viernes, 21 de septiembre de 2012

Bravo Bosch inaugurou o IV Encontro Nacional de mulleres que este fin de semana reúne a 66 persoas na residencia de Panxón


A Rede de Mulleres contra os Malos Tratos de Vigo organiza estas xornadas, que comezaron esta mañá e rematan mañá sábado. 

A delegada territorial da Xunta recoñeceu o traballo do colectivo a prol da igualdade  e na prevención e asistencia ás mulleres que sofren malos tratos.



Vigo, 21 de setembro de 2012.- A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, inaugurou esta tarde o IV Encontro Nacional de Mulleres que organiza a Rede de Mulleres contra os Malos Tratos de Vigo e que celebra este fin de semana na Residencia de Tempo Libre de Panxón.

Durante todo o día de hoxe e o de mañá, un total de 66 persoas asisten a estas xornadas, que teñen coma obxectivo manter e fortalecer o contacto entre as asociacións de mulleres, establecer relacións de axuda mutua e crear e fomentar redes comúns de traballo, así como favorecer a súa formación. Cunha serie de conferencias, debates, obradoiros e grupos de traballo, este IV Encontro Nacional pretende establecer puntos de encontro entre os colectivos participantes.

Na súa intervención, Bravo Bosch recoñeceu o traballo do colectivo de mulleres a prol da igualdade e, sobre todo, da Rede de Mulleres contra os Malos Tratos por realizar este tipo de xornadas coa finalidade de traballar na prevención e asistencia ás mulleres que sofren malos tratos, así como na formación e información sobre xénero, sensibilizando e difundindo os valores da igualdade entre as persoas e dando asistencia e acompañamento a mulleres que sofren violencia de xénero.

Por último, a delegada da Xunta en Vigo animou aos participantes a que aproveiten estas xornadas e esperou que as conclusións ás que cheguen sirvan para seguir traballando na mesma liña de axuda ás mulleres.  

No hay comentarios: