miércoles, 17 de octubre de 2012

Feijóo busca unha Galicia cidade única con políticas de telecomunicacións e viarias que limiten diferenzas entre provincias



Aposta por ampliar a cobertura de internet ao 100% da poboación galega como vía para competir con outros territorios do mundo, e recorda o apoio da Xunta ao medio rural


· Pide avanzar no equilibrio territorial a través de infraestruturas pero tamén dos servizos sociais, das oportunidades económicas e das novas tecnoloxías

· O Goberno desbloqueou catro ferramentas crave para aos gandeiros: 31 millóns en axudas, contrato homologado, Lei de transparencia, e acordo produtor-industria-distribución



Vigo, 17 de octubre.-
O candidato do Partido Popular á Presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou esta mañá en Lugo por seguir avanzando nunha Galicia cidade única a través de políticas de telecomunicacións ou viarias, e apostou por internet como vía poder competir dende Galicia co resto de mundo.

Feijóo indicou que “para lograr unha Galicia equilibrada tamén traballamos na implantación da Axenda Dixital 2014”. “Hoxe, máis do 90 por cento dos galegos dispoñen de cobertura de banda ampla, máis do 80 por cento dos polígonos industriais teñen acceso de calidade, o 94 por cento dos puntos de demanda de servizos públicos teñen cobertura de calidade e máis de un millón de galegos xa dispoñen de acceso ás redes de nova xeración”. “De feito, traballamos tamén en dar servizo ao 6% dos galegos que no ten cobertura para darlles servizo vía satélite” porque internet é crave para os negocios pero tamén para os rapaces que non poden estudar igual hoxe que fai vinte anos.

Alberto Núñez Feijóo amosouse partidario dunha Galicia equilibrada a través das infraestruturas “na que calquera galego teña unha vía de altas prestacións a menos de 10 minutos”. En concreto, recordou que desde 2009 puxéronse en servizo 87 quilómetros de vías de altas prestacións e “imos seguir para rematar os máis de 145 quilómetros que xa están en execución”. Neste punto, anunciou a posta en servizo do primeiro tramo do corredor Sarria-Monforte antes de que remate este mes de outubro. “Convén recordar que Galicia é a segunda comunidade autónoma con máis investimento per cápita nos orzamentos do Estado”, sinalou. “O bipartito quería un 8% do total de investimento do Ministerio de Fomento; agora temos o 13%”.

O candidato do Partido Popular indicou que a Xunta está desenvolvendo unha Galicia equilibrada polos servizos públicos, “que continuaremos durante a vindeira lexislatura duplicando os beneficiarios do Programa Abalar, conseguindo que un de cada catro estudantes teñan máis dunha materia en inglés, construíndo hospitais e centros de saúde, ou creando 6.000 novas prazas públicas de garderías, centros de día e residencias para maiores”.

ECONOMÍA COMO VÍA DE EQUILIBRIO

A continuación, Núñez Feijóo centrouse no obxectivo de conseguir unha Galicia equilibrada polas oportunidades económicas, “que nos permita competir en igualdade respecto a outras partes de España, e incluso de Portugal, para evitar a fuga de investimentos”. En concreto, situouse como obxectivo a creación de máis solo empresarial, ata contar con 62 millóns de metros cadrados e parques industriais monográficos, e unha oferta de solo empresarial máis accesible, bonificando e aumentando o prazo para pagar.

Neste ámbito, tamén avanzou que “manteremos o noso apoio aos programas Impulsa”, así como fomentar a igualdade de oportunidades das zonas do rural respecto ás zonas urbanas “garantindo unha mellor mobilidade a través do Plan de Transporte Metropolitano e mellores infraestruturas no rural, a través do plan asinado co Goberno central por importe de 170 millóns de euros ou a nova convocatoria de axudas para proxectos dinamizadores do rural por importe de 15 millóns de euros que hoxe mesmo se publica no Diario Oficial de Galicia”.

“Pero, sobre todo apoiaremos aos sectores estratéxicos do rural, como é o sector lácteo: mellorando a comercialización, apostando polo relevo xeracional, pola incorporación dos mozos ás explotacións e buscando a mellora xenética”, dixo Alberto Núñez Feijóo. Neste ámbito, subliñou que “Galicia non está soa na defensa do sector lácteo, porque agora contamos co apoio do Goberno central” e recordou que este sector “en oito meses ten á súa disposición catro ferramentas básicas que se mantiveran bloqueadas nos oito anos anteriores: contrato homologado obrigatorio, acordo produción-industria-distribución para evitar empregar o leite como produto reclamo, tramitación da Lei da transparencia da cadea alimentaria e a Lei de apoio á integración de cooperativas, ou 31 millóns de euros de axudas directas aos produtores”.

UNIDADE NA XUNTA

“Galicia siga tendo un Goberno único, que traballe cada día por unha Galicia comunicada e con cooperación interna que nos permita competir externamente como unha capital europea de tres millóns de habitantes”.

“Galicia non precisa nin merece un goberno dividido, descentrado pola competición interna, esquecido das preocupacións dos cidadáns, desmedido no seu custo e mesmo nas súas declaracións, e equivocado nas súas prioridades”, manifestou Núñez Feijóo. Neste sentido, apuntou que “Galicia precisa e merece un goberno unido, centrado unicamente en cumprir cos seus compromisos e co seu deber, con conciencia e con capacidade para afrontar a crise, e cun único proxecto e un só modelo de país”.

O candidato do PPdeG afirmou que, “fronte á improvisación e a permanente división do anterior Goberno da Xunta, nos últimos anos temos traballado e queremos seguir traballando por un país máis igualitario en oportunidades para todos os galegos”.

Aposta por ampliar a cobertura de internet ao 100% da poboación galega como vía para competir con outros territorios do mundo, e recorda o apoio da Xunta ao medio rural



No hay comentarios: