martes, 20 de noviembre de 2012

El PP registra en el Parlamento la petición de comisión de investigación sobre las cajas

O portavoz do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, asegurou hoxe que o partido acode “sen apriorismos” á comisión de investigación sobre as caixas galegas que proximamente se espera constituír no Parlamento de Galicia. O PPdeG rexistrou onte na Cámara a súa petición para a constitución deste órgano, “un compromiso electoral que quedou cumprido ás 48 horas de constituírse o Grupo Parlamentario Popular”.

Miranda advertiu á oposición que “o momento de falar de comparecentes e do plan de traballo” da comisión “será cando se aprobe a súa constitución”, e subliñou a importancia de que se deu este paso tras ter a certeza “de que non se entorpeza o proceso de recapitalización de Novagalicia Banco”. “Agora formalizamos o noso interese por esclarecer a situación” da entidade “resultante do proceso de fusión das caixas”.

Para o portavoz popular, “as entidades financeiras galegas cometeron erros no pasado”, o Banco de España “tamén fallou na súa obrigación de velar pola saúde do sistema bancario e de caixas”, e tomáronse decisións que non facilitaron a permanencia de Galicia no mapa financeiro do Estado. “É evidente que os consellos de administración votaron si en ocasións nas que deberon votar non”, expuxo Miranda, “eagora os galegos demandan aos seus representantes no Parlamento que busquen respostas que eles non teñen”.

Segundo manifestou, “Galicia pode contar co PPdeG para investigar o xerme das indemnizacións percibidas por algúns directivos en contra do noso criterio, para investigar a decisión das caixas de orientar o seu negocio cara ao sector da construción, e para investigar os erros que nos colocaron como país ao bordo da desaparición financeira”.

Do mesmo xeito, puxo o acento en que se coñezan igualmente “os acertos que permitiron que, aínda hoxe, sexamos unha das poucas autonomías cun banco radicado en Galicia, con directivos nacidos en Galicia e que ten a Galicia como centro no seu plan de negocio”.

PRIMEIRO ANO DE GOBERNO RAJOY
Antonio Rodríguez Miranda tamén quixo realizar un balance do primeiro ano desde a vitoria electoral do PP nas eleccións xerais do 20N, xa que “en realidade só foron pouco máis de dez meses de goberno”. Na súa opinión, “estamos a gobernar no peor momento económico da nosa historia, con menos recursos que nunca”, polo que non cabe facer “lecturas esaxeradas” deste aniversario, dado que “nin Galicia nin España están agora para grandes loas políticas”.

Pero, “onde outros darían media volta e marcharían”, o PP “está a facer todo o posible para que España siga gobernada polos españois, que non é pouco”. “Sen a xestión do PP, pode que este país xa nonestivese gobernado dende este país”, sinalou.

Miranda recoñeceu que neste primeiro ano “tivemos momentos complicados” nos que houbo que “tomar decisións en contra dos nosos principios e o noso programa”. “Tivemos a hemeroteca na nosa contra para poder seguir enfrontándonos cara a cara coa crise, cos especuladores, cun contexto de recesión internacional”, e todo agravado “por unha herdanza brutal” chamada “paro, déficit e prima de risco”.

“É de xustiza recoñecer o arroxo dun Goberno que, con todo en contra, está a traballar unido para que España non comulgue co futuro que outros escriben para ela”, destacou Miranda.

“Queremos recoñecer o labor do Goberno”, dixo, “pero sobre todo queremos pór de manifesto a xenerosidade da cidadanía, que está a ser o mellor aliado deste país na súa loita contra a crise”. O portavoz do PPdeG reiterou que “as enquisas que nos preocupan non son as de popularidade”, senón “as de poboación activa, e gobernamos para cambialas”.

IMPUTACIÓN DO ALCALDE DE LUGO
Miranda, a preguntas dos xornalistas, referiuse á situación do alcalde de Lugo, despois de que unha xuíza imputárano pola súa presunta relación coa “trama Pokemon”. Segundo sinalou, “se o PSOE actúa igual con Orozco que co xa ex alcalde de Ourense, terá que pedirlle que deixe a alcaldía”. Nesta liña, apuntou que se os socios do BNG repiten en Lugo a súa actitude de Ourense “romperán o pacto de goberno cos socialistas”. “O que non sei é se PSOE e BNG actúan de modo diferente en campaña que fora dela”.

Para o portavoz popular, “os bipartitos son un modelo que non funciona”, aínda que resaltou que “o noso labor como forza maioritaria en Lugo e en Galicia é ter un plus de responsabilidade nas nosas declaracións públicas”.

Desde o respecto á presunción de inocencia “aínda que haxa imputacións polo medio”, Miranda aseverou que “non imos apoiar a políticos que cren que unha imputación é o estado idóneo en política”.“Non sei se Pachi Vázquez cre que estar imputado en Lugo é positivo”, reflexionou, “o que si sabemos é que non pensaba que estalo en Ourense fóseo”. “Sería bo que aclarase cal é a súa postura”, dixo.

No hay comentarios: