viernes, 7 de junio de 2013

70 nenos e nenas conmemoran coa Xunta o Día Mundial dos Océanos

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, participou na xornada de portas abertas á embarcación que hoxe está no peirao de Cangas. 

Baixo o lema “Xuventude: a nova etapa para o cambio”, a Xunta de Galicia conmemora o Día Mundial dos Océanos, que se celebra mañá, cunha xornada destinada aos centros educativos.


Un grupo de 71 nenos e nenas do CEIP A Rúa de Cangas foi o encargado de inaugurar esta mañá a xornada de portas abertas ao buque de Gardacostas Valentín Paz Andrade, amarrado no peirao da vila canguesa, para conmemorar así o Día Mundial dos Océanos.

Con motivo da celebración deste día, mañá 8 de xuño, a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, e o alcalde da localidade, José Enrique Sotelo, acompañaron aos cativos nesta iniciativa posta en marcha pola Consellería do Medio Rural e do Mar. Baixo o lema “Xuventude: a nova etapa para o cambio”, a Xunta de Galicia programa esta xornada divulgativa e guiada de portas abertas que vai dirixida a grupos de escolares que, ademais, obterán un diploma de grumete personalizado, así coma ao público en xeral que queira coñecer a embarcación adscrita ao Servizo de Gardacostas.

Con este tipo de actos, a Administración autonómica busca, por unha banda, xerar interese polo coñecemento dos mares e os océanos e, por outra, propiciar unha maior conciencia para traballar na súa protección. Ao tempo, quérese afirmar a íntima relación de Galicia co medio mariño e a defensa da sustentabilidade deste vínculo.

Declaración Institucional
Con motivo deste día, o Goberno galego fará pública unha Declaración Institucional na que reafirma a súa aposta pola sustentabilidade en relación coa xestión dos recursos e do medio mariño. A Xunta quere deixar claro así que esta designación do 8 de xuño como Día Mundial dos Océanos –que aprobou a ONU no 2008– “é unha oportunidade para crear unha conciencia mundial dos desafíos aos que se enfronta a Comunidade Internacional en relación cos océanos pois son, ademais da orixe da vida, unha fonte de alimentos e medicamentos e unha estrutura de sostén social e económico”.

A Declaración Institucional fai referencia tamén á estreita vinculación de Galicia co mar, polo que advirte que o Goberno galego “ten ante si o reto de manter a sustentabilidade dos océanos, deixándoos para as vindeiras xeracións en mellores condicións das que os atopamos, pero conseguindo ao mesmo tempo que as xentes que viven do mar poidan manter unha calidade de vida digna, pescando e procesando os produtos desa pesca, competindo co resto do mundo en igualdade de condicións”.

Tamén se fai mención explícita ao sector naval galego no sentido de reiterar “o compromiso, e xa o estamos facendo, para desenvolver todos os procesos necesarios para que a construción naval volva a ter a puxanza que nos permitirá, unha vez máis, liderar a actividade neste sector, verdadeiro piar do desenvolvemento socioeconómico de moitas áreas da nosa costa, devolvendo a actividade aos noso estaleiros”.

Ademais, faise alusión ás posibilidades de turismo e ocio que ofrecen as nosas costas, que se definen como “dificilmente igualables”, lembrando ao tempo que “somos a Comunidade que lidera en número as bandeiras azuis”.
A Declaración Institucional remata advertindo que “os galegos somos conscientes de que temos que apostar polos nosos océanos, porque somos un pobo que non entendería vivir sen que formasen parte do noso ser como pobo e porque, nos tempos nos que vivimos, defender o medio mariño e os sectores a el vinculados é máis que nunca unha prioridade, unha necesidade e un desexo de manter o que é noso, de defendelo e melloralo, ano a ano, na medida das nosas posibilidades”.

No hay comentarios: