miércoles, 19 de septiembre de 2012

Xunta, Universidade, Fiscalía e CXPX asinan o convenio para poñer en marcha a mediación familiar en Vigo

A iniciativa busca impulsar a resolución dos conflitos familiares pola vía do diálogo e o consenso e baixar a carga de traballo nos xulgados da nosa comunidade


Vigo, 19 de setembro de 2012.- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, asinou esta mañá un convenio de colaboración co Ministerio Fiscal, a Universidade de Vigo e o Consello Xeral do Poder Xudicial, para implantar na cidade olívica un programa de mediación familiar intraxudicial, co obxectivo de impulsar a resolución dos conflitos familiares pola vía do diálogo e o consenso.
O acto contou coa presenza do Fiscal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela, cos membros do CXPX, Manuel Almenar, Antonio Dorado e Margarita Uría, e coa vicerreitora da Universidade de Vigo, Asunción Longo. O convenio é unha suma de esforzos entre as institucións involucradas para ofrecer os mellores servizos aos cidadáns, especialmente cando se trata de servizos tan eficaces e útiles como é a mediación intraxudicial.
Todas as partes que asinan o convenio coincidiron na necesidade de difundir a mediación familiar como unha técnica de resolución de conflitos que aforra tempo e cartos nos procesos e que incide directamente nunha redución da carga de traballo nos xulgados da nosa comunidade. Ademais, incidiron na importancia da redución dos custes emocionais dos participantes, algo especialmente importante nos casos de rupturas familiares con fillos menores.
O servizo de mediación intraxudicial -aquela que se leva a cabo cando o proceso xudicial xa está iniciado- pode ser solicitado por calquera das partes, aínda que na práctica é o xuíz quen, na maioría das ocasións, decide derivar os casos susceptibles de chegar a un acordo.
É un recurso totalmente gratuíto e a súa aceptación é voluntaria. No caso de que ambas partes acepten acollerse a este programa, contarán co asesoramento neutral e cualificado de profesionais do dereito e da psicoloxía, que actuarán como mediadores no conflito. A intervención destes profesionais buscará sempre promover un acordo duradeiro que sexa aceptado polos dous membros da parella, e que, posteriormente, só necesitaría ser ratificado xudicialmente.
Este modelo de resolución de conflitos xa se puxera en marcha en Santiago en 2009 e en Ourense o ano pasado. En 2011 a metade dos casos que se abordaron remataron cun acordo que puxo fin ao procedemento xudicial.

No hay comentarios: