jueves, 3 de enero de 2013

A Xunta comproba a actividade do servicio de mediación familiar no seu primeiro mes de funcionamento na Gota de Leche


• Foron informadas nove familias e seis aceptaron a mediación: dúas con acordo e catro aínda están en fase de trámite

• O obxectivo do programa é impulsar a resolución dos conflitos familiares pola vía do diálogo e o consenso, reducindo traballo e custes económicos e emocionais


O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, realizaron esta mañá unha visita ao servizo de Mediación Familiar de Vigo, para interesarse polo seu funcionamento no primeiro mes de traballo na súa ubicación no edificio da Gota de Leche.

Concretamente, o programa ubicado no edificio da Gota de Leche ten informado a nove familias, das cales, seis aceptaron a mediación. Ata o momento producíronse dous acordos, mentres que os restantes casos aínda se atopan na fase de trámite.

O programa de mediación familiar intraxudicial de Vigo púxose en marcha grazas a un convenio de colaboración asinado pola Xunta de Galicia, o Ministerio Fiscal, a Universidade de Vigo e o Consello Xeral do Poder Xudicial. O seu obxectivo é impulsar a resolución dos conflitos familiares pola vía do diálogo e o consenso, unha fórmula na que todos os profesionais coinciden como idónea polo aforro de tempo e cartos nos procesos; a diminución da carga de traballo que supón e a redución dos custes emocionais dos participantes, algo especialmente importante nos casos de rupturas familiares con fillos menores.

O servizo de mediación intraxudicial -aquela que se leva a cabo cando o proceso xudicial xa está iniciado- pode ser solicitado por calquera das partes, aínda que na práctica é o xuíz quen, na maioría das ocasións, decide derivar os casos susceptibles de chegar a un acordo. Ademais, tratase dun recurso totalmente gratuíto, cuxa aceptación é voluntaria.

No caso de que ambas partes acepten acollerse a este programa, contan co asesoramento neutral e cualificado de profesionais do dereito e da psicoloxía, que actúan como mediadores no conflito. A intervención destes profesionais busca sempre promover un acordo duradeiro que sexa aceptado polos dous membros da parella, e que, posteriormente, só necesitaría ser ratificado xudicialmente.

No hay comentarios: