viernes, 21 de diciembre de 2012

A Deputación confirma que Carlos Núñez comporá a sintonía e será a imaxe da Volta Ciclista a España 2013


Rafael Louzán anuncia que o artista vigués será tamén a estrela na gala de presentación da Volta o vindeiro día 12 de xaneiro en Vigo, e participará na elaboración do videoclip oficial da proba, no que haberá "múltiples referencias a Galicia"

Carlos Núñez: "A Volta é un miradoiro maravilloso, non só para mín, senón para toda a música galega"; "Quero que a sintonía reflicta o ritmo, a épica, a viaxe e os soños que leva implícitos o ciclismo e, por suposto, o sabor de Galicia"; "Síntome moi orgulloso de que non só o flamenco poda internacionalizar a España, senón tamén a música galega"



O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, anunciou esta mañán xunto ao artista vigués Carlos Núñez que será o internacionalmente coñecido gaiteiro galego quen compoña este ano a sintonía da 'Volta Ciclista a España'. O acordo, alcanzado coa empresa organizadora, Uniplublic, inclúe tamén que Carlos Núñez poña música ao vídeo oficial da Volta, que segundo adiantou Rafael Louzán, "conterá múltiples referencias a Galicia". Núñez será ademáis unha das imaxes oficiais da proba durante todo o ano, o que suporá "unha proxección evidente tanto das Rías Baixas como de toda a comunidade autónoma".

O anuncio tivo lugar nun acto na sede viguesa da Deputación, coa presencia do vicepresidente, José Manuel Figueroa, e da deputada provincial Marta Iglesias. Ademáis de que Carlos Núñez se convirta na imaxe oficial da Volta a España 2013, o músico galego tamén será o artista invitado na gala oficial de presentación da proba ciclista que se desenvolverá o vindeiro 12 de xaneiro, a partires das doce da mañán, no Centro Cultura García Barbón de Vigo. Esta gala será retransmitida en directo por RTVE e as imaxes serán servidas a un total de 178 países. Preto de mil personaxes de toda España, entre autoridades, deportistas e organizadores, asistirán ao evento.

"Dende hoxe mesmo comeza o traballo para compoñer a sintonía da Volta Ciclista a España", remarcou Carlos Núñez esta mañán en Vigo. O artista, definido por Louzán coma "un icono de Vigo, das Rías Baixas e de Galicia no mundo enteiro", adiantou que a música que identificará este ano a Volta "reflictirá o ritmo, a épica, as viaxes e os soños que leva implícitos o ciclismo", e todo elo misturado "coa sabor de Galicia".

"A Volta é un miradoiro maravilloso non só para mín, senón para toda a música galega", suliñou Carlos Núñez, quen agradeceu a "altura de miras" da Deputación de Pontevedra, por suxerir que sexa a música galega quen protagonice esta edición da proba ciclista, sucedendo así ao grupo La Oreja de Van Gogh, que compuxo a sintonía da Volta no ano que agora remata.

Carlos Núñez declarouse un "aficionado real ao ciclismo", lembrou que o seu pai correu no Clube Ciclista de Vigo, e admitiu que non anda en bici todo o que lle gostaría por medo aos accidentes, xa que "de neno caín e rompín un oso do único dedo que non se usa para tocar a gaita". "Decateime entón de que a bicicleta é máis perigosa do que parece", ironizou.

"Síntome moi orgulloso por este encargo -resaltou Núñez- e tamén de que non sexa só o flamenco quen internacionalice a España, senón a música galega". E concluiu suliñando que "Galicia será nesta ocasión un punto de arranque para todo o mundo".

O presidente da Deputación lembrou que a comunidade autónoma será a protagonista indiscutible da Volta a España no 2013, coa saída oficial e as tres primeiras etapas descorrendo pola provincia de Pontevedra. Neste senso confirmou a saída oficial dende Vilanova, a da segunda etapa desde Pontevedra, a terceira desde Vigo, e a cuarta desde Lalín.

Mostrouse convencido de que Carlos Núñez "será unha imaxe perfecta de Galicia e das Rías Baixas" e agradeceu a "humildade e xenerosidade" do artista vigués desde que o pasado novembro comezaran as conversas para chegar ao acordo final sobre a súa participación na Volta deste ano.

"Xa estiven a piques de compoñer a sintonía da Volta no ano 1997, pero entón non pudo ser -lembrou Núñez- polo que agora síntome cargado de responsabilidade".

A Deputación de Pontevedra colaborou no paso da Volta pola provincia de Pontevedra este ano, cun recorrido que espertou múltiples eloxios por parte tanto dos equipos participantes, como da prensa espeecializada e tamén dos organizadores. Na edición do 2013, a saída oficial da proba ciclista terá lugar dende unha batea la ría de Arousa. E os percorridos elexidos amosarán a meirande parte da variedade paisaxística das Rías Baixas.

Calcúlase que preto de 300 millóns de espectadores recibirán directamente as imaxes das etapas galegas da Volta, ademáis de facerse eco da gala de presentación da proba. A Volta inclúese no calendario internacional entre as tres grandes probas do circuito ciclista mundial.

No hay comentarios: