viernes, 22 de febrero de 2013

O servizo provincial de recollida de animais comezará a funcionar en marzo, con preto de 50 concellos adheridos

O pleno da Deputación aprobou por unanimidade o regulamento do servizo

O ministerio de Agricultura autorizou un convenio coa Deputación para que a empresa Tragsa leve a cabo a xestión inicial deste servizo

O servizo suporá un custe de 250.000 euros para unha poboación de 378.771 habitantes

Os concellos aboarán polo servizo 30 céntimos por habitante e ano e a Deputación cubrirá os restantes 36 céntimos



O pleno da corporación provincial aprobou hoxe por unanimidade o regulamento do servizo de lacería e do centro de acollida e protección de animais de Armenteira, que entrará en funcionamento o vindeiro mes de marzo e prestará servizo inicialmente a 47 concellos que xa se adheriron ao mesmo.

A empresa Tragsa será a encargada da xestión inicial deste servizo provincial de recollida de animais, despois de que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio ambiente autorizase a sinatura dun convenio coa Deputación para este fin.

O servizo suporá un custo anual de 250.000 euros e beneficiará a unha poboación de 378.771 habitantes, o que supón que o prezo que se deberá aboar polo mesmo é de 0,66 euros por habitante e ano.

O financiamento do servizo farase entre Deputación e concellos, de forma que os segundos deberán pagar 30 céntimos por habitante e ano (un total de 113.631,13 euros entre todos os concellos), e a Administración provincial cubrirá os 136.368,70 euros restante, achegando 0,36 euros por habitante e ano.

Isto suporá unha notable redución na achega que na actualidade teñen que facer os concellos para poder prestar este servizo, que é competencia municipal e que ata o de agora supoñía un verdadeiro problema para a maioría dos concellos da provincia.

Concienciación
O obxectivo do servizo provincial de recollida de animais é incidir na concienciación e sensibilización da poboación tanto a prol das adopcións como en contra dos abandonos, así como no máximo respecto ás necesidades, ao benestar e aos dereitos dos animais.

Neste sentido, a xestión do centro incluirá medidas de vixilancia para a identificación e rexistro de animais, programas de vacinación e esterilización, campañas para promover a tenza responsable de animais e de sensibilización para erradicar o abandono e os malos tratos, fomentando as adopcións sobre calquera outro destino ecolaborando coas asociacións protectoras de animais.

Coa xestión conxunta do servizo búscase unha optimización dos recursos públicos e unha mellora na calidade da prestación, cunaforro que nalgúns casos chegará ao 70% respecto o que pagan na actualidade os concellos.

No hay comentarios: