lunes, 1 de octubre de 2012

Feijóo asegura á mocidade que “o núcleo do noso proxecto é que as vosas ideas poidan transformarse en emprego”





· “Non me conformo con que a taxa de paro xuvenil sexa 8 puntos menor que no conxunto do Estado”, afirmou o candidato do PPdeG

· “Os que brindaban porque pensaban que o traballo non volvería os asteleiros, que guarden as botellas para a botadura dos floteis”, manifestou



Alberto Núñez Feijóo  trasladou hoxe “unha mensaxe de apoio, de esperanza e de confianza” á mocidade galega de face ao futuro, asegurando que “o núcleo do noso proxecto é que as vosas ideas poidan transformarse en emprego”. Durante un acto en Santiago con Novas Xeracións, o candidato do PPdeG manifestou que “non é posible crer en Galicia se non cremos na nosa mocidade”.

“Non veño prometervos que os políticos imos resolver os vosos problemas”, sinalou Feijóo, “senón a dicirvos que os políticos precisamos dos mozos para resolver os problemas que nos son comúns a todos”. “Necesitamos a vosa actitude crítica, a vosa capacidade de innovación e o voso emprendemento”, apuntou o presidente do PPdeG.

Feijóo despexou calquera indicio de dúbida no caso de que “alguén pense que o rigor está rifado co apoio á mocidade”, e demostrou “que non é así”, xa que nunha Galicia “co déficit máis baixo, máis volvente e máis responsable” leváronse a cabo políticas para mozos como “manter as taxas universitarias máis baixas de España, aprobando máis de medio millón de euros en bolsas e incrementando as opcións da Formación Profesional”.

A pesar de todo isto, Feijóo confesou que “non me conformo con que a taxa de paro xuvenil sexa 8 puntos menor que no Estado porque é igualmente inaceptable, nin con que 40.000 rapaces aprendan agora inglés porque debemos aspirar a que todos poidan facelo”. “Non me conformo e por iso pídovos que continuemos xuntos”, animou aos membros de NN.XX., “que vos impliquedes e responsabilicédesvos, porque os grandes saltos da sociedade sempre veñen do impulso dos mozos e mozas”

“Aspiro a unha Galicia na que os mozos poidan elixir entre formación e traballo ou as dúas cousas á vez”, proclamou Feijóo, “a que poidan elixir se queren unha experiencia fóra de Galicia porque o seu goberno axúdelles a buscala e non porque se vexan obrigados, a que poidan elixir na cidade ou iniciar un cambio xeracional no rural, ou a decidir entre ter un emprego ou crearse un propio”.

Dentro dos seus compromisos, o candidato do PPdeG sinalou a súa vontade para reforzar os vínculos entre Xunta, universidades e empresas “que xa empezan a dar resultados no ámbito da investigación e a innovación”, mantendo as taxas máis baixas de España, incrementando as bolsas “que dan oportunidades a todos, como fixemos este xoves” e “adaptando as titulacións aos novos plans internacionais”.

“Galicia ten futuro, e teno porque sodes vós”, subliñou Feijóo, “pero as empresas non terán futuro se non contratan futuro”. Para reforzar este vínculo, apostou por “manter o impulso á innovación” e “a contratación de mozas e mozos” a través “dun programa que fomenta a primeira experiencia laboral” e de “unha formación profesional dual que compatibilice formación e emprego”.

Alberto Núñez Feijóo explicou que España sofre nestes momentos “as consecuencias da ocultación, a negación, o descontrol, a improvisación e a deixadez”, e vive un presente “no que a falta de responsabilidade do pasado lástranos e condiciónanos o futuro”. “Os cidadáns pagan unha débeda da que non son responsables” despois de que algúns políticos “gastasen o seu diñeiro sen criterio nin control”, manifestou o candidato do PPdeG.

Fronte á situación do resto do Estado, Feijóo referiuse a “a Galicia do presente”, onde “hai máis profesores por alumno, máis tecnoloxía e máis idiomas nas aulas”, “onde se volve a construír automóbiles que levan o nome de Galicia polo mundo como sinónimo de calidade” e “onde se construen de novo barcos nas rías de Ferrol e Vigo”. “Lle pese a quen lle pese” insistiu, “lamento decepcionar aos que incomprensiblemente brindaban porque pensaban que o traballo non volvería aos estaleiros”.

“Que garden as botellas para a botadura dos floteis”, aconsellou o candidato popular, que contrapuxo a acción de “un Goberno que resolve” a “unha oposición que se revolve”.

Para Feijóo, Galicia é a resposta ás dúbidas “sobre se algún día seremos capaces de controlar o déficit, de facer fronte ás nosas débedas, de se volveremos construír hospitais públicos ou residencias, de se poderemos ter unha educación máis completa e en liberdade e se algún día poderemos superar a situación”.

No hay comentarios: