martes, 8 de enero de 2013

Raquel Arias presenta o lema do Congreso do PPdeG, 'Sigamos avanzando', e elixe aos coordinadores das mesas das ponencias


A presidenta do Comité Organizador anuncia que nos vindeiros días se dará a coñecer o nome da persoa que presidirá o Congreso, así como o dos membros da mesa

O venres remata o prazo para presentar as emendas, un dos pasos máis importantes, xa que con elas os afiliados fan aportacións aos textos que serán a folla de ruta do PPdeG


A presidenta do Comité Organizador do XV Congreso do PPdeG, Raquel Arias, presentou hoxe o lema do cónclave, Sigamos avanzando, e indicou cales serán as persoas encargadas de coordinar as mesas das tres ponencias que se abordarán no Congreso.

Segundo Arias, o lema seleccionado responde á necesidade de que nos vindeiros anos se siga na mesma liña que durante os últimos anos, onde o PPdeG avanzou moito, tal e como se viu reflectido nas eleccións autonómicas, nas europeas, nas xerais e nas municipais, onde a formación medrou en apoios, pero tamén o fixo na súa componente social, crecendo en número de afiliados e de simpatizantes.

No relativo á coordinación das mesas das ponencias, a presidenta do COC apuntou que cada unha delas contará cun presidente, un vicepresidente e un secretario, que serán os encargados de moderar o debate sobre cada texto.

Deste xeito, para a ponencia Estatutos e regulamento dun partido que cambia contigo elixiuse de presidente a Juan Penabad, de vicepresidenta a Ana Simón e de secretario a Antonio Fernández.

Para coordinar o debate sobre A crise como reto presente, o crecemento como meta de futuro, o PPdeG vai contar con Miguel Santalices de presidente, María José Gómez de vicepresidenta e Miguel Domínguez de secretario.

Así mesmo, para a ponencia sobre As persoas como prioridade dunhas institucións abertas moderarán a mesa Santiago Amor como presidente, Roberto Bermúdez como vicepresidente e Carmen Leyte como secretaria.

Nesta liña, Raquel Arias anunciou que nos vindeiros días se dará a coñecer o nome da persoa que presidirá o Congreso así como o dos membros da mesa.

Por outra banda, a dirixente popular lembrou que o prazo para presentaras emendas ás ponencias do Congreso rematará o vindeiro venres día 11 de xaneiro e indicou que se trata dun dos pasos previos ao cónclave máis importantes posto que os afiliados da formación teñen a posibilidade de participar e aportar a súa contribución aos tres textos fundamentais que marcarán a folla de ruta do PPdeG nos vindeiros anos.

Segundo Arias, o traballo sobre estas tres ponencias será o fundamental do Congreso, non como sucede noutras formacións que afrontan este tipo de procesos como unha oportunidade para facer relevos persoais enon as renovacións no seu ideario político que lles demanda a sociedade.

Para o PPdeG, este Congreso servirá para renovarse e actualizar as súas ideas, para seguir estando en sintonía coa sociedade na que vivimos e para afrontar mellor a situación actual.

No hay comentarios: