miércoles, 30 de enero de 2013

Prado: “A tribuna da Cámara usouse para ameazar de morte ao presidente da Xunta co aplauso dalgún deputado da oposición”


A voceira do PPdeG entende que os deputados que protagonizaron o plantón no pleno pedirán á Cámara que non lles aboe a parte do salario correspondente ao día de onte

Episodios como os vividos nos últimos meses na tribuna do Hemiciclo xustifican que Pilar Rojo tivese que adoptar a medida de limitar o acceso dos invitados á tribuna

A voceira do PPdeG, Paula Prado, lembrou hoxe que “a tribuna da Cámara usouse para ameazar de morte ao presidente da Xunta co aplauso dalgún deputado da oposición”.

Prado xustificou así a decisión da presidenta do Parlamento de asumir ela a vontade última no relativo á asignación das invitacións á tribuna do Parlamento. Con respecto a isto, lembrou o episodio vivido hai semanas no Parlamento, cando un dos invitados do PSOE ameazaba de morte aos deputados do PPdeG en xeral e ao presidente da Xunta en particular, mentras deputados do BNG e de AGE amosaban o seu beneplácito.

Segundo Prado, aquela frase escoitada alí de “o Miño baixará manchado de sangue” levou aos populares á reflexión, e por iso cren que tamén debería levar á reflexión ao resto de grupos.

Como explicaba a dirixente popular, en episodios coma este e coma o dos zarandeos sufridos por un conselleiro hai uns meses a mans dos invitados levados ao Parlamento por parte do PSOE en Galicia, ten a súa razón de ser a medida impulsada por Pilar Rojo.

Con respecto a isto, Prado lembrou que onte a Cámara galega volveu a colarse nos informativos nacionais, non pola súa acción lexislativa, senón polas sobreactuacións da oposición e pola complicidade dalgúns partidos con persoas que pretendían boicotear o debate parlamentario.

Por iso, para Prado está xustificada a medida proposta pola presidenta do Parlamento, que xa falou coa oposición en numerosas ocasións sobre este asunto pero eles preferiron usar a desesperación da xente en contra do Goberno con accións cada vez máis exaxeradas.

Por outra banda, a voceira do PPdeG referiuse ao plantón que onte deron ao pleno os deputados de PSOE, BNG e AGE dicindo que entende que pedirán aos servizos da Cámara que non lles aboen a parte proporcional do salario correspondente ao día de onte, posto que o traballo de deputado faise dun xeito moi diferente ao empregado onte por 31 deputados da oposición.

Como insistiu Prado, a medida adoptada pretende rebaixar a tensión na Cámara galega e os que piden á xente que rodeen a Xunta ata que os políticos do PPdeG fuxan; os que crispan falando de mocións de censura tres meses despois de pechar un escrutinio; ou os que aplauden as ameazas de morte, todos eles deberán reflexionar e pensar qué sensacións están xerando na rúa e que tempestades poden recoller os ventos que sembran.

No hay comentarios: