lunes, 19 de noviembre de 2012

Pedro Puy anuncia la comisión de investigación sobre las cajas



En declaracións á Cadena SER, apuntou que, “dentro do que sexa posible, se analizarán todos os documentos para que se saiba todo o qeu aconteceu”

“Unha crise das dimensións que estamos a ter vai reforzar a necesidade dun compromiso co bo uso dos recursos públicos”, afirmou 



O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, anunciou hoxe a disposición do seu grupo parlamentario para constituír no primeiro período de sesións a comisión de investigación das caixas de aforro galegas, na que, “dentro do que sexa posible, se analizarán todos os documentos legalmente posibles para que se saiba todo o que aconteceu” neste proceso de fusión. Así mesmo, sinalou que “unha crise das dimensións que estamos a ter vai reforzar a necesidade dun compromiso co bo uso dos recursos públicos”.

Nunha entrevista concedida á Cadena SER, Pedro Puy sinalou que o debate de investidura o Presidente da Xunta será a primeira actividade que se abordará no Parlamento de Galicia. Posteriormente, “xa está anunciada a presentación e debate, mesmo habilitando o mes de xaneiro, dos orzamentos da Xunta para 2013, o que implica a comparecencia de todos os conselleiros e o debate de totalidade das contas públicas”.

COMPROMISOS ELECTORAIS
Así mesmo, recordou que o Grupo Popular “tamén levamos algúns compromisos no programa electoral, que pasan polo impulso da comisión de investigación das caixas ou a regulación das fundacións nas que se converterán estas entidades financeiras, así como outras iniciativas que impulsará o Goberno, como a lei de garantías sanitarias ou a lei de inclusión social”.

Respecto á comisión das caixas, Puy reiterou o anuncio de que “a constituiríamos no primeiro periodo de sesións”, polo que “será unha das primeiras iniciativas que rexistra o Grupo Parlamentario”. “Dentro do que sexa posible, se analizarán todos aqueles documentos que sexan demandados pola oposición, entre eles a auditoría de KPMG e as outras moitas feitas mesmo por organismos oficiais”, co obxectivo de que “se saiba todo o que aconteceu”.

O portavoz popular tamén falou da reforma da Lei Electoral para a redución do número de deputados no Parlamento galego. Neste sentido, explicou que esta reforma “terá vixencia cando se volvan celebrar eleccións, polo que temos toda a lexislatura por diante” para aprobala, polo que “o Grupo Parlamentario decidirá o momento político adecuado para presentala en función da opinión dos seus membros”.

Sobre os soldos dos deputados, Puy subliñou que durante a pasada lexislatura “acompasouse todo o que se fixo na administración galega ao Parlamento: se o Presidente da Xunta reduciu o soldo un 15 por cento, a Presidenta do Parlamento tamén o baixou na mesma porcentaxe, e os deputados tamén na mesma proporción que os directores xerais”. “No futuro faremos o mesmo, comezando polas pagas extraordinarias, que os deputados aplicaremos ao conxunto das nosas retribucións para que se volva a trasladar o esforzo que se lle pide aos funcionarios públicos, a propia administración e aos representantes que traballan no Parlamento de Galicia”, anotou.

REGULAMENTO DE 1983
Pedro Puy lembrou que a elección dos membros da Mesa do Parlamento realízase segundo o regulamento da Cámara, que “foi aprobado no ano 1983 nun momento no que tamén había catro grupos parlamentarios e cunha composición ideolóxica semellante”. “A Mesa é un órgano de goberno e representativo importante desde o punto de vista da xestión, pero desde o punto de vista político as decisións recaen na Xunta de Portavoces, que mesmo pode rexeitar acordos adoptados pola Mesa, e neste órgano si están representados todos os grupos parlamentarios a través dos seus portavoces”.

Cuestionado sobre a presencia de AGE no Parlamento, Pedro Puy manifestou que “nós non imos caer na trampa da súa eventual radicalización e iso obríganos a ser máis responsables e centrar e fixar ben a mensaxe que une a unha gran maioría dos galegos”. “Confío que se manteña a tradición que hai nas forzas políticas que integran esta coalición de respecto ás institucións democráticas”, apuntou.

Por último, o portavoz popular salientou que o Goberno da Xunta “desempeñou a súas funcións, nun contexto tremendo de crise, dunha maneira razoable a axeitada, e os resultados avalían a súa xestión, o que implica que poida haber algunha continuidade nas persoas, nos equipos e nas políticas”. “Dito isto, quen ten a capacidade de nomear o Goberno é o Presidente”.

No hay comentarios: