miércoles, 16 de enero de 2013

Un 25% do alumnado formado o ano pasado no CIFP de Coia conseguiu un posto de traballo

• O Centro de Formación de Coia, dependente da Xunta de Galicia, desenvolve acciónsformativas orientadas á formación profesional como sistema integral en sectores estratéxicose produtivos coma son a automoción, o naval ou o metal.

• A programación do ano 2012 centrouse na Mecatrónica (electricidade, electrónica, hidráulica, neumática, automatismos e soldadura) e na instalación e mantemento de frío industrial e solar (térmica e fotovoltaica).

• O centro ten un importante resultado en inserción laboral e dos máis de 300 alumnos e alumnas que na actualidade finalizaron os cursos de formación, ao redor do 25% conseguiu unha contratación nas empresas nas que realizaron as prácticas.

• En total, durante o ano pasado acolleu a 542 alumnas e alumnos, un 60% máis que nos anos anteriores, e impartiu 20.000 horas de formación, que representan un 52% máis dos anos anteriores.

• A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitou esta tarde as instalacións do centro, onde coñeceu as aulas de informática e de sistemas eléctricos e electrónicos, e mantivo un encontro coa súa directora, Ángeles Cortés.



Un 25% do alumnado formado durante o ano pasado 2012 no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) de Coia conseguiu un posto de traballo ao rematar os seus estudos.

O CIFP de Coia, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, desenvolve accións formativas orientadas á formación profesional como sistema integral en sectores estratéxicos e produtivos coma son a automoción, o naval ou o metal. Neste senso, programa e imparte cursos de formación dirixidos á fabricación, montaxe e mantemento de bens de equipos e maquinaria industrial, de instalacións frigoríficas e de instalacións solares, os cales aportan a cualificación e recualificación necesaria para acadar a inserción laboral dos alumnos desempregados e mellorar a empregabilidade e a competitividade do tecido empresarial.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitou esta tarde as instalacións do centro, onde coñeceu as aulas de informática e de sistemas eléctricos e electrónicos, e onde mantivo un encontro coa súa directora, Ángeles Cortés, quen lle explicou o importante resultado na inserción laboral dos seus alumnos e alumnas e o seguimento que lles fan cando se dan de baixa por colocación, así como dos que atopan traballo nas empresas nas que realizaron as prácticas.

Deste modo, actualmente, dos máis de 300 alumnos e alumnas dos cursos AFD (Accións Formativas para Desempregados) finalizados a día de hoxe, ao redor dun 25% conseguiu unha contratación nas empresas nas que fixeron as súas prácticas. Non obstante, hai que ter en conta que é posible que a cifra poida ser superior xa que en algúns casos non é posible contactar con todo o alumnado.

Ademais, e para favorecer a inserción laboral do alumnado o centro asinou convenios de prácticas con 105 empresas, e participou tamén con 6 cursos no Programa Forcon para xóvenes desempregados menores de 30 anos.

Con todo, a programación formativa do ano 2012 fundamentouse nos sectores dinámicos específicos da economía de Vigo e a súa área e centrouse nos estudos de Mecatrónica (electricidade, electrónica, hidráulica, neumática, automatismos e soldadura) e na instalación e mantemento de frío industrial e solar (térmica e fotovoltaica).

O centro acolleu así durante o ano pasado a un total de 542 alumnas e alumnos, un 60% máis que nos anos anteriores, e impartiu 20.000 horas de formación (19.989 horas), que representan un 52% máis dos anos anteriores.

As especialidades formativas

Concretamente, as especialidades formativas impartidas no 2012 no CIFP de Coia foron:

Accións Formativas AFD (Accións Formativas para Desempregados): 33 cursos (19.020 horas). Implantáronse 26 novas especialidades formativas con novos certificados de profesionalidade, e mantivéronse 7 cursos con antigos certificados. Participaron un total de 495 alumnos, o que supuxo un incremento de 330 alumnos en relación a anos anteriores.

O Ciclo Superior de Mecatrónica Industrial. Substituiu ao antigo ciclo de Mantemento Industrial. Desenvolveu un total de 960 horas anuais, e matriculáronse un total de 47 alumnos, dos cales 24 son de primeiro curso e 23 de segundo curso.

Acreditación da experiencia profesional. Asesoramento e probas para a acreditación da experiencia profesional na cualificación de fabricación e montaxe de instalación de tubaxe industrial, e asesoramento na acreditación de Atención Sociosanitaria a persoas no domicilio.

O programa ForconAdemais, e ao abeiro do plan formativo Forcon, xurdido dos acordos do Diálogo Social en Galicia, a Xunta puxo en marcha en toda a comunidade autónoma 20 accións formativas formando no CIFP de Coia a 90 mozos e mozas menores de 30 anos, en 6 cursos de fabricación mecánica e montaxe de maquinaria industrial. As empresas que ofrecen un traballo a estes mozos e mozas contan cun incentivo de 2.500 euros á contratación temporal, que pode aumentar noutros 2.500 euros se transforman o contrato en indefinido.

Máis espazos co traslado da oficina de emprego
Por último, hai que ter en conta que co traslado da oficina de emprego de Coia a Navia o Centro Integrado de Formación Profesional dispón agora dun total de 3.664 metros cadrados de superficie útilpara ter un maior aproveitamento das aulas de formación, que contan con maquinaria de última tecnoloxía e as técnicas máis punteiras, para ofrecer obradoiros de automatismo, electricidade e electrónica, entre outros.

No hay comentarios: