miércoles, 17 de octubre de 2012

Puy acusa a Pachi Vázquez de “manipular a realidade e negar a evidencia sobre a economía galega para ganar protagonismo a costa de prexudicar a imaxe de Galicia”



O candidato do PPdeG afirma que “en campaña non vale todo, pero o que é irresponsable é tentar enganar aos galegos”

· “En vez de poñer en cuestión proxectos empresariais como Alcoa, o sector naval ou Novagalicia Banco, o señor Vázquez podería explicar como vai gobernar cuns nacionalistas que, segundo dixo onte Alfonso Guerra, son incompatibles cos socialistas”, sinalou


· “Galicia é a comunidade máis solvente de España e resulta lamentable que os socialistas queiran sementar dúbidas sobre este feito cando todas as autonomías quererían ter as contas tan saneadas como Galicia”, dixo



O candidato do Partido Popular de Galicia Pedro Puy afirmou hoxe que “en campaña electoral non vale todo e un candidato á Presidencia da Xunta como o señor Vázquez non pode manipular a realidade e negar a evidencia sobre a situación da economía de Galicia, co obxectivo de ganar protagonismo a costa de prexudicar a imaxe da nosa comunidade autónoma ante os investidores”.

Pedro Puy pediu aos socialistas que “deixen de manipular a situación financeira de Galicia lanzando infundios sobre supostos desvíos nos orzamentos da Xunta para tapar que Galicia é un exemplo a nivel nacional en control do déficit e o gasto público”.

“Nunha campaña electoral pódense utilizar argumentos do máis variado para atacar ás demais formacións políticas, pero o que é totalmente irresponsable é manipular as cifras danando a imaxe da comunidade autónoma”, manifestou Puy, quen sinalou que “os socialistas levan terxiversando e danando a imaxe de Galicia en temas tan importantes para o futuro da nosa economía como o suposto desvío das contas a raíz dun anteproxecto de informe elaborado polo Consello de Contas que en todo caso non discute o cumprimento do obxectivo de déficit e que está pendente de alegacións por parte da Xunta e de aprobación definitiva; negando os contratos subscritos coa petroleira Pemex ou sementando dúbidas sobre a solución para o problema do subministro eléctrico das factorias de Alcoa”.

SOCIALISTAS E NACIONALISTAS INCOMPATIBLES

Neste sentido, sinalou que “en vez de andar poñendo en cuestión os grandes proxectos empresariais que Galicia ten que sacar adiante, como Alcoa, o sector naval ou Novagalicia Banco, o señor Vázquez podería explicar como vai gobernar cuns nacionalistas que, segundo dixo onte Alfonso Guerra, son incompatibles cos socialistas”. “Como vai facer compatible gobernar cuns nacionalistas que estan pedindo a rebelión fronte ao cumprimento do déficit ou un sistema de financiamento autónomico tipo cupo que prexudicaría sensiblemente a Galicia, como os propios socialistas teñen dito en varias ocasións”, apuntou.

Puy subliñou que “de momento o único informe pechado polo Consello de Contas é o referente ao ano 2009, no que se descubre o burato de 1.200 millóns de euros deixado polo Goberno bipartito como consecuencia de adaptar uns orzamentos irreais e electoralistas á realidade, que obrigaron ao Goberno do PP a realizar modificacións orzamentarias para adaptalos ao escenario económico real”.

“O informe do Consello de Contas do ano 2009 é unha emenda ás prácticas orzamentarias do bipartito, xa que, por unha parte, recoñece de maneira expresa a diminución dos ingresos da comunidade autónoma como consecuencia das previsións excesivamente optimistas do Goberno de Zapatero e, por outra, apunta a necesidade de facer axustes nos orzamentos da Xunta como consecuencia de ter que devolver as liquidacións negativas de máis de 2.200 millóns de euros que deixou a deber o Goberno bipartito”, explicou Pedro Puy.

O candidato do PPdeG manifestou que “a responsabilidade do señor Vázquez como candidato á Presidencia da Xunta debería motivalo para controlar un pouco máis as súas declaracións e non lanzarse a dar cifras e valoracións que posteriormente a realidade e os feitos déixano en clara evidencia”. “Galicia é neste momento, tal e como quedou patente na reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira, a comunidade autónoma máis solvente de España e resulta lamentable que os socialistas queiran sementar dúbidas sobre este feito cando todas as comunidades quererían ter as contas tan saneadas como presenta Galicia”, sinalou Puy.


No hay comentarios: