jueves, 11 de octubre de 2012

O centro sociocomunitario de Coia inicia un ano máis as súas actividades de lecer e tempo libre para persoas maiores

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, mantivo esta mañá un encontro coa súa directora para comprobar o inicio do novo curso no centro social, que cada ano recibe a máis de 5.000 usuarios e usuarias




Vigo, 11 de outubro de 2012.- A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, mantivo esta mañá un encontro coa directora do Centro Sociocomunitario de Coia, Carmen Cochón, para comprobar o inicio do novo curso de actividades de lecer e tempo libre que un ano máis se poñen en marcha nos Centros Sociocomunitarios dependentes da Consellería de Traballo e Benestar da cidade olívica.

O centro Sociocomunitario de Coia é un dos centros sociais con maior número de usuarios e usuarias de Vigo e leva a cabo diversas actividades de lecer e tempo libre desenvolvendo así unha importante labor social para o día a día das persoas maiores. Púxose ao servizo da cidadanía no ano 1993 coa finalidade de mellorar a calidade de vida dos usuarios mediante a promoción sociocultural das persoas e, a día de hoxe, é un importante lugar de encontro interxeneracional e de comunicación.

Segundo os últimos datos, este centro recibe a máis de 5.000 usuarios e usuarias e, nestes momentos, están a desenrolar obradoiros de taichi, ioga, ximnasia de mantemento, danzas do mundo, informática, internet, aerobic ou pilates, entre outros talleres. A maioría dos usuarios que acoden a este centro teñen entre 55 e 79 anos. Un dos obradoiros polos que destaca este centro social é a revista dixital que realizan un grupo de usuarios e usuarias voluntarios converténdose así en propios redactores e ofrecendo información das actividades do centro así coma outro tipo de informacións xerais.

O obxectivo final que busca a Xunta de Galicia a través das distintas actividades e servizos que se ofrecen nos Centros Sociocomunitarios é conseguir unha participación activa na comunidade dos cidadáns en xeral e das persoas maiores en particular, a prevención da dependencia e que as persoas maiores teñan un lugar para reunirse propiciando a integración social no grupo e que os usuarios e usuarias participen nas actividades e se relacionen activamente promovendo tamén actividades de voluntariado, ocio ou excursións.

Na cidade olívica, a Administración autonómica xestiona 6 centros sociais, ubicados en Vigo-centro (Pi y Margall), Calvario, Coia, Bouzas, Teis e Rivera Atienza, e polos que, ao ano, pasan máis de 13.000 usuarios e usuarias. Trátase de persoas maiores que acoden a diario a estes centros a realizar múltiples actividades de lecer e tempo libre, pero tamén actividades formativas e didácticas e, incluso, de benestar físico e mental.

Hai que destacar tamén que, pouco a pouco, estes centros sociais abren as súas instalacións a xente máis xoven e que, o número total de usuarios e usuarias que utilizan estas dependencias é maior xa que moitas das persoas que acoden aos centros o fan para utilizar a sala de lectura, a biblioteca, ou a cafetería, entre outros.

En total, a Consellería de Traballo e Benestar xestiona 17 Centros Sociocomunitarios en toda a provincia. Ademais dos 6 de Vigo, o resto atópanse en Cangas, Porriño, Baiona, Redondela, Pontevedra, Tui, Vilagarcía e Vilaxoán ademais da Casa do Mar de Cambados, Marín e A Estrada.


No hay comentarios: