viernes, 22 de febrero de 2013

A Xunta ofrece más de 1.300 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos nas 20 escolas infantís de Vigo e a súa área territorial


A Consellería de Traballo e Benestar xa ten aberto o novo proceso de matriculación para o vindeiro curso escolar 2013-2014, que comezará o 5 de setembro.
A cidade de Vigo oferta un total de 628 prazas en 8 centros autonómicos da Rede Galiña Azul, o que supón un incremento dun 60% na oferta dos últimos anos.

O prazo para a presentación de solicitudes de renovación de prazas ou novo ingreso xa está aberto e remata o vindeiro 21 de marzo.

Cangas, Baiona, Nigrán, Gondomar, Soutomaior, O Porriño, Salceda de Caselas e Mos completan a oferta de prazas en escolas infantís da área territorial de Vigo. 

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, xa ten aberto o novo procedemento de matriculación ordinario para optar a algunha das máis de 1.300 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos que se ofertan en 20 escolas infantís autonómicas da Rede Galiña Azul de Vigo e a súa área territorial para o vindeiro curso escolar 2013-2014.
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, aproveitou a visita que fixo esta mañá a escola infantil de Relfas, en Sárdoma, para lembrar aos pais e nais interesados que, tras a publicación no DOG da nova orde que regula o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís o pasado día 20 de febreiro, teñen ata o 21 de marzo para presentar as solicitudes de renovación de prazas ou de novo ingreso. As listas provisionais de admitidos publicaranse o día 2 de maio e as listas definitivas se farán públicas o 27 de maio. Posteriormente, o prazo para formalizar a matrícula dos nenos e nenas admitidos será dende o 28 de maio ata o 12 de xuño de 2013. O curso escolar comezará así o vindeiro 5 de setembro. Calquera consulta poderá facerse a través da webwww.escolasinfantís.net ou no propio centro onde se queira matricular ao neno ou nena.

Bravo Bosch informou así que para o vindeiro curso escolar hai un total de 1.316 prazas dispoñibles en 20 centros de titularidade autonómica nos municipios de Vigo, Cangas, Baiona, Nigrán, Gondomar, Soutomaior, O Porriño, Salceda de Caselas e Mos. Ademais, Moaña se incorporará á Rede Galiña Azul cunha nova escola infantil de recente creación e que abrirá as súas portas na zona de Quintela no mes de setembro.

No que respecta a Vigo cidade, a delegada da Xunta explicou que se ofertan un total de 628 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos en 8 centros infantís situados en: Coia-Rosalía de Castro (107 prazas); Bouzas, 94; Relfas-Sárdoma (74); Caeiro-Cabral (67); no edificio administrativo da Xunta (41 prazas); na rúa Palencia-O Calvario (41); Valadares, con 102 prazas; e Gota de Leche (102 prazas), que entra no proceso de matriculación ordinario por primeira vez. Isto supón, coma recalcou Bravo Bosch, un incremento dun 60% no número de prazas creadas en Vigo nos últimos anos. Ademais, está en planificación a nova escola infantil da Fundación Amancio Ortega, que porá a disposición dos vigueses e viguesas 82 prazas máis para nenos e nenas de 0 a 3 anos.

Na área territorial
Mentres, no que atinxe ao resto dos concellos pertencentes á Delegación Territorial de Vigo, a oferta de prazas da rede autonómica Galiña Azul se completa con 115 prazas en Cangas: A Choupana (41) e O Hío (74); 122 no Porriño: Torneiros (61) e Doantes: (61); 74 en Nigrán; 61 en Salceda de Caselas; 82 en Baiona; 82 en Mos: Porteliña (41) e Coto Torrón (41); 74 en Gondomar; 39 en Soutomaior e, por último, 41 prazas na nova escola de Moaña.

Así, no ámbito da Delegación Territorial, o incremento de prazas nestes últimos anos foi superior ao 50% coa creación de 455 novas prazas nos municipios de Moaña (Quintela), Vigo (Valadares e Gota de Leche), Soutomaior, O Porriño (Doantes), Cangas (O Hío) e Mos (Coto Torrón).

Escola Infantil RelfasBravo Bosch realizou estas declaracións nunha visita á Escola Infantil Relfas, situada en Sárdoma. Acompañada pola directora do centro, María Teresa Rey Castillo, a responsable do Goberno galego en Vigo coñeceu as instalacións educativas e o traballo que realizan os 13 profesionais que atenden aos nenos e nenas. Neste senso, informou que nestes momentos o centro educativo presta servizo en 5 unidades a un total de 74 alumnos e alumnas en horario de mañá. Aínda así, queda reservado un 5% de ocupación para casos especiais.

Por último, a responsable da Administración autonómica na cidade amosou a aposta do Goberno galego pola potenciación da rede de 0 a 3 anos como unha das súas prioridades co fin de garantir o apoio ás familias e facilitar a conciliación entre a vida persoal, laboral e familiar. En definitiva, apoiar aos pais e nais durante o coidado e crianza dos fillos.

Deste modo, Galicia conta con preto de 18.000 (17.975) prazas de escolas infantís financiadas con fondos públicos: 8.627 prazas da rede A Galiña Azul; 2.824 prazas de iniciativa social; 5.971 prazas en escolas municipais subvencionadas; e ao redor de 1.000 de cheque infantil.

No hay comentarios: