miércoles, 30 de enero de 2013

Empreganav, que beneficia a 450 desempregados do naval, centrarase nos próximos meses en accións de formación e apoio á recolocación


A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe os obradoiros e cursos que se están a impartir en Vigo

O programa, que se desenvolve desde o ano pasado, conta cun orzamento de 3,1 millóns de euros e foi acordado na Mesa do Naval do Diálogo Social

O proxecto creará itinerarios personalizados para os 450 beneficiarios favorecendo a mellora da súa empregabilidade, da súa reciclaxe profesional e a súa recolocación no propio sector ou noutro distinto

A iniciativa inclúe, ademais, 500.000 euros para incentivos co obxectivo de axudar aos participantes a sufragar os gatos de desprazamentos ou conciliación familiar

Mato destacou que o Goberno galego está a ofrecer unha resposta conxunta e coordinada á crise do naval


O programa Empreganav, que puxo en marcha a Consellería de Traballo e Benestar o ano pasado para a recolocación específica dos desempregados do sector do metal e auxiliar do naval, centrarase nos próximos meses en accións formativas e apoio para a busca dun emprego.

A conselleira do departamento autonómico, Beatriz Mato, visitou hoxe os obradoiros e cursos que xa se están a impartir en Vigo na Fundación Galega do Metal (Formega), que participa neste proxecto europeo, ao igual que a Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime) e a Federación de Industria CCOO e a Federación de Industria, Metal, Construción e Afíns de UXT (MCA-UXT).

Deste programa, que foi acordado na Mesa do Naval do Diálogo Social, estanse a beneficiar 450 persoas desempregadas do sector que perderon o seu posto laboral entre marzo e decembro de 2011. Do total, un 37 por cento son de Vigo. A iniciativa conta cun orzamento de 3,1 millóns de euros financiado polo Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG) e polas consellerías de Traballo e Benestar e Economía e Industria.

Ademais desta partida económica, estanse a destinar 500.000 euros para incentivos á participación que axudan aos traballadores a sufragar os gastos que implican a súa asitencia ao programa, como de desprazamento ou para a conciliación familiar.

As diferentes fases
O proxecto, que busca, polo tanto, elaborar un itinerario de inserción laboral personalizado para cada traballador consta de 7 áreas. Actualmente estase a realizar o programa de formación, a cuarta fase. Neste senso, Mato destacou que xa se impartiu formación en activación laboral, para mellorar as aptitudes dos traballadores no proceso de procura dun emprego, e formación transversal, coñecementos de inglés e informática. Destes cursos beneficiáronse 100 alumnos en Vigo, Ferrol, A Coruña, Santiago e Ourense.

Nestes momentos estanse a impartir novos cursos nestas mesmas materias e tamén en formación en competencias básicas e especializada no propio sector para mellorar a cualificación profesional dos participantes. O programa seguirá desenvolvéndose ata o primeiro trimestre de 2014, e nos próximos meses centrarase nas accións de formación e apoio á recolocación. A conselleira explicou que se fará mediante unha análise continuada do tecido industrial do sector para detectar as necesidades das empresas, e comprobar que ofertas de emprego se adecúan aos itinerarios profesionais dos participantes no programa.

Información e orientación
O programa Empreganav comezou no segundo semestre do ano pasado cunha serie de xornadas informativas nas cidades cun tecido industrial do metal e auxiliar do naval (Vigo, A Coruña, Ferrol, Santiago, Ourense e Vilagarcía). A segunda fase centrouse nas medidas de sensibilización que se levaron a cabo a través de distintos obradoiros: de xestión do cambio, de acreditación de certificados de profesionalidade, de retorno ás aulas e de fomento do espírito emprendedor.

A terceira fase consistiu na orientación laboral aos traballadores, que proporcionaron datos sobre a súa dispoñibilidade, preferencias, experiencia e aptitudes profesionais para elaborar un perfil de cada traballador e un itinerario personalizado.

Por último, Mato destacou que a posta en marcha deste plan e doutros programas destinados especificamente ao naval están a demostrar que “o Goberno galego está a ofrecer unha resposta conxunta e coordinada aos problemas deste sector”. Neste senso, lembrou a alianza estratéxica con PEMEX que permitirá a construción de dous floteles en Navantia e Barreras.

En definitiva, a conselleira concluíu asegurando que con este programa favorecerase a mellora da empregabilidade dos desempregados do naval, a súa reciclaxe profesional e a súa recolocación no propio sector ou noutro distinto. “Empreganav segue o exemplo de EmpregaTex que se levou entre 2010 e 2012 para desempregados do téxtil e acadou unha inserción laboral do 60%”, rematou.

No hay comentarios: