galega.

MELLORA DA EMPREGABILIDADE

O emprego constitúe outro dos puntos fundamentais do programa do Partido Popular de Galicia para os vindeiros catro anos. Neste sentido, propón a posta en marcha dun Plan de Mellora da Empregabilidade no que conflúan todas as políticas dirixidas á xeración de postos de traballo, á que se sumará un cambio de modelo do funcionamento do Servizo Público de Emprego e dos servizos prestados a través do mesmo para converter as súas oficinas en verdadeiros centros de colocación a disposición tanto dos empresarios como dos demandantes de emprego.

No ámbito da Administración Pública, o PPdeG avanza a creación dun Plan de eficacia e transparencia administrativa, que estará acompañado dun código ético dos representantes políticos e dos xestores políticos das administracións e do sector público. Ademais, o programa electoral do Partido Popular incorpora a aprobación da Lei do estatuto galego do empregado público, para garantir unha xestión do persoal máis moderna e homoxénea, que optimice a calidade dos servizos públicos que se prestan aos cidadáns.

Polo que respecta aos sectores produtivos, o obxectivo do PPdeG céntrase na mellora da competitividade dos mesmos, para o que porá en marcha un Plan de fomento da calidade empresarial e unha lei de fomento do emprendemento. Neste sentido, apoiarase a internacionalización para aumentar as vendas e a promoción exterior das empresas galegas

DESENVOLVEMENTO DO TERRITORIO


O desenvolvemento do territorio tamén ocupa un importante espazo no programa electoral do PPdeG. Neste apartado, prevese a elaboración dunha nova Lei do Solo, así como a posta en marcha dun Plan local para a xestión do ciclo urbano da auga, no que se homoxeneicen as taxas de cobro e se marquen uns mínimos de calidade das condicións da rede.

Respecto ás infraestruturas, o PPdeG continuará coas obras para o remate dos tramos de autovía e vías rápidas pendentes de apertura e incorpora a proposta para unha reorganización das estruturas tarifarias das peaxes nas autoestradas galegas. Neste ámbito, tamén se porá en práctica un Plan Estratéxico de Transporte Aéreo para conseguir que os aeroportos galegos se especialicen, compartan esforzos e fomenten unha cooperación intelixente que lles permita incrementar a súa actividade.

Polo que respecta ao tratamento dos residuos sólidos urbanos, o PPdeG propón a ampliación do Complexo Ambiental de SOGAMA en Cerceda na súa aposta pola mellora da prevención, a reciclaxe e a reutilización do lixo.

No apartado das políticas dirixidas ao benestar das persoas, o Partido Popular de Galicia propón a creación na vindeira lexislatura de 3.500 novas prazas en escolas infantís, ás que sumarán 2.500 novas prazas de servizos residenciais para maiores. Neste apartado, aprobará e desenvolverá unha Lei de Accesibilidade de Galicia, que favoreza a adquisición e o intercambio de axudas técnicas e produtos de apoio,así como a eliminación de barreiras.

ESTRATEXIA PARA A MOCIDADE

O PPdeG porá en marcha o Plan Xuventude 2013, unha estratexia para a mocidade galega que contén máis de 250 medidas e suporá un investimento superior aos 900 millóns de euros durante a lexislatura; que estará acompañado do Programa galego para a competitividade e a inserción laboral da mocidade, que ten como obxectivo principal vincular os estudos coa empresa a través da realización de prácticas remuneradas tanto a nivel galego como no estranxeiro.

O acceso á vivenda é outra das preocupación do PPdeG e para elo aposta pola creación de novas axudas para incentivar a concesión de financiamento para a compra de vivendas protexidas, a creación do rexistro de promotores de vivendas ou o Plan de axudas ao aluguer.

A mellora da aprendizaxe de linguas estranxeiras e o fomento da empregabilidade desde o sistema educativo son dous puntos fundamentais do programa do PPdeG no ámbito da educación. Así mesmo, prevese a posta en marcha dun programa de captación de talentos e o desenvolvemento do novo plan de financiamento das universidades galegas, que asegure a súa sustentabilidade económica.

No ámbito sanitario, entre as propostas do PPdeG destaca a posta en marcha da Lei de garantías de prestacións sanitarias e a continuación das obras nos hospitais públicos de Vigo, A Coruña, Pontevedra, Ourense, Salnés e Burela, ao que se suma a construcción de 15 novos centros de saúde.

REFORMA DAS INSTITUCIÓNS ESTATUTARIAS


Por último, o apartado de autogoberno e administración pública recolle a aposta do PPdeG para continuar afondando no proceso de reforma das institucións estatutarias para mellorar o seu funcionamento e abaratar o seu custe. Neste sentido, fomentará ás fusións municipais coa libre vontade dos concellos chamados a fusionarse, así como das fórmulas intermunicipapis de xestión de servios.

Ademais, o PPdeG manterá o seu compromiso coa eficiencia, a través de medidas dirixidas ao axuste orzamentario das administracións, a redución a 61 do número de deputados no Parlamento galego, a contención salarial dos altos cargos e o fomento das canles de información e participación da sociedade.

Tamén se impulsará un pacto polo mecenado da cultura galega e se potenciará o voluntariado cultural, dentro dun ámbito no que se creará unha imaxe de marca Cultura de Galicia a través da que se impulsará o traballo dos creadores galegos.

No hay comentarios: